Skip to Content

exposición

De rexas e reixas

As reixas, segundo o dicionario da RAG, son “barras de ferro paralelas ou cruzadas, que se poñen como protección nas ventás, como cerrado arredor das casas etc.” ou nas portas e fiestras dos cárceres para evitar que fuxan os presos.
E tamén, seguindo co citado dicionario,  a primeira acepción do adxectivo rexa é “que ten forza, que ten vigor
Pois ben, algunhas protogonistas da exposición que nestes primeiros días de abril, grazas á Deputación de Pontevedra, podemos visitar no IES (“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”) son mulleres rexas que, entre outras penalidades e agresións, viviron entre reixas, por defender os dereitos das mulleres e as liberdades promulgadas pola II República.   
A exposición ofrece  unha escolma que documenta a represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da ser mulleres, soportaron tamén vexacións sexistas. E divídese en tres bloques:
Na introdución amósase a contextualización histórica e como o réxime xurdido trala Guerra Civil supuxo unha regresión nos dereitos das mulleres que pasaron a ser consideradas, de feito, menores de idade  e dependentes do varón.
Na parte central e máis extensa (paneis 3 a 10) preséntansenos os diversos tipos de represión: as mulleres non só foron presas ou asasinadas senón que tamén padeceron vexacións de tipo sexista: foron rapadas, violadas, tatuadas, obrigadas a beber aceite de ricino ou a bailar espidas en lugares públicos.
A última parte documenta o papel solidario e resistente das mulleres (o seu apoio á guerrilla, aos fuxidos, aos presos e ás súas familias, ás viúvas e aos orfos) e o seu protagonismo na transmisión da memoria histórica.
Esta mostra completa e ilustra de xeito fotográfico o contido dos relatorios de Montse Fajardo (“A loita das mulleres no século XX. Cen anos de conquistas e represión”, impartido o pasado 10 de marzo) e M” Victoria Martíns (“As mulleres no franquismo”, o 30 de marzo) e supón o remate das actividades que, patrocinadas e financiadas pola Deputación, dentro do programa "O pasado por vir", desenvolvemos na Área Panorámica e no Salón de Actos do instituto no último mes.

Rexas de José María Lores Pérez

 

Maio das Letras, maio de Xela Arias

Neste maio das Letras xa temos disposto o noso escaparate "Letras Galegas 2021: Xela Arias". Xela escritora, Xela tradutora, Xela nai, Xela e a fotografía, Xela e a música son os cinco epígrafes nos que se divide esta pequena mostra para ilustrar algunhas das diversas xeografías percorridas por "aquela nena de Sarria".

Exposición na Biblioteca do Grupo Nós:

Martes, 15 de decembro: desde a nosa biblioteca participamos na segunda e última visita didáctica virtual á exposición Galicia, de Nós a nós. Pechamos así as actividades programadas para celebrarmos o centenario da publicación da revista Nós que se viron complementadas coa nosa particular exposición de materiais Nós na Bibliosanpaio.

na Bibliosanpaio de amapeot

Se non podemos ir ao Gaiás, o Gaiás ven a nós

Hoxe, ás dez da mañá, grazas a unha visita didáctica en liña, puidemos acercarnos á exposición "Galicia, de Nós a nós" e así recoñecer a importancia de Nós na construción da identidade galega. Sen saír da nosa biblioteca visualizamos as obras expostas, coñecemos o contexto sociohistórico e sociolingüístico da Xeración e o Grupo Nós e conectámolo coa actualidade. Exploramos tamén a dimensión de universalidade e internacionalización da lingua e a cultura galega grazas ao compromiso e a obra deste grupo de intelectuais comprometidos coa terra nai.

 

Reflexionando sobre os estereotipos

Aproveitando a celebración do 8 de marzo, estes días pode visitarse na entrada do instituto unha pequena exposición sobre estereotipos de xénero. Con ela pretendemos reflexionar sobre as ideas preconcebidas que nos levan a identificar, dun xeito máis ou menos subliminar, por exemplo, as bonecas con xoguetes de nenas ou os coches como propios dos nenos.

Cómpre rachar as reixas que engaiolan as nosas mentes para loitar por unha efectiva e real igualdade!

Novidades en portadas

exporOs alumnos de 4º da ESO, guiados pola súa profesora de Plástica, elaboraron estas magníficas portadas que expor2podemos contemplar nestes días finais de curso, tempo de recollida de notas e de matrícula cara ao vindeiro ano académico.

Xa temos as portadas, o continente, faltan os contidos mais seguro que entre o noso alumnado hai escritores que saberán encher de contidos esas ou outras portadas: unhas, como as gañadoras do noso X Concurso San Valentín, xa o fan; tal vez outros hoxe sexan escritores en potencia pero nun futuro máis ou menos próximo pasarán ao acto creativo.

Distribuir contido


by Dr. Radut