Actuacións

1. QUÉDA-T (Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar).

A Unión Europea establece como prioridade estratéxica para a vindeira década mellorar a calidade, a equidade, a inclusión e o éxito para todos na educación e a formación. O abandono temperán da educación supón unha diminución nas oportunidades socio-económicas do alumnado. Se ben este indicador reduciuse na última década, continúa supoñendo un desafío para as administracións educativas, sobre todo cando se intúen as consecuencias da pandemia da covid-19.

1.1. Descrición da actuación

Co fin de continuar cos esforzos para a prevención e redución do abandono temperán e do absentismo escolar, implementaranse medidas específicas de calquera índole (pedagóxicas, organizativas…) que contribúan ao avance de todo o alumnado, especialmente daquel en situación de vulnerabilidade.

1.2. Obxectivos

a) Identificar as dificultades do alumnado relacionadas co seu estilo de aprendizaxe e desenvolver hábitos e técnicas de traballo intelectual.

b) Mellorar a adquisición das competencias clave no alumnado en risco de abandono escolar temperán.

c) Aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio.

d) Fomentar a participación de todo o alumnado nas actividades do centro, potenciando a motivación e o interese por continuar os seus estudos.

e) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións da contorna para diminuír o abandono escolar temperán.

2. IGUÁLA-T.

A educación é clave para romper coa transmisión dos estereotipos e eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, para previr e abordar a violencia de xénero así como para pór en valor a diversidade afectivo-sexual e de xénero e o respecto a todas as persoas. Os centros educativos desempeñan un importante papel no ámbito da coeducación dende as idades máis temperás, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado, axudándolles a identificar as desigualdades e colaborando na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

2.1. Descrición da modalidade

Desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, isto é, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas; e a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero.

2.2. Obxectivos

a) Desenvolver na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a prevención da violencia de xénero ou de actitudes e comportamento discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

b) Propiciar dinámicas para sensibilizar, analizar e rexeitar situacións de abuso, marxinación e discriminación por razón de sexo na vida cotiá do alumnado e noutras realidades, participando, na medida do posible, en iniciativas que busquen cambiar estas situacións.

3. CONVIVE-T.

A escola, como unha das grandes institucións sociais que é, ten a obriga de ser un ámbito de convivencia pacífica, democrática e respectuosa dos dereitos de todos os seus integrantes, pois só así adquire significado a tarefa educativa. En consecuencia, todas as accións que se poñan en marcha para xerar un clima de seguridade, respecto e confianza no contexto escolar logran que se fomente no alumnado unha mellora da convivencia, promovendo un sentimento e interese pola diversidade de calquera índole.

3.1. Descrición da actuación

Desenvolveranse medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa, actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, actuacións de acollida nos centros educativos, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos e outras accións similares.

3.2. Obxectivos

a) Identificar as incidencias relacionadas coa convivencia no seo da comunidade educativa.

b) Promover un axeitado clima de aula e de centro, considerando as relacións globais entre todos os membros da comunidade educativa.

c) Mellorar a competencia social e cívica (CSC).

d) Impulsar a participación colaborativa das familias e doutras institucións e entidades na mellora da convivencia escolar.

e) Promover medidas que fomenten a convivencia positiva.

4. INCLÚE-T

Falar de inclusión educativa supón identificar, eliminar ou minimizar, de ser o caso, as barreiras que, derivadas de condicións persoais ou sociais do alumnado, poden limitar o seu proceso de participación e aprendizaxe no centro ou na aula. Unha escola inclusiva é aquela que se apoia na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas e se estimulan as capacidades e responsabilidades sociais, traballando en colaboración coas familias e outros membros da comunidade.

4.1. Descrición da actuación

Conxunto de medidas que fomenten e melloren a inclusión nos centros educativos, dirixidas á atención á diversidade, á inclusión educativa e social de todo o alumnado, á mellora das necesidades educativas do alumnado de altas capacidades, ao respecto aos diferentes ritmos de aprendizaxe, á identificación e promoción dos talentos do alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo, á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes vencelladas á diversidade que pon de manifesto a pluralidade do alumnado.

4.2. Obxectivos

a) Favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, o retornado ou que está en risco de exclusión social.

b) Promover estratexias que fomenten a inclusión e a equidade educativa.

c) Identificar e potenciar as diversas habilidades  ou competencias do alumnado.

5. EMOCIÓNA-T

Trátase dunha actuación necesaria, e máis nestes tempos de pandemia, para poñer en valor a importancia e repercusión das aprendizaxes non cognitivas (emocionais) para o benestar e o progreso social, coa vontade de optimizar a calidade educativa como un sinal permanente nos contextos escolares.

5.1. Descrición da actuación

Desenvolveranse accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, que redunde no benestar emocional persoal e social e na súa calidade de vida, así como  o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima, a empatía e a resiliencia, a mellora das habilidades comunicativas, o incremento do autocontrol emocional, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias.

5.2. Obxectivos

a) Adquirir e desenvolver competencias emocionais (conciencia emocional, autonomía emocional, regulación das emocións propias e alleas...), en toda a comunidade educativa, entendidas como competencias básicas para a vida.

b) Avanzar cara unha educación emocional concibida como un eixe transversal.

c) Potenciar o deseño e implementación de programas de intervención para a adquisición e desenvolvemento de competencias emocionais.

d) Implicar o profesorado na formación da educación emocional.

e) Mellorar o rendemento académico do alumnado a través da contribución das habilidades emocionais.