Admisión a ciclos formativos de grao superior. Curso 2020/2021

Réxime ordinario


As prazas ofrecidas para cada centro e ciclo distribúense en tres cotas: cota xeral, cota para persoas con discapacidade legalmente recoñecida (10%) e cota para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento (5%).

Para cada cota haberá tres grupos segundo o tipo de requisitos de acceso:

Grupo A, persoas que posúen título de bacharelato ou equivalente para efectos de acceso a ciclos.

Grupo B, persoas que teñen un título de técnico LOE ou LOXSE.

Grupo C, persoas que teñen certificación de superación das probas de acceso a ciclos superiores ou outras vías de acceso a ciclos de grao superior.

A distribución, ao comezo do proceso de admisión, das prazas dispoñibles para cada ciclo e para cada centro é:

 

GRUPO A

Bacharelato ou equivalentes

GRUPO B

Título de técnico

GRUPO C

Probas de acceso e outros

 

Ata o 70%

 

Ata o 20%

 

Ata o 10%

 

 

Criterios de selección cando a demanda de prazas supera a oferta

Dentro de cada grupo establécese a relación ordenada de requisitos de acceso de maior a menor prioridade. Dentro de cada apartado, as solicitudes ordenaranse de maior a menor nota de acceso

  Grupo A.

1º. Alumnado con título de bacharelato da modalidade preferente, e coas materias vinculadas, que se determina no currículo do ciclo. A nota media, de maior a menor, das materias vinculadas empregarase nos casos de empate da nota media do bacharelato.

2º. Alumnado con título de bacharelato da modalidade preferente, pero sen algunha das materias vinculadas, que se determina no currículo do ciclo.

3º. Alumnado con título de bacharelato sen modalidade preferente das determinadas no currículo do ciclo. Alumnado que superara COU ou PREU.

4º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superado todas as materias do bacharelato (regulado na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa) da modalidade preferente que se determina no currículo do ciclo (non aplicable para este curso, segundo o disposto no Real Decreto 562/2017, do 2 de xuño).

5º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superado todas as materias do bacharelato (regulado na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa) sen a modalidade preferente que se determina no currículo do ciclo.

6º. Alumnado con título de bacharelato unificado e polivalente (BUP).

  Grupo B.

1º. Alumnado con título de técnico de formación profesional da mesma familia profesional que o ciclo formativo de grao superior que se solicita.

2º. Alumnado con título de técnico de formación profesional de diferente familia profesional que o ciclo formativo de grao superior que se solicita.

  Grupo C.

1º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

2º. Alumnado con proba de acceso a universidade para maiores de 25 anos.

3º. Alumnado con título de técnico superior ou de técnico especialista.

4º. Alumnado con título universitario.

 - Consultar modalidades preferentes de bacharelato e materias vinculadas para o acceso a ciclos formativos de grao superior

En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público segundo a normativa. (Criterios de desempate)

O procedemento de admisión ten establecidas as datas de publicación das listaxes de adxudicacións e os prazos de formalización de matrícula (consultar o calendario de admisión). As matrículas ou renuncias fóra dos prazos establecidos non serán válidas.

 

Réxime para persoas adultas


Neste réxime os requisitos de admisión son iguais que no réxime ordinario, coa salvidade de que as persoas que non cumpran os requisitos de acceso poderán matricularse nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia, sempre que acrediten dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo que desexou cursar. Estas persoas só poderán matricularse de existiren prazas vacantes ao final do proceso.

As prazas ofrecidas para cada centro e ciclo distribúense en tres cotas: cota xeral, cota para persoas con discapacidade legalmente recoñecida (10%) e cota para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento (5%).

Cando a demanda de prazas supere a oferta, hai establecidos uns criterios de selección, para cada unha das cotas. En cada cota de acceso ordénanse as persoas solicitantes atendendo a unha puntuación que ten en conta os requisitos de acceso, a experiencia laboral, os módulos superados no ciclo e as unidades de competencia do ciclo acreditadas. Neste réxime non existen grupos diferenciados dentro de cada cota de acceso.

En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado no ciclo formativo en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público segundo a normativa. (Criterios de desempate)

 

Solicitude vía web


A solicitude vía web realizarase para todos os réximes e graos, agás para o segundo curso do réxime ordinario.

Logo de realizada a solicitude web, a aplicación informática xera un impreso con instrucións individualizadas para cada solicitante. O impreso xerado pola aplicación informática indica a documentación que cómpre achegar. Esta documentación cos impresos xerados deberá ser debídamente entregada e  en prazo, en calquera centro público de Galicia con oferta de ciclos formativos de formación profesional. Este documento será validado polo centro e unha das copias será selada e entregada á persoa solicitante. Sen estes requisitos, a solicitude carece de validez e non será tida en conta no proceso de admisión.

No caso de que o impreso xerado pola aplicación informática indique que se trata dun documento xa validado e que non é necesario entregalo nun centro, non será preciso máis trámite, pero o documento impreso deberase conservar como resgardo da solicitude de admisión.

 


Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente. (Acceso a normativa de admisión).