Innovatech FP

Información xeral

O programa InnovaTech FP ten como obxectivo principal impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial, fomentando a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de Formación Profesional.

Para logralo, o alumnado de Formación Profesional enfrontarase á resolución de 20 retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.

O alumnado participante afrontará os retos propostos traballando en equipos multidisciplinares e mixtos en canto ao xénero das persoas participantes. Deste xeito preténdese integrar perfís profesionais complementarios, á vez que se se promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Poderá participar o alumnado de Formación Profesional e persoas tituladas nestas ensinanzas nos dous últimos cursos, de todos os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.


Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será do 14 ao 29 de novembro, ambos os dous incluídos.


Xornada de lanzamento de retos

A xornada de lanzamento dos retos do Programa InnovaTech FP terá lugar o vindeiro xoves 5 de decembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 10:30 horas.

 Acceso ao programa da xornada


Soporte técnico e financeiro

Para o desenvolvemento das súas propostas, os equipos participantes contarán con formación especializada e co apoio técnico do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (CGIFP).

Na páxina web do CGIFP detallarase o alcance da súa colaboración.


Retos propostos

A repotenciación de parques eólicos xera unha cantidade considerable de palas de aeroxeradores que quedan fora de servizo debido ao desgaste ou á obsolescencia dos modelos. Estas palas, fabricadas principalmente con materiais compostos como a fibra de vidro e a resina, non son facilmente reciclables nin reutilizables. Isto xera un desafío ambiental e loxístico, xa que o tratamento ambiental destas palas pode ser custoso e prexudicial para o medio ambiente.

O reto consiste en desenvolver solucións innovadoras e sostibles para xestionar as palas de aeroxeradores en desuso, evitando a súa disposición final en vertedoiros. O obxectivo é encontrar formas de reutilizar, reciclar ou dar unha segunda vida a estes materiais a través da creación de novos produtos ou a súa integración en procesos de construción ou mobiliario urbano. A proposta debe centrarse nunha xestión eficiente que fomente a economía circular e reduza o impacto ambiental do sector eólico.

 Vídeo explicativo

O sector da imaxe persoal está en continua transformación, impulsado polos avances tecnolóxicos, a influencia das redes sociais e as expectativas en constante cambio dos clientes. Isto causa unha desaxuste entre as competencias dos estudantes e profesionais e as esixencias do mercado. Cómpre desenvolver un sistema que integre a todos os actores do sector, promovendo a comunicación e a colaboración entre eles para fortalecer a empregabilidade e a adaptación ás novas tendencias.

O propósito do reto é deseñar unha plataforma dixital que reúna estudantes de imaxe persoal, profesionais en activo e salóns de beleza, co fin de fomentar tanto a empregabilidade como a actualización continua no sector. A plataforma deberá de incluír unha bolsa de emprego, que empregue algoritmos para elaborar perfís completos dos estudantes, integrando habilidades, experiencia e aspiracións, permitindo así recomendacións personalizadas para cada usuario. Ademais, deberá de implementar un sistema de avaliación que proporcione retroalimentación mutua entre estudantes e salóns, fomentando un ecosistema de confianza. O obxectivo último é preparar a estudantes e profesionais en activo para que poidan responder eficazmente ás novas esixencias e tendencias no ámbito da imaxe persoal.

 Vídeo explicativo

Os motores, redutoras e outros equipos mecánicos desempeñan un papel fundamental en numerosos procesos industriais. Estes compoñentes están sometidos a condicións de traballo que, co tempo, poden producir desgastes ou fallas nos seus compoñentes internos. Detectar de forma temperá estas incidencias resulta esencial para evitar paradas non planificadas, custos de reparación elevados e mesmo potenciais riscos de seguridade asociados a fallos mecánicos graves.

