Skip to Content

Conmemoracións

27 M: Día Mundial do Teatro

MENSAXE


Onde exista a sociedade humana,

o irreprensible Espírito Teatral maniféstase



Baixo as árbores das pequenas aldeas e sobre os requintados escenarios das metrópoles globais; nos salóns de actos de escolas e nos campos e nos templos; en arrabaldes, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subterráneos das cidades, a xente xúntase en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, a nosa vulnerabilidade, en carne viva, alento e voz.

Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos da destreza técnica e para encarnar deuses. Para quedar impresionados diante da nosa capacidade para a beleza, a compaixón e a monstruosidade. Vimos a coller folgos e a facernos fortes. Para celebrar a riqueza das nosas diversas culturas e para disolver as fronteiras que nos dividen.

Onde exista a sociedade humana, o irreprensible Espírito do Teatro maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e as vestimentas das nosas diversas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.

E nós, os artistas que traballamos con este espírito ancestral, sentímonos obrigados a canalizalo a través dos nosos corazóns, das nosas ideas e dos nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa mundanidade e brillante misterio.

Pero nesta era na que tantos millóns de seres humanos loitan por sobrevivir, están a sufrir baixo réximes opresores e un capitalismo depredador, foxen de conflitos e adversidades; cando a nosa intimidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras son censuradas por gobernos entremetidos; cando os bosques están sendo aniquilados, as especies exterminadas e os océanos envelenados: que nos sentimos obrigados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que diversos poderes hexemónicos tratan de convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior a todos os outros, é verdadeiramente defendible insistir que as artes deben manterse á marxe das axendas sociais?

Estamos nós, os artistas de escenarios e rúas, conformes coas asépticas demandas do mercado, ou utilizamos o poder que temos para abrir un espazo nos corazóns e nas mentes da sociedade, para reunir á xente arredor de nós, para inspirar, marabillar e informar, e crear un mundo de esperanza e xenerosa cooperación?

Brett Bailey

O autor desta mensaxe, Brett Bailey,  nado en Sudáfrica, é un recoñecido dramaturgo, deseñador e director artístico do THIRD WORLD BUNFIGHT. Creou aplaudidas obras iconoclastas, que tratan do mundo post-colonial, representadas en Europa, Australia e África. Gañou entre outros premios a medalla de ouro ao deseño (Praga, 2007). Dirixiu o espectáculo inaugural do Cumio Mundial das Artes e a Cultura en Johannesburgo (2009), e entre 2006 e 2009, os espectáculos de inauguración no Festival Internacional das Artes de Harare.

Tamén podes escoitar a mensaxe na voz de Ana Carril, actriz e directora coruñesa:

 

21 de Marzo: Lecturas de Poesía e Primavera

Mulleres na Literatura

Día da Lingua Materna 2014

Textos para a lectura e a reflexión

 

 

Versos de PAZ

Mulleres para celebrar a PAZ

Lembramos ás quince mulleres galardoadas co Nobel da Paz.

 

25 de Novembro: Enterremos a Violencia de Xénero

Homenaxearemos este luns ás mulleres vítimas da violencia ao longo deste 2013 instalando no claustro do instituto un cemiterio con 44 lápidas, sobre cada unha un epitafio poético.

Na seguinte presentación ofrecemos unha ampla mostra das lápidas elaboradas polo alumnado de artes plásticas e dos textos escollidos polos membros do grupo de biblioteca e do club de lectura. A tod@s, alumn@s e profesor@s, moitas grazas!

 

É SAMAÍN! VEN Á BIBLIOTECA E DINOS… QUE OU QUEN FALTA????

Que ou quen falta???

 

A nosa Meiga particular está de troula!!!!

 

Para festexar o Samaín a nosa Meiga preparounos unha sorpresa!!!

 

Que fai aí ese morcego? E ese esqueleto? É o número π o que está agochado nesa fenda? Vaites o cadaleito do señor Saturio!!! E ese é Wally????

 

Esta Meiga non quere festexar soa e precisa da nosa axuda.

Dinos que ou quen falta: trasnos, diaños, meigas, fadas, zombis, fungos, mofos, serpes, arañas, píntegas, fotos, expresións matemáticas, físicas ou químicas, textos, ...

Podes traer o teu debuxo terrorífico, a foto cos teus colegas disfrazados ou da túa mascota, ese texto onde a morte ou os espíritos son protagonistas; ese exercicio de mates co que non podes, esa partitura imposible ou eses comentarios de texto que non sabes por onde comezar.

