A Consellería de Cultura e Educación forma a preto de 1.000 docentes nos retos do ensino dixital nas xornadas ‘escolaTIC 2015’

O conselleiro participou esta tarde no acto de apertura deste encontro, que se celebra hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago

Ven, 17/04/2015 - 17:39
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde no acto de apertura das xornadas ‘escolaTIC2015’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde no acto de apertura das xornadas ‘escolaTIC2015’, un encontro no que o seu departamento forma a preto de 1.000 docentes nos retos do ensino dixital. Enmarcadas no Plan Anual de Formación do Profesorado, esta segunda edición das xornadas desenvolverase entre hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou a innovación como un dos piares de futuro dentro do sistema educativo, e salientou que estas xornadas demostran que a preocupación polo uso das novas tecnoloxías nas aulas é algo presente nos centros e prioritario entre os profesionais da educación en Galicia.

Asemade fixo fincapé na importancia da formación para que os docentes e as familias estean preparados para guiar ao alumnado, nunha realidade na que deben ir por diante dunha xeración de alumnas e alumnos que son nativos dixitais. Neste sentido, agradeceu o esforzo do profesorado por adquirir unha crecente competencia dixital, e a súa capacidade de investigación e innovación.

Así mesmo salientou o traballo que realizan as Estruturas de Formación Permanente do Profesorado neste eido, así como na organización desta xornada en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Obxectivos e contidos

O obxectivo das xornadas é apoiar e impulsar o compromiso do profesorado coa modernización educativa a través da aplicacións das tecnoloxías da información e da comunicación aos procesos de ensino-aprendizaxe. Para iso o encontro conta coa participación de figuras nacionais de relevancia no eido, como son César Poyatos, Linda Castañeda ou Andrea Giráldez. No marco deste encontro o subdirector xeral de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila;  e o director de Área de Solucións tecnolóxicas sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez; presentaron os proxectos TIC que ambos os organismo están a desenvolver durante este curso nos centros, como o E-DIXGAL, así como as iniciativas desenvolvidas en materia de conectividade e dixitalización de aulas.

A iniciativa ‘escolaTIC2015’ é, ademais, unha oportunidade para que os centros educativos galegos intercambien boas prácticas a través de relatorios nos que representantes de varios centros de primaria e secundaria presentarán as súas experiencias innovadoras nesta materia. Arredor delas e do resto das conferencias, o encontro funcionará como un foro para a reflexión sobre propostas metodolóxicas que contribúan a unha mellor integración das TIC no ensino. Así mesmo, afondarase no desafío que supón a competencia dixital para os docentes, profesionais que se enfrontan a diario ás novas oportunidades que ordenadores, smartphones…, ofrecen no ámbito didáctico; pero tamén aos seus potenciais perigos.

Estas xornadas, organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), en colaboración coa AMTEGA están homologadas como 12 horas de formación presencial do profesorado. Toda a información sobre o evento pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/file.php/1/ESCOLATIC2015/index.html