O reto consiste en desenvolver un sistema que empregue a intelixencia artificial para identificar sons anómalos ou variacións no patrón de son en equipos industriais, como motores, redutoras ou outros compoñentes mecánicos, que poidan indicar desgaste ou fallas nos compoñentes dos equipos. O sistema debería estar preparado para operar en tempo real e en ambientes cun niveis de ruído elevado, recoñecendo con precisión os sons que se afastan do comportamento normal. Do mesmo xeito o sistema deberá de ser capaz de xerar alertas temperás que permitan aos operarios tomar medidas preventivas antes de que os equipos sufran danos graves.

 Vídeo explicativo

A xestión adecuada de inventarios é un desafío para as empresas, especialmente no sector da moda, onde as tendencias de consumo son cambiantes. A predición incorrecta da demanda pode levar a un exceso de inventario ou a faltas de produtos, o que pode provocar perdas económicas para a empresa e afectar a satisfacción do cliente. A incerteza sobre os patróns de consumo dos clientes, supón unha dificultade engadida para a rotación eficiente dos produtos, incrementando os custos operativos.

O reto consiste en crear un sistema de predición baseado en intelixencia artificial que optimice a xestión de inventarios e mellore a toma de decisións sobre a selección de produtos. A través da análise de datos históricos de vendas e información das redes sociais, a IA debería anticipar a demanda de produtos. Isto permitiría reducir tanto o exceso como as carencias de inventario, mellorando a rotación dos produtos e asegurando unha resposta máis áxil e eficiente ás necesidades do mercado.

 Vídeo explicativo

A utilización como fonte de enerxía da biomasa procedente principalmente de cortizas de árbores e restos de madeira, xera unha cantidade significativa de cinzas, que deben ser xestionadas de forma adecuada. Actualmente, na Comunidade Autónoma de Galicia, as opcións para o tratamento deste residuo son limitadas.

O reto consiste en desenrolar diferentes propostas de valorización de ditas cinzas, que permitan a súa reutilización de forma eficiente e sostible. Esta proposta debe identificar posibles usos, considerando aplicacións tales como o agrícola, forestal, a construción, ou outros ámbitos, contemplando a súa viabilidade ambiental e económica.

 Vídeo explicativo

O sector da moda enfróntase a crecentes desafíos relacionados coa sostibilidade. A redución da pegada ambiental é un obxectivo clave para moitas empresas desta industria, e avanzar neste camiño implica prolongar a vida útil dos produtos, fomentando a economía circular. A intelixencia artificial está emerxendo como unha ferramenta fundamental para acadar estes obxectivos.

Este reto busca desenvolver un ecosistema de economía circular e transformación dixital, comezando pola creación dunha plataforma dixital para a compravenda, intercambio, doazón e reciclaxe de prendas. Ademais, será necesario deseñar unha campaña de lanzamento que reflicta os valores da marca. Esta campaña debe ser desenvolvida integramente mediante intelixencia artificial, incorporando modelos, prendas, escenarios e storytelling xerados de forma automática.

 Vídeo explicativo

A xestión de vehículos en talleres e campas é unha tarefa complexa debido á falta de información precisa sobre a localización e o estado dos vehículos, o que pode ocasionar problemas operativos. Os traballadores dedican tempo á busca de coches, o que provoca retrasos nas reparacións e afecta a produtividade global. Esta falta de eficiencia tamén repercute na satisfacción do cliente, ao aumentar o tempo de espera para a finalización dos servizos.

O reto consiste en desenvolver un sistema intelixente de localización e xestión de vehículos que permita a identificación en tempo real dos coches en talleres, campas e lavadoiros. Este sistema deberá integrar tecnoloxías como GPS ou RFID para a localización exacta de cada vehículo e asociar o seu estado de reparación. Ademais, deberá avaliar a capacidade física dos espazos de traballo para optimizar a xestión das entradas de vehículos. O obxectivo final é facilitar a toma de decisións operativas, mellorando a eficiencia, a produtividade e a satisfacción do cliente no proceso de reparación.

