A rede de formación permanente do profesorado definiu a calidade como parte fundamental da súa política e da súa estratexia, e adoptou un sistema de xestión baseado na calidade como modelo de referencia para a xestión da Institución. Este sistema de aseguranza da calidade está baseado na Norma UNE-EN ISO 9001:2015.
Máis en concreto, dende a súa creación adoptou a calidade como unha filosofía de actuación que se identifica coas seguintes directrices:
-
O traballo ben feito e a mellora continua das nosas actividades, dos servizos que prestamos e dos procesos de traballo.
-
A achega de valor ao profesorado, ao persoal do centro, ás escolas de nais e pais escoitando a súa voz e procurando satisfacer as súas expectativas.
-
A adopción de metodoloxías de traballo baseadas na cultura da evidencia, a xestión a partir de datos e a disciplina do traballo en equipo.
-
A xestión dos procesos orientada á mellora continua mediante a planificación, o desenvolvemento e a revisión e mellora destes.
-
A mellora dos resultados definindo os indicadores e obxectivos, e avaliando o seu nivel de logro.
-
Os requisitos implícitos, explícitos, da persoa usuaria, regulamentarios e os propios da nosa organización.
Estas directrices despréganse a través dos seguintes procesos e proxectos:
-
Mantemento dun sistema da calidade segundo UNE-EN ISO 9001:2015.
-
Medición e análise periódica da satisfacción de servizos polas persoas usuarias.
-
Revisión do sistema da calidade e actualización periódica de procesos.
-
Auditorías internas e externas do sistema da calidade.
Así mesmo, despréganse nos Obxectivos de Calidade a través da formulación e o seu cumprimento. Os obxectivos da rede de formación permanente serán computables e medibles a través de indicadores; todos eles constitúen os obxectivos da calidade. O grao de cumprimento será avaliado periodicamente.
O compromiso coa calidade afecta a toda a organización. Todas as persoas que desenvolven o seu traballo na rede de formación aceptan este compromiso e a súa responsabilidade no cumprimento dos requisitos establecidos no Sistema de Xestión da Calidade, así como o de participar activamente na mellora da calidade e da xestión, e no logro dos obxectivos institucionais.
POLÍTICA PEDAGÓXICA
A rede de formación ten en conta as seguintes directrices:
-
Levar a cabo una tarefa de prospectiva e anticipación aos cambios vindeiros, para así estar mellor preparados no deseño e planificación da oferta formativa.
-
Detectar e recoller as necesidades de formación nos centros do seu ámbito de actuación, e propoñer iniciativas e accións formativas que satisfagan esas necesidades ou demandas.
-
Coordinar e xestionar as actividades formativas que integran o plan anual de formación do profesorado aprobado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e conseguir un alto grao de satisfacción por parte do alumnado.
-
Promover accións formativas nos centros, encamiñadas a impulsar a investigación educativa, preferentemente no campo da innovación e experimentación didácticas.
-
Facilitarlles un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico e pedagóxico ao profesorado e aos centros de ensino do seu ámbito territorial.
-
Realizar actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado.
-
Impulsar e apoiar a participación do profesorado en seminarios, grupos de traballo e proxectos de formación en centros ou calquera outra modalidade de formación.
-
Contribuír á dinamización social e cultural das zonas educativas de especial dificultade do seu ámbito de influencia.
-
Favorecer o coñecemento e utilización efectiva de materiais e recursos técnicos.
-
Dar soporte ás Escolas de Nais e Pais.
-
Asegurar a profesionalidade e compromiso das persoas da rede de formación, proporcionándolles o clima adecuado, os recursos precisos e a formación necesaria.
-
Desenvolver unha relación baseada no beneficio mutuo co profesorado, para proporcionar un servizo eficaz e eficiente.
-
Conseguir o máis alto nivel de desempeño en todos os procesos e especialmente naqueles que teñen relación directa coa satisfacción dos grupos de interese.
-
Asegurar o comportamento ético nas relacións con todos os grupos de interese, así como no cumprimento dos requisitos legais e regulamentarios aplicables.
-
Calquera outra que a Administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.
Esta Política de Calidade é o marco de referencia que se utiliza para a fixación e o seguimento dos obxectivos anuais.
Comunicación da política da calidade
A política da calidade da Rede de Formación, publicada na web dos diferentes centros de
formación, CFR/CAFI está dispoñible para a súa consulta por todas as partes interesadas:
http://www.edu.xunta.gal/portal/cafi
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrcoruna
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrferrol
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrlugo
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrourense
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrpontevedra
http://www.edu.xunta.gal/portal/cfrvigo
Jesús Manuel Álvarez Bértolo,
Director Xeral de Centros e Recursos Humanos
Santiago de Compostela , 04 de novembro de 2022.
Podes descargar aquí o pdf