 

Como vedes “case” todo vale, buscade a relación co Samaín.

 

Podedes participar sós, en grupo, por clases. Pedide a colaboración dos vosos profes e titores!!!!

 

Traédenos as vosas colaboracións para o LABIRINTO da BIBLIO-SAMAÍN e entregádenolo no mostrador da biblioteca, alí tomaremos os datos e colocarémolo no labirinto do terror.

 

Os mellores e máis orixinais terán premios terroríficos!!!!!

Outubro: mes das bibliotecas, día 24: xornada das bibliotecas

Un ano máis comezamos o curso visitando e festexando a biblioteca. Nesta ocasión a mensaxe é da autoría da coñecida escritora Laura Gallego e o cartel foi deseñado por Andrés Rábago (máis coñecido como "El Roto")  

 LAURA GALLEGO    Nunha ocasión un viaxeiro chegou dende un lugar afastado a un pobo no que non había libros. Sentouse a descansar na praza maior e sacou do seu macuto un vello volume de contos. Cando comezou a ler en voz alta, os nenos, que nunca viran nada semellante, sentáronse ao seu arredor para escoitalo.

    O visitante relatou historias que engaiolaron aos seus oíntes e fixéronos soñar con fantásticas aventuras en reinos marabillosos. Cando rematou, pechou o libro para volver gardalo no seu macuto. Ninguén se decatou de que, ao facelo, escapaban de entre as súas páxinas algunhas palabras soltas que caeron ao chan.

    O viaxeiro marchou por onde viñera; tempo despois, os habitantes do pobo descubriron o pequeno gromo que elevaba as súas trementes folliñas cara ao sol, no lugar no que caeran as palabras perdidas.

    Todos asistiron abraiados ao crecemento dunha árbore como non se vira outra. Cando chegou a primavera, a árbore exhibiu con fachenda unhas fermosas flores de pétalos de papel. E, cos primeiros compases do verán, deu froito por primeira vez.

    E as súas pólas enchéronse de libros de todas clases. Libros de aventuras, de misterio, de terror, de historias de tempos pasados, presentes e futuros. Algúns atrevéronse a coller eses froitos, e había un sabio no lugar que lles ensinou a ler para poder gozalos.

    Ás veces, a brisa sopraba e sacudía as pólas da árbore. As follas dos libros axitábanse e deixaban caer novas palabras. E pronto houbo máis gromos por todo o pobo; e en apenas un par de anos, as árbores-libro estaban por todas partes.

    Correuse a voz; moitos investigadores, curiosos e turistas pasaron por alí para coñecer o lugar onde os libros crecían nas árbores. Os habitantes do pobo lían as súas páxinas con deleite, e coidaban cada gromo con gran mimo. E así ían recollendo máis e máis historias con cada nova colleita de libros.

    Un día, os máis sabios do lugar reuníronse e acordaron compartir o seu tesouro co resto do mundo. Elixiron un grupo de mozos e animáronos a escoller un libro da primeira árbore que crecera no pobo. Despois, enviáronos a percorrer os camiños.

    Eles repartíronse polo mundo, buscando un fogar para a súa prezada carga, e así, co tempo, cada un deixou o seu libro nunha biblioteca diferente.

    E conta a historia que alí seguen aínda. Que hai algunhas bibliotecas que gardan entre os seus estantes un libro especial que deixa caer palabras-semente. E que, se aterran no lugar axeitado, cada unha desas palabras crecerá ata converterse nunha árbore que dará como froito novos libros.

    Ninguén sabe en que bibliotecas se atopan estes libros marabillosos. Descoñécese tamén cales, de entre todos os seus volumes, son os que proceden do pobo onde os libros crecen nas árbores. Podería ser calquera, e podería estar escondido en calquera recuncho de calquera biblioteca do planeta.

    Animádevos a entrar nelas e a explorar os seus estantes, viaxeiros; porque quizais deades por casualidade cun libro cuxas palabras boten raíces no voso corazón e fagan crecer unha magnífica árbore de historias cuxas sementes poidan chegar a cambiar o mundo.

    Feliz día da biblioteca!

Laura Gallego

día da biblioteca 2013

EL ROTO

El Roto

E rematemos con humor, unha viñeta de El Roto sobre o futuro do libro tradicional:

  viñeta

Letras Galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño

Liña de tempo para aproximarnos á vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras do presente ano.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut