O sistema público de investigación galego toma nota dun modelo madrileño reorientado ao talento e á innovación
O ciclo organizado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta continuou hoxe con representantes dos Institutos Madrileños de Estudios Avanzados
A xestión do talento investigador foi de novo o elemento sinalado como clave, coincidindo coa análise do modelo vasco da semana pasada
As seguintes xornadas traerán a ponentes dos modelos catalán e galego, e as achegas da propia Secretaría de Estado de I+D+I
A comunidade de xestores e decisores do ecosistema galego de investigación tivo hoxe ocasión de coñecer en detalle o modelo madrileño, baseado nunha rede de centros científicos cunha especial orientación ao talento e á transferencia de coñecemento. Esta mañá tivo lugar a segunda xornada do ciclo que a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta organiza no edificio CIMUS do Campus Sur de Santiago de Compostela para compartir ideas sobre as mellores fórmulas para optimizar o modelo de xestión dos centros científicos. Nesta ocasión, foi presentada a rede de Institutos Madrileños de Estudios Avanzados (IMDEA), promovida e xestionada pola Comunidade de Madrid.
Juan Ángel Botas, subdirector xeral de Investigación do Goberno autonómico de Madrid, explicou que os IMDEA constitúen unha rede de centros, cada un cunha personalidade xurídica e un goberno propio, pero cun espírito común: “unha nova maneira de facer ciencia, flexible, con enfoque internacional e orientada á innovación, ao mercado”, resumiu.
Científicos de 25 países
En total, trátase de sete centros temáticos postos en marcha a partir de 2007 en coordinación cos axentes do Sistema Madrileño de I+D+i. Neles traballan máis de 350 investigadores contratados, dos cales o 44% son estranxeiros, de 25 nacionalidades. “Marcámonos como prioridades atraer talento científico a todos os niveis, desde investigadores senior líderes no seu campo ata investigadores novos con elevada proxección, e enfocarnos á transferencia de tecnoloxía para xerar innovacións que se materialicen en aplicacións comerciais novidosas porque o obxectivo final e contribuír á creación de riqueza e emprego na comunidade de Madrid”, destacou Botas.
A nivel de organización, as claves citadas polo subdirector xeral foron a dotación de infraestruturas de calidade, un ecosistema científico multidisciplinar, unha estrutura de xestión adaptable e un procedemento retributivo flexible. En cada un dos centros están representadas, ademais da comunidade científica, a Administración e as empresas, que fan posible o esquema de financiamento público-privado imperante en todos os centros IMDEA. No caso dos proxectos, Juan Botas destacou que o 32% o financiamento procede de fondos internacionais, sobre todo da Unión Europea pero tamén doutras fontes como o Departamento de Defensa dos Estados Unidos, e o 21% provén de fondos privados, é dicir, da achega de empresas.
Convocatorias competitivas
Tras sinalar que os patronatos de todos os centros IMDEA están presididos por un científico, xeralmente unha figura de prestixio internacional procedente do estranxeiro, apuntou Botas. Coincidindo co argumento manexado na primeira xornada do ciclo, protagonizada por representantes do modelo vasco, o subdirector xeral sinalou que os recursos humanos son “o corazón dos nosos centros e, como o que queremos é crear riqueza, centrámonos en atraer talento de todo o mundo mediante convocatorias competitivas”. Ademais, neste ámbito o IMDEA trata de introducir elementos novidosos como unha convocatoria de emprego xuvenil que será publicada nas próximas semanas dirixida a recén titulados que non tiveron un contrato de traballo ata agora para facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Pola súa banda, Manuel Carro, subdirector do IMDEA Software, destacou entre as dificultades que existen en España para captar talento internacional “os obstáculos administrativos como a necesidade de validar os doutoramentos, os baixos salarios e a fragmentación das convocatorias públicas para captar fondos”.
O factor humano
En relación cos recursos humanos, subliñou que no seu centro existe un compromiso firme de non prescindir de ninguén se non é por unha causa obxectiva e xusta. “A clave é, teñan un contrato indefinido ou non, darlles seguridade aos nosos investigadores sempre que cumpran”. As súas convocatorias de contratación son competitivas e abertas a nivel internacional sen restricións e, no momento no que seleccionan a un candidato, implícanse por factores relacionados coa súa vida persoal, como a elección dun colexio para os seus fillos ou a orientación na busca dun traballo para a súa parella, condicionantes que nalgúns casos poden ser mesmo un obstáculo para a incorporación de científicos que veñen do estranxeiro.
Segundo explicou Carro, os investigadores que se integran no IMDEA Software reciben á súa chegada un paquete económico para destinar ao seu criterio á participación en congresos, á asistencia a reunións internacionais ou á incorporación de estudantes de doutoramento, entre outros conceptos.
Catalunya e Galicia
O día 18 de xuño rematará a rolda de presentacións de modelos autonómicos con Catalunya. A sesión final terá lugar o 19 de xuño, coas achegas de Mabel Loza (Universidade de Santiago de Compostela), Fernando Pérez (Universidade de Vigo) e Héctor Gómez (Universidade da Coruña), tres investigadores galegos destacados pola súa excelencia nos seus respectivos campos de coñecemento. A visión sobre o modelo galego será completada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Pola súa banda, a secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Goberno central, Carmen Vela, exporá o impulso do liderado científico e tecnolóxico a través do Programa de Apoio a Centros de Excelencia Severo Ochoa.