Xa temos datas e convidados para os II Encontros Motivacionais con Exalumnado do noso instituto. Igual que na edición do ano pasado, o obxectivo é traer e sentar ante o noso alumnado de 2º Bacharelato (ese curso con tanto estrés e tantas decisións por tomar) a mozos e mozas que pasaron hai non tanto exactamente por esas mesmas aulas, para compartir con eles a súa traxectoria persoal desde que estaban nelas ata o momento actual, no que se atopan xa cursando ciclos superiores, graos universitarios, doutoramentos ou estudos de máster. Eles e a súa experiencia persoal e formativa serán os auténticos protagonistas e o fío condutor das xornadas.
Aínda que nos encantaría telos ben preto e con nós, nesta ocasión farémolo por videoconferencia, co alumnado na súa respectiva aula e os exalumnos/as convidados desde as súas casas, e dividimos os Encontros en dúas partes:
- unha para o ámbito de Ciencias (coa presenza de oito exalumnas/os cursando Enxeñerías, Arquitectura, Medicina, Enfermería...)
- e outra para o do ámbito de Ciencias Sociais, Artes e Humanidades (á que asistirán outros oito exalumnos/as cursando estudos como Comunicación Audiovisual, ADE, Xornalismo, Dereito, Educación Primaria...)
Cada un destes Encontros durará dúas sesións consecutivas de cincuenta minutos que, confiamos, resulten tan estimulantes e proveitosas como o foron as da edición anterior.