Neste inusual 25 N, a pesar dos protocolos anticovid, fomos quen de realizar diversas actividades para non esquecer a outra pandemia que ataca, sen tregua, a metade feminina da poboación mundial.
En distintos lugares do centro apareceron tendais de camisetas, con mensaxes contra a violencia machista, elaboradas nos últimos días nas distintas titorías.
Varios grupos de alumnos asistiron na biblioteca a proxección de vídeos sobre micro e macromachismos que deron pé a comentarios e animadas postas en común.
O xa habitual acto conxunto en lembranza das vítimas, foi substituído por un percorrido polas distintas aulas a cargo dun grupo de alumnado pertencente aos club de lectura e oralidade “Conto contigo” e ao voluntariado de biblioteca: estes doce embaixadores prestaron a súa voz o breve manifesto "Sácate a máscara, sácalle a máscara!":
“Non somos negacionistas, mais na pandemia da violencia machista cómpre desenmascararnos.
Cómpre desfacernos das máscaras propias que enchen de bafo os nosos ollos fronte a comportamentos que rematan na labazada, no menosprezo... e, en moitas ocasións, no asasinato da muller.
Cómpre tamén arrincar as máscaras dos consentidores, dos malfeitores, dos asasinos para descubrir a súa verdadeira faciana. Non permitamos que pasen por mansos e pacíficos años os que, en verdade, son sanguentos e voraces lobos!
Cando rematará a pandemia da violencia contra as mulleres?
Para cando a vacina que nos inmunice do machismo asasino?”
manifesto que foi acompañado da recitación de poemas pertencentes a Xhevdet Bajraj, Rocio Cáceres, Julio Collado, Paulo J. Costa, Elena Díaz Santana, Enrique García Trinidad, Dyonisia Karpouzis, Manuel Osuna, Carmen de Silva, Hiroski Tomita, Concha Vilches ou Helena Villar Janeiro.
Grazas a todos e que o vivido nesta xornada sirva para que o resto das xornadas do ano respectemos e fagamos respectar á metade feminina da humanidade!