Cultura e Educación, a Deputación de Pontevedra e Arlea Hotels unen forzas para a formación de 45 estudantes en ciclos de FP Dual da familia profesional de hostalaría e turismo
As tres entidades asinaron un convenio de colaboración para posta en marcha de 3 ciclos con actividade profesionalizadora remunerada en establecementos da empresa hoteleira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Deputación de Pontevedra e Arlea Hotels subscribiron hoxe un convenio de colaboración a través do que unen forzas para a formación de 45 estudantes en 3 ciclos da modalidade da FP Dual da familia profesional de Hostalaría e Turismo. Xesús Vázquez Abad, Rafael Louzán e o administrador da empresa hoteleira, Amancio López Seijas, salientaron a envergadura desta iniciativa, a primeira no eido da FP Dual na que se poñen en marcha 3 proxectos á vez, todos eles da man do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), no que se impartirá a parte de formación curricular no centro destes estudos.
Pola súa parte, a Deputación de Pontevedra colabora na medida en que é titular tanto das instalacións do CIFP Carlos Oroza, como da Pousada da Lanzada, centro de traballo no que se desenvolverá a actividade profesionalizadora vinculada aos devanditos 3 ciclos formativos. Ademais, a Deputación dotará do equipamento necesario para impartición das clases.
Coa sinatura de hoxe, a Consellería conta xa con 14 proxectos de FP Dual, unha modalidade coa que se busca promover a empregabilidade da mocidade, a través dunhas ensinanzas adecuadas ás necesidades do tecido produtivo galego.
Desenvolvemento dos proxectos
En concreto, os ciclos que se porán en marcha ao abeiro do acordo subscrito hoxe serán – con 15 prazas para cada un- os de grao superior en Dirección de Cociña, en Servizos en Restauración e en Xestión de Aloxamentos Turísticos. Cada proxecto desenvolverase a partir do mes de xullo de 2014, e terá unha duración de 2 anos.
A formación impartirase compartidamente entre o CIFP Carlos Oroza e a empresa. Ademais, atendendo ás características de Arlea Hotels, incorpórase formación complementaria á establecida no currículo do ciclo formativo correspondente, para reforzar a formación do alumnado e mellorar a súa empregabilidade. Así mesmo, cómpre lembrar que a característica diferencial da FP Dual é o feito de que as súas alumnas e alumnos realizan actividade profesionalizadora nos centros de traballo da empresa, remunerada no caso dos proxectos asinados hoxe a través dun réxime de bolsas. Deste xeito, en torno ao 45,6% do tempo total dos proxectos corresponderá a esta actividade; mentres que outro 25,2% será de formación – tanto curricular como complementaria- na empresa.
A empresa comprométese tamén a que durante o período en que se realice a formación nas súas instalacións ou nas do grupo empresarial, tanto de ámbito nacional como internacional, o alumnado teña garantido o aloxamento e a manutención, así como os gastos de desprazamento de ida e volta para dous períodos de formación, desde o concello do centro educativo ata as instalacións da empresa.
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Carlos Oroza designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa. Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP Carlos Oroza e de Arlea Hotels.