 Vídeo explicativo

Para as persoas en rehabilitación por lesións ou persoas que necesitan mellorar a súa capacidade funcional, seguir unha rutina de exercicios terapéuticos resulta difícil. A falta de motivación leva a unha menor participación nas terapias, o que pode atrasar ou reducir a eficacia das mesmas. Esta situación complica o progreso na recuperación, repercutindo na autonomía e calidade de vida dos pacientes.

O reto consiste en deseñar un dispositivo ou aplicación que incentive aos pacientes a realizar os exercicios prescritos nas súas terapias de rehabilitación, en particular nos exercicios activo asistidos. O sistema debe estar orientado a fomentar a participación adaptándose ás necesidades de cada paciente e facendo a terapia máis atractiva e motivadora.

 Vídeo explicativo

 Proposta para o reto
 Solucións tecnolóxicas para fomentar a motivcación e participación en terapias de rehabilitación
 Guía de tecnoloxías suxeridas e ferramentas de apoio

Nos grandes eventos, como congresos e competicións deportivas, a xestión de persoal e recursos materiais resulta complexa e pode comprometer a eficiencia xeral do evento. Manter un control preciso da asignación de persoal en función das demandas en tempo real, asegurar a dispoñibilidade de materiais e evitar tempos mortos ou sobrecarga de traballo son algúns dos retos máis frecuentes. A falta de planificación e de ferramentas de xestión axeitadas pode derivar en sobrecustos, interrupcións operativas e unha experiencia insatisfactoria para os asistentes.

O reto consiste en crear unha plataforma dixital para a optimización da xestión de recursos e persoal en grandes eventos. Esta ferramenta deberá facilitar a asignación e monitorización de persoal en tempo real en función das necesidades do evento, xestionar o inventario de recursos e activar a reposición automática destes. A plataforma deberá integrar algoritmos de predición de necesidades baseados no tipo de evento e a asistencia esperada, ofrecer unha interface intuitiva para o persoal e ser escalable para adaptarse a diferentes tipos e tamaños de evento.

 Vídeo explicativo

Na industria de produción de refrescos, a pasteurización é fundamental para garantir a calidade e seguridade do produto. Non obstante, este proceso require dun considerable aporte de auga fresca para acadar unha temperatura de saída do produto por debaixo dos 40ºC.

O reto consiste en analizar e avaliar diferentes alternativas de arrefriamento que poidan substituír o uso de auga fresca, buscando solucións que sexan viables tanto a nivel técnico como económico e que permitan alcanzar o obxectivo de consumo cero de auga sen comprometer os estándares de calidade nin a eficiencia enerxética do proceso. Poderase explorar a posibilidade de combinar diferentes tecnoloxías e métodos de arrefriamento para optimizar o proceso.

 Vídeo explicativo

 Imaxes de apoio

As bombas de dobre apoio e as bombas en voladizo son esenciais para a continuidade operativa na industria química, onde a súa fiabilidade é indispensable para evitar paradas non programadas, minimizar riscos e optimizar custos operativos. A identificación temperá de fallos potenciais nestes equipos é un reto importante, xa que estes non só afectan á produción, senón que tamén poden comprometer a seguridade.

O reto consiste en desenvolver un sistema baseado en intelixencia artificial para analizar os espectros de vibracións en equipos dinámicos críticos. Este sistema deberá procesar e comparar os datos de vibración recollidos, identificar patróns de fallos específicos, identificar distintas casuísticas de fallos e prever a vida útil restante dos equipos, permitindo a toma de decisións máis informadas sobre o mantemento e a substitución dos equipos.

 Vídeo explicativo

A construción modular de buques permite fabricar bloques simultaneamente en diferentes áreas do estaleiro para logo ensamblalos na grada. A pesar de que este método mellora a eficiencia, presenta desafíos de seguridade e control, xa que tanto os talleres como a grada son espazos de traballo con riscos elevados polo manexo de materiais de gran peso e tamaño. É crucial contar cun sistema de inspección que garanta a correcta montaxe e avance de obra e que identifique posibles riscos que poidan afectar á seguridade e ao mantemento.

