A Consellería de Cultura e Educación formará entre hoxe e mañá sábado a 200 docentes das áreas de linguas nas ‘VI Xornadas de lingua e literatura’

Esta iniciativa formativa que se desenvolve en Compostela estes días pretende dar a coñecer pautas didácticas arredor do ensino-aprendizaxe nestas áreas

Ven, 09/05/2014 - 18:30
 A Consellería de Cultura e Educación formará entre hoxe e mañá sábado a 200 doc
A Consellería de Cultura e Educación formará entre hoxe e mañá sábado a 200 docentes das áreas de linguas nas ‘VI Xornadas de lingua e literatura’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Autonómico de Innovación e Educación (CAFI) e dos diferentes Centros de Formación e Recursos da Comunidade, formará entre hoxe e mañá sábado a 200 docentes das áreas de linguas nas súas VI Xornadas de Lingua e Literatura.

Baixo o epígrafe da ‘Competencia Literaria’ desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública esta proposta formativa que, por sexto ano consecutivo, pretende promover a reflexión sobre a Lingua e a Literatura, dar a coñecer pautas didácticas arredor do ensino-aprendizaxe nesta área, e a revisión do marco conceptual referido a estas materias.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, asegurou que o obxectivo destas xornadas é “poñer a disposición do profesorado diferentes estratexias de ensino que lles permitan mostrar aos alumnos a articulación dos seus coñecementos literarios, saberes interculturais, habilidades expresivas e comprensivas, hábitos e actitudes no dominio cognitivo, lingüístico e emocional, a través do contacto directo e do disfrute da obra literaria.

Manuel Corredoira asegurou que “é moi importante que os nosos estudantes tomen conciencia de que, a través da literatura, poderán captar diferentes estéticas, pensamentos e visións do mundo ao longo da historia”. Durante os dous días de duración das xornadas ofreceráselles aos participantes unha combinación de conferencias, experiencias prácticas e obradoiros coa pretensión de axudarlles a acadar os obxectivos que destacou o director xeral.

Menús News node R