A Consellería de Cultura e Educación, a Televisión de Galicia e Adivina Produccións lanzan unha iniciativa pioneira na educación en valores da mocidade a través da película ‘A pesar de todo quérote’
O filme estrearase mañá de forma paralela na televisión e mais no espazo web da Consellería, e terá asociada unha unidade didáctica para que o alumnado de ESO, Bacharelato e FP poida traballar sobre ela nos centros
A fita narra a historia dun grupo de mozos tras sufriren un accidente de tráfico, abordando cuestións como as feridas emocionais e a educación viaria e para a saúde
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e o director de cine Jorge Algora presentaron esta mañá unha iniciativa pioneira na educación en valores da mocidade galega: a estrea da película ‘A pesar de todo, quérote’ vinculada a unha unidade didáctica interactiva para que o alumnado de ESO, Bacharelato e FP traballen sobre ela na aula. É a primeira vez que se fai unha estrea paralela dunha película na televisión e no espazo web da Consellería, desde onde se difundirá aos centros educativos a través da Aula Aberta Abalar.
‘A pesar de todo, quérote’ estrearase mañá ás 16.30 horas. Os centros educativos poderán acceder a ela a través da devandita aula virtual e mesmo descargala para inserila na súa propia web, o que permitirá un traballo máis flexible adaptado ás necesidades específicas de cada centro. A película estará aloxada nos servidores da Televisión de Galicia e distribuirase mediante streaming aos centros, de tal forma que poderán vela a través da web, sen necesidade de CDs ou DVDs.
Na presentación estiveron tamén presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.
Educación viaria, emocional e para a saúde
O filme narra a historia dun grupo de mozos tras sufriren un accidente de tráfico, abordando cuestións como as feridas emocionais e a educación viaria, emocional e para a saúde. Neste sentido o conselleiro salientou a necesidade de que as e os adolescentes reflexionen “sobre unha das maiores lacras que afecta á nosa sociedade, os accidentes de tráfico, en idades nas que é especialmente importante que as mozas e mozos sexan conscientes dos perigos do alcol e das drogas, aínda máis se van unidas ás estradas e á condución”.
Respecto da unidade didáctica, Xesús Vázquez sinalou que afonda nos valores que a película transmite no que atinxe á educación viaria ou á educación para a saúde. “Co visionado do filme conseguimos vincular eses valores a uns protagonistas en cuxa pel o alumnado se pode situar. Estamos seguros de que é un medio moi efectivo e sinxelo de recordar para eles, ademais de ser un método didáctico distinto do que desenvolven a diario na clase e, polo tanto, moito máis ameno”. Ademais, a unidade formulouse cun modelo no que primeiro se fan actividades de preparación para o visionado da película e unha avaliación inicial, e despois hai unha serie de módulos nos que –despois de ver a película completa- se traballa cos diferentes conceptos. “Deste xeito procuramos coñecer o impacto da actividade no alumnado, o antes e o despois en cuestións de tanta relevancia como a súa concepción do feito de poñerse ao volante tras beber”.
O conselleiro agradeceu o compromiso da Televisión de Galicia coa educación en valores da nosa mocidade, e felicitou ao director do filme “por facer co teu cinema que reflexionemos sobre temas de tanta relevancia que afectan á nosa vida diaria”.
Película apoiada pola Xunta
A película, que está producida por Adivina Produccións e a Televisión de Galicia e contou co apoio da Xunta de Galicia. ‘A pesar de todo, quérote’ conta a historia de Alicia, Xavier e Víctor no aniversario do suceso que cambiou as súas vidas. A pesar de que levan anos intentando esquecer, as feridas do accidente seguen abertas e o pasado regresará para obrigalos a asumir as súas culpas. Christian Escuredo, Devorah Vukusik, Rubén Prieto, Lúa Testa, Dani Lago, Mariana Expósito, Cristina Ramallal, Estíbaliz Veiga, Belén Constela, Alfonso Agra e Rosa Álvarez forman o elenco desta cinta que foi rodada nos concellos de Oleiros, Cambre, A Coruña, Arteixo e Lugo, e que foi dirixida por Jorge Algora.
A partires da fita, que foi cedida para o seu uso educativo a Cultura e Educación, a Consellería desenvolveu unha unidade didáctica en Moodle na que se abordan contidos relacionados coa educación viaria, a maduración emocional e a linguaxe cinematográfica.