Que son?
A iniciativa de Contratos-programa Inclúe (en adiante CPInclúe) constitúe un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan a través da solicitude dalgunha das 5 actuacións de que consta o contrato-programa, co fin de acadar o máximo desenvolvemento da personalidade e das potencialidades do alumnado contribuíndo, deste xeito, á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.
1. QUÉDA-T (Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar).
A Unión Europea establece como prioridade estratéxica para a vindeira década mellorar a calidade, a equidade, a inclusión e o éxito para todos na educación e a formación. O abandono temperán da educación supón unha diminución nas oportunidades socio-económicas do alumnado. Se ben este indicador reduciuse na última década, continúa supoñendo un desafío para as administracións educativas, sobre todo cando se intúen as consecuencias da pandemia da covid-19.
2. IGUÁLA-T.
A educación é clave para romper coa transmisión dos estereotipos e eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, para previr e abordar a violencia de xénero así como para pór en valor a diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero e o respecto a todas as persoas. Os centros educativos desempeñan un importante papel no ámbito da coeducación dende as idades máis temperás, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado, axudándolles a identificar as desigualdades e colaborando na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
3. CONVIVE-T.
A escola, como unha das grandes institucións sociais que é, ten a obriga de ser un ámbito de convivencia pacífica, democrática e respectuosa dos dereitos de todos os seus integrantes, pois só así adquire significado a tarefa educativa. En consecuencia, todas as accións que se poñan en marcha para xerar un clima de seguridade, respecto e confianza no contexto escolar logran que se fomente no alumnado unha mellora da convivencia, promovendo un sentimento e interese pola diversidade de calquera índole.
4. INCLÚE-T
Falar de inclusión educativa supón identificar, eliminar ou minimizar, de ser o caso, as barreiras que, derivadas de condicións persoais ou sociais do alumnado, poden limitar o seu proceso de participación e aprendizaxe no centro ou na aula. Unha escola inclusiva é aquela que se apoia na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas e se estimulan as capacidades e responsabilidades sociais, traballando en colaboración coas familias e outros membros da comunidade.
5. EMOCIÓNA-T
Trátase dunha actuación necesaria, debido os efectos da pandemia,para poñer en valor a importancia e repercusión das aprendizaxes non cognitivas (emocionais) para o benestar e o progreso social, coa vontade de optimizar a calidade educativa como un sinal permanente nos contextos escolares.