Admisión a ciclos formativos de grao medio. Curso 2020/2021
Réxime ordinario
As prazas ofrecidas para cada centro e ciclo distribúense en tres cotas: cota xeral, cota para persoas con discapacidade legalmente recoñecida (10%) e cota para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento (5%).
Para cada cota haberá tres grupos segundo o tipo de requisitos de acceso:
Grupo A, persoas que posúen título da ESO ou titulacións equivalentes para efectos de acceso a ciclos.
Grupo B, persoas que teñen título profesional básico ou os módulos obrigatorios dos PCPI do curso 2011-2012 ou seguintes.
Grupo C, persoas que teñen certificación de superación das probas de acceso a ciclos ou outras vías de acceso a ciclos de grao medio.
A distribución, ao comezo do proceso de admisión, das prazas dispoñibles para cada ciclo e para cada centro é:
GRUPO A ESO ou equivalentes |
GRUPO B FPB e PCPI |
GRUPO C Probas de accceso e outros |
Ata o 70% |
Ata o 20% |
Ata o 10% |
Criterios de selección cando a demanda de prazas supera a oferta
Dentro de cada grupo establécese a relación ordenada de requisitos de acceso de maior a menor prioridade. Dentro de cada apartado, as solicitudes ordenaranse de maior a menor nota de acceso
Grupo A.
1º. Alumnado con título de graduado en educación secundaria obrigatoria con superación da avaliación final de educación secundaria obrigatoria pola opción de ensinanzas aplicadas (non aplicable para este curso, segundo o disposto no Real Decreto 562/2017, do 2 de xuño).
2º. Alumnado con título de graduado en educación secundaria obrigatoria obtido con anterioridade á implantación da avaliación final da educación secundaria obrigatoria.
3º. Outras titulacións equivalentes para os efectos de acceso neste grupo:
- Alumnado con título de técnico auxiliar.
- Alumnado cun máximo de dúas materias pendentes no conxunto dos dous primeiros cursos de BUP.
- Alumnado con título de bacharelato superior.
- Alumnado que superou, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, o terceiro curso do plan de 1963 ou o segundo de comúns experimental.
Grupo B.
1º. Alumnado con título de formación profesional básica que recolla no seu currículo ter preferencia na admisión ao ciclo formativo de grao medio que se solicita.
2º. Alumnado con título de formación profesional básica que non recolla no seu currículo ter preferencia na admisión ao ciclo formativo de grao medio que se solicita.
3º. Alumnado que superara os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial.
Grupo C.
1º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou con curso de formación específico para o acceso a ciclos formativos de grao medio.
2º. Alumnado con proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
3º. Alumnado con proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño
4º. Alumnado con título de técnico.
5º. Alumnado con certificado acreditativo de ter superadas todas as materias do bacharelato regulado na Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
6º. Alumnado con título de bacharelato.
7º. Alumnado con título de técnico superior ou de técnico especialista.
8º. Alumnado con título universitario.
En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado na área profesional en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público segundo a normativa. (Criterios de desempate)
O procedemento de admisión ten establecidas as datas de publicación das listaxes de adxudicacións e os prazos de formalización de matrícula (consultar o calendario de admisión). As matrículas ou renuncias fóra dos prazos establecidos non serán válidas.
Réxime para as persoas adultas
Neste réxime os requisitos de acceso son iguais que no réxime ordinario, coa salvidade de que as persoas que non cumpran os requisitos de acceso poderán matricularse nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia, sempre que acrediten dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo que desexa cursar. Estas persoas só poderán matricularse de existiren prazas vacantes ao final do proceso.
As prazas ofrecidas para cada centro e ciclo distribúense en tres cotas: cota xeral, cota para persoas con discapacidade legalmente recoñecida (10%) e cota para deportistas de alto nivel ou de alto rendemento (5%).
Cando a demanda de prazas supere a oferta, hai establecidos uns criterios de selección, para cada unha das cotas. En cada cota de acceso ordénanse as persoas solicitantes atendendo a unha puntuación que ten en conta os requisitos de acceso, a experiencia laboral, os módulos superados no ciclo e as unidades de competencia do ciclo acreditadas. Neste réxime non existen grupos diferenciados dentro de cada cota de acceso.
En caso de empate entre varias persoas solicitantes, e co obxectivo de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representado no ciclo formativo en que se demande a praza. De persistir o empate, resolverase por sorteo público segundo a normativa. (Criterios de desempate)
Solicitude vía web
A solicitude vía web realizarase para todos os réximes e graos, agás para o segundo curso do réxime ordinario.
Logo de realizada a solicitude web, a aplicación informática xera un impreso con instrucións individualizadas para cada solicitante. O impreso xerado pola aplicación informática indica a documentación que cómpre achegar. Esta documentación cos impresos xerados deberá ser entregada debidamente asinada e en prazo, en calquera centro de Galicia con oferta, sostida con fondos públicos, de ciclos formativos de formación profesional de grao medio ou de grao superior. Este documento será validado polo centro e unha das copias será selada e entregada á persoa solicitante. Sen estes requisitos, a solicitude carece de validez e non será tida en conta no proceso de admisión.
No caso de que o impreso xerado pola aplicación informática indique que se trata dun documento xa validado e que non é necesario entregalo nun centro, non será preciso máis trámite, pero o documento impreso deberase conservar como resgardo da solicitude de admisión.
- Instrucións sobre como realizar a solicitude web
- Vídeo de axuda para realizar a solicitude web
- A solicitude web realizarase usando o asistente informático na seguinte ligazón: Asistente informático (Solicitude web)
(Activo soamente durante os períodos de solicitude)
Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente (acceso a normativa de admisión).