O reto consiste en desenvolver tecnoloxías que melloren a inspección e o control durante a construción modular en estaleiros. Estas solucións deben permitir analizar o estado dos bloques e compoñentes, verificar a montaxe conforme aos planos, e detectar incidencias en limpeza, seguridade e mantemento. Poderían incluírse drons e robots autónomos, sensores avanzados (cámaras térmicas, visión artificial, LiDAR, sensores de gases), interfaces de realidade aumentada para supervisión remota, sistemas de xestión de flotas autónomas e intelixencia artificial para análise de datos en tempo real e xeración automática de informes.

 Vídeo explicativo

A crecente demanda de solucións sostibles está levando ás empresas a procurar alternativas de embalaxe que, ademais de protexer eficazmente as mercadorías, sexan respectuosas co medio ambiente. No transporte internacional, tanto marítimo como terrestre, os produtos deben soportar condicións extremas e manipulación en varios puntos de inspección. A loxística máis ecolóxica require, ademais, evitar o uso de materiais contaminantes como o plástico, priorizando en cambio o emprego de materiais reciclables e reutilizables.

O reto consiste en deseñar e producir un sistema de embalaxe ecolóxico que protexa mercadorías como mobles e mesados durante o transporte internacional. O sistema debe ser manipulable con carretillas elevadoras, facilmente desmontable para inspeccións e entregas finais, e proporcionar máxima protección con mínimo custo e volume. Ademais, deberá ser lixeiro, resistente e ecolóxico, evitando plásticos e materiais non reciclables, e posibilitando o seu aproveitamento como fonte de enerxía calorífica ao final da súa vida útil.

 Vídeo explicativo

A cuantificación do toxoide é fundamental na produción de vacinas, xa que permite determinar con precisión a cantidade de proteína inmunoxénica presente nos principios activos. Actualmente, este proceso lévase a cabo mediante métodos in vivo, o que implica o uso de animais de laboratorio e comporta diversos inconvenientes. A transición a técnicas in vitro evitaría o uso de animais, favorecendo o benestar animal, e á vez proporcionaría resultados máis consistentes e estables, reducindo a variabilidade inherente ás técnicas in vivo.

O reto consiste en desenvolver un método in vitro eficiente, rendible e sostible para a cuantificación de toxoides, garantindo medicións precisas sen o uso de animais. Este método debería reducir custos, minimizar a variabilidade dos resultados e facilitar a detección de posibles perdas en cada etapa do proceso produtivo, contribuíndo así á optimización da produción de vacinas e mellorando a eficiencia e sustentabilidade do proceso.

 Vídeo explicativo

O proceso de transformación da castaña en marrón glacé require un delicado pelado a vapor, fundamental para preservar a integridade do froito. Este método inclúe varios controis manuais que aseguran o nivel de pelado e limpeza necesarios. Non obstante, trátase dun enfoque laborioso e custoso, o que limita a cantidade de produto dispoñible para a súa comercialización e dificulta o acceso ao gran público. A ineficiencia do proceso actual reduce o aproveitamento e aumenta os custos de transformación.

O reto consiste en desenvolver un sistema de pelado que sexa máis eficiente, permitindo un maior aproveitamento da castaña e reducindo os custos asociados ao seu procesado. A implementación deste sistema deberá optimizar o pelado, aumentando así as cantidades de castaña que se poderían comercializar, mellorando a produción e a rentabilidade no sector.

 Vídeo explicativo

A inspección e mantemento de soldaduras interiores en tubaxes de acceso reducido é esencial para asegurar o correcto estado das mesmas e garantir a seguridade das instalacións industriais. A dificultade de acceso físico dentro dos tubos dificulta a súa revisión e reparación. Isto crea a necesidade dun sistema que poida inspeccionar remotamente o estado das soldaduras e realizar reparacións nas zonas defectuosas.

