Título node Learning object

Convocatoria a centros educativos para participar no Día Internacional das Rapazas nas TIC, o 23 de abril de 2015
Ven, 27/03/2015 - 13:55
Cartel do "Girls in ICT Day"

O Centro de Supercomputación de Galicia, en colaboración coa  iniciativa "Rapazas Emprendedoras nas TIC" do Plan Proxecta e no proxecto europeo ICT-Go-Girls! (www.ictgogirls.eu),  organiza unha charla-coloquio no CESGA sobre as oportunidades para as rapazas no eido das novas tecnoloxías, coa participación en directo de 3  mulleres emprendedoras que traballan neste eido, con motivo da celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, auspiciado pola ITU (International Telecommunication Union) http://girlsinict.org/. Este evento está dirixido especialmente a todos os centros escolares de Galicia, principalmente de secundaria, que poden participar mediante videoconferencia en vivo ao evento, facer preguntas e intervencións dirixidas ás participantes no CESGA.

Contará este evento coa participación presencial de tres mulleres emprendedoras, de diferentes perfís, que traballan no ámbito das tecnoloxías, que explicarán de xeito breve como comezaron neste eido, como é o seu traballo, as súas posibilidades, etc.  e responderán a aquelas dúbidas, inquedanzas e comentarios que lles envíen as/os rapaces/as por videoconferencia. 
As participantes na mesa serán:

  • Verónica Ramallal, socia fundadora de Pekecha.com, (social media management).
  • Mª Rosa Vázquez Rogel. CEO Appentra. (Empresa de software de computación de altas prestacións e spinoff da UDC).
  • Mariel Martínez Estévez, ‎CFO e cofundadora de Ameiga. (Empresa desenvolvedora de xogos para móbiles).

O acto contará coa participación e soporte do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia), Universidade de Santiago de Compostela (Woman Emprende), Universidade da Coruña (Facultade de Informática), así como representación institucional da Xunta de Galicia, -Secretaría Xeral de Igualdade (Susana López Abella, Secretaria Xeral), Consellería de Educación (por confirmar a persoa), e AMTEGA (Mar Pereira, Directora).

Aqueles centros interesados en participar, deberán poñerse en contacto co CESGA no correo e-learning@cesga.es canto antes para poder solventar todas aquelas cuestións técnicas da súa participación.

Pola tarde, de 5 a 7, realizarase un obradoiro aberto e moi divertido para nenas de entre 10-16 anos e visita ao CESGA, cos seguintes contidos:

  • Como falar aos ordenadores para que fagan cousas: Scratch, Lego, etc.
  • Deseñando ideas para imprimilas en 3 dimensións: a Impresión 3D.

No arquivo anexo pódese descargar o borrador da axenda do acto.