O 31 de marzo de 1881 chegaba a Ourense a primeira locomotora, na data da quinta e última prórroga que lle dera o Congreso á
Compañía MZOV, concesionaria do ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo. Algo máis de 140 anos despois, o pasado luns 22 de novembro, chegaba a Ourense, cunha ducia de anos de retraso, o AVE en viaxe de probas; será o vindeiro 21 de decembro cando comezará a operar comercialmente. Aproveitamos esta circunstancia para lembrar os versos cos que Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) saudou a chegada do ferrocarril á Cidade das Burgas:
Na chegada a Ourense da primeira locomotora
Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,![](/centros/iessanpaio/system/files/u19/Curros%20El-Heraldo-de-Madrid-22-10-1904.jpg)
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
(in Aires da miña terra)
Ilustracións: Chegada a Ourense da locomotora, La Ilustración Gallega y asturiana (superior) e Curros en El Heraldo de Madrid, 22-10-1904 (inferior)