O reto consiste en desenvolver un equipo controlado remotamente que poida moverse dentro das tubaxes e adaptarse a distintos diámetros, realizando inspeccións de soldaduras en posicións tanto verticais como horizontais. Este equipo deberá incluír un sistema de captación de imaxes e medicións para analizar a circunferencia completa das soldaduras e identificar defectos, así como un útil de esmerilado que permita pulir as imperfeccións. Ademais, sería desexable incorporar un sistema de análise e almacenamento dos datos e imaxes recollidas, capaz de xerar informes específicos de cada soldadura inspeccionada e facilitar a análise histórica para a detección de patróns.

 Vídeo explicativo

A produción de pellet de madeira está suxeita a unha forte estacionalidade, dado que se destina principalmente á calefacción durante as tempadas frías. Esta variabilidade na demanda provoca períodos de baixa actividade que afectan á continuidade da produción. Para facer fronte a este desafío, é fundamental identificar un novo produto derivado da madeira que permita optimizar a capacidade industrial ao longo de todo o ano, maximizando o rendemento das plantas de produción e reducindo a dependencia estacional.

O reto consiste en desenvolver un produto innovador a partir de madeira que teña unha demanda constante ao longo do ano e un valor engadido superior. Este novo produto debe dirixirse a un segmento de mercado específico ou resolver unha necesidade real para un perfil de cliente definido. É especialmente valorable que a proposta necesite poucas adaptacións na liña de produción actual, permitindo unha implementación máis rápida e eficiente. A finalidade última é optimizar a capacidade produtiva, diversificar a oferta e mellorar a sustentabilidade económica das plantas de biomasa.

 Vídeo explicativo

A xestión dos residuos xerados no proceso de produción de biogás, especialmente os lodos orgánicos, pode resultar custosa e ineficiente. Despois da obtención do biogás a partir dos residuos da produción, os lodos resultantes necesitan custosos tratamentos adicionais, como a adición de floculantes e procesos de deshidratación, para facelos aptos como abonos. Estes tratamentos non evitan a necesidade da intervención de empresas externas para a súa xestión, o que incrementa os custos operativos.

O reto consiste en mellorar os procesos de xestión e tratamento dos lodos industriais, reducindo os custos asociados e facendo que os residuos tratados poidan ser comercializados como abono de forma eficiente e económica. O obxectivo é conseguir un produto comercializable e rendible, compatible coas prácticas ambientais sustentables.

 Vídeo explicativo

 Imaxes de apoio

As fugas de auga non detectadas poden ocasionar un consumo excesivo e incluso provocar danos. Os sistemas actuais non son capaces de identificar fluxos continuados ou anómalos o que imposibilita un control en tempo real e dificulta a detección precoz do problema.

O reto consiste en desenvolver un sistema que detecte fluxos continuados ou anómalos de auga e active automaticamente o peche do abastecemento para evitar consumos excesivos e potenciais danos. Este sistema debe ser capaz identificar fugas ou anomalías, realizar un peche automático da subministración e xerar alertas ao usuario, permitindo unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias.

 Vídeo explicativo

A correcta toma de medidas zootécnicas no gando vacún é unha tarefa laboriosa e complexa, que require numerosas interaccións entre o animal e o persoal, implicando a inmobilización do animal e a contratación de man de obra especializada. Este proceso é extremadamente demandante en tempo e recursos, o que dificulta a obtención de datos esenciais para avaliar as tendencias de cría ao longo do tempo. O mesmo tempo, a falta de datos, limita a posibilidade de aplicar o Big Data e a intelixencia artificial, tecnoloxías que poderían mellorar significativamente a xestión e a selección xenética.

O reto consiste no desenvolvemento dun sistema de captura e procesamento de imaxes que permita establecer medidas zootécnicas estandarizadas a nivel internacional no gando vacún e noutras especies. Este sistema deberá facilitar a obtención de datos precisos e fiables, simplificando e automatizando a toma de medidas, ao tempo que reduce os custos operativos e aumenta a eficiencia do proceso.

 Vídeo explicativo
Etiquetas: