Skip to Content

ACOLLIDA AO ALUMNADO DE 1º ESO NA SÚA PRESENTACIÓN

Foron moitos os proxectos, actividades e saídas didácticas que o curso pasado non puidemos levar a cabo debido ao confinamento por causa da pandemia. Unha delas, foi a xornada de acollida a alumnado que finalizaba 6º de Primaria e que ía ter ao noso IES como novo centro de destino. É algo que adoitamos facer cara o remate do curso, e co que pretendemos axudar a ese alumnado a adaptarse ben a un cambio tan sinalado e importante na súa etapa educativa. E é por isto que o pasado mércores 16 de setembro, cun magnífico traballo do equipo de biblioteca, quixemos facer aos nosos 1º ESO unha presentación que fose tamén un xesto cálido de volta ás aulas e de benvida ao noso centro.

Coñeceron así, antes de ir á súa aula, lugares sinalados como o Salón de Actos (moi de Harry Potter, dixo un deles), onde todo o alumnado se atopou cunha mensaxe de vídeo ou unha imaxe de ánimo e agarimo, enviada pola súa escola de Primaria (GRAZAS desde aquí por sumarvos!); accederon ao claustro axardinado e ao aire libre; e tiveron o privilexio de ser os primeiros estudantes en descubrir a nova biblioteca do San Paio, cada vez máis próxima xa a poder ser inaugurada.

Nela agardábaos unha maleta pechada, que lles pedía ser aberta para descubrir no seu interior algo moi valioso, algo único. Ao abrila, sorprendéronse ao descubrir que, en efecto, no espello do interior aparecía algo único: o seu rostro. A persoa única e valiosa que son cada un deles.

Oxalá, pasado o tempo, lembren con agarimo esta acollida e a súa chegada a esta nova etapa, a esta nova biblioteca a eeste IES San Paio, no que nos comprometemos a coidalos, motivalos e acompañalos ata que a misión de pasar á seguinte etapa sexa un éxito.

Non son palabras baleiras. É o noso Xuramento Inquebrantable. ;)

 

ENTREGA DE ORDENADORES E-DIXGAL A NAIS/PAIS DE 1º ESO

 

Este XOVES 1 DE OUTUBRO, exclusivamente entre as 17.00 ás 18.30 h e no interior do pavillón do IES, procederase á entrega de equipos informáticos ás nais/pais do noso alumnado de 1º ESO.

A entrega do equipo farase só a nai ou pai, previa presentación do seu DNI. Se non fose posible asistir, poden autorizar por escrito, para esta recollida, a outro adulto (xuntando fotocopia do DNI do autorizante). Quen non o recolla nesta data e franxa horaria, deberá poñerse en contacto telefónico (polas mañás) coa Dirección do IES para concertar unha cita expresamente para esta entrega.

 

 

FONDO LIBROS: ENTREGA DE LIBROS DE TEXTO AOS BENEFICIARIOS

 

O vindeiro XOVES 1 DE OUTUBRO, durante a mañá, o alumnado beneficiario de Fondo Libros para este curso, será chamado por orde para serlle entregados os libros de texto correspondentes. Será en horario lectivo, en quendas ordeadas por grupos e directamente ao alumnado, que recibirá ademais un impreso cos detalles da entrega para que poida entregalo na casa. 

Solicitamos que o alumnado escriba na garda interior do libro (reverso da portada) o seu nome completo e o grupo ao que pertence, para poder saber, en caso de extravío, a quen lle fora entregado. E lembramos que os libros deben coidarse e devolverse ao remate do curso, na data e forma que se establezan. 

 

DECÁLOGO DE NORMAS PARA UN CURSO DIFERENTE

Este é o noso Decálogo de normas básicas para un IES seguro, que estará ben á vista en todas as aulas e espazos de uso do noso instituto.

Levamos traballando duro e silenciosamente todo o verán para adaptar o centro a cada nova instrución ou directriz que nos foi chegando desde as administracións (a última a semana pasada): relocalización de aulas, retirada de mobiliario, separación de máis de 700 pupitres (primeiro a 1m e semanas despois a 1,5m), transformación de espazos extra en aulas para baixar as ratios, aumento de un grupo en todos os niveis (desde 1ESO a 2BAC), cálculos de todo tipo, reelaboración completa de todos os horarios do profesorado (sesenta e dous, con miles de combinacións a ter en conta), acopio de material sanitario, dotación para todos os espazos, sinalización con vinilos, redacción de protocolos e un longuísimo etcétera que probablemente non imaxinades. Todo, para lograr un instituto seguro para alumnado e as súas familias e persoal do centro, e apostando forte sempre para garantir 100% de ensino presencial en todos os niveis.

Por suposto, sen descoidar os traballos habituais de mantemento do edificio, preparación do curso e tamén algún emocionante proxecto máis no que decidimos embarcarnos para axudar ao centro a medrar e adaptarse aos novos tempos, novos espazos e novas metodoloxías, e poder estimular e acompañar mellor ao noso alumnado no seu crecemento persoal.

Foi un verán duro para este claustro e persoal do centro e sabemos que vai ser tamén un curso duro. Por eso aproveitamos para pedirche a túa colaboración, comprometéndote con este decálogo e coas demais normas e adaptacións nas que vimos traballando ou axudándonos a concienciar aos teus fillos ou aos teus compañeiros e amigos na importancia de manter as medidas de prevención. Porque o virus só se para coa colaboración de todos.

Moito ánimo. Isto empeza. Estamos preparados e con moitas ganas de terte con nós.

Ata pronto!

 

COMEZAMOS! ESTES SON OS DÍAS E HORAS DAS PRESENTACIÓNS

Por fin comezamos! A pasada semana a Consellería estableceu tres días diferentes para as presentacións dos diferentes cursos; cursos que no noso IES estarán divididos en 5 grupos (A, B, C, D ou E).

 ESO:

  • Para saber en que grupo quedou encadrado cada alumna/o, DESDE AS 10.30 DO LUNS 21 estarán publicadas as LISTAXES de alumnado deste curso nas columnas exteriores do pavillón do IES. Así evitaremos aglomeracións no día da presentación. É imprescindible que o alumnado ou as familias vaian a consultalas o luns ou martes, antes do día da presentación, para coñecer en que grupo está o estudante e a que hora será a súa presentación.

  • O mércores 23, o alumnado de 1º ESO agardará, cada grupo á súa hora, nas escaleiras exteriores ata ser chamado ao interior.

  • A duración aproximada da presentación para cada grupo deste curso será de 2 horas, debido ás actividades e dinámicas que temos preparadas para acollelos da maneira máis afectuosa e cálida posible. 

  • Ese día NON haberá transporte escolar.

De 2º ESO a 2º BAC:

  • NON se publican listaxes de grupos. Cada alumno/a coñecerá o seu grupo na presentación, que terá lugar no pavillón do IES, cada curso na data e hora indicadas nas imaxes.

  • A duración aproximada será dunha media hora.

  • NON haberá transporte escolar para acudir expresamente á presentación, pero si o transporte escolar habitual de horario de clase, tanto á ida como á volta.

 

 

IMPORTANTE PARA TODAS/OS:

➡️Trae boli e papel para anotar.

➡️Sé puntual, pero non te pases! Abonda con presentarse cinco minutos antes da hora. Lembra que debemos evitar aglomeracións e que os acompañantes non poden acceder ao centro. Máscara, distancia interpersoal e atención ás normas.

➡️AS CLASES COMEZAN PARA CADA GRUPO AO DÍA SEGUINTE da súa respectiva presentación.

➡️Todas as clases serán 100% PRESENCIAIS para TODOS os cursos, co MESMO HORARIO de sempre, aínda que flexibilizando ata dez minutos a entrada (desde as 8.35), a saída (desde as 14.20) e os recreos, para evitar aglomeracións.

➡️Seguide atentos á web.

 

Agardámosvos con máis ganas cá nunca. Ata entón!

A CONSELLERÍA POSPÓN O INICIO DE CURSO EN SECUNDARIA E BACHARELATO

No día de onte, a Consellería de Educación pospuxo o incio de curso, quedando as PRESENTACIÓNS dos respectivos cursos nos días que se indican na imaxe. A vindeira semana, poderemos publicar os horarios das presentacións e demais información relativa ao curso.

A GRADUACIÓN DE 2º BACHARELATO, APRAZADA

 

Mañá era o noso día grande. O día que fixáramos para celebrar a "graduación" do noso alumnado de 2º de Bacharelato. Levábamos (levamos) moitos meses traballando desde o equipo directivo para, por primeira vez xuntarnos nas instalacións do teatro municipal de Tui e así, entre outras razóns, abrir tamén esta cerimonia ás familias dos alumnos/as, na tarde-noite dun venres.
 
Tiñamos decidido (temos) que cantaran, que tocasen música para ese público amigo cos seus propios grupos, que decorasen, e guionizasen con nós, que tomasen a palabra e que subiran, un a un e en grupos ao escenario despois de tocarlles o corazón con algunhas xugosas lembranzas desta que durante un tempo foi parte das súas vidas. Queríamos (queremos) ensinar e aprender con eles a honrar a palabra "despedida". E, dalgunha maneira, esta dose de amarga realidade da Covid está a facelo. Estamos aprendendo que non sempre todo pode acabar cunha festa.
 
Pero claro: non queremos resignarnos. E NON NOS IMOS RENDER. Porque se hai unha xeración que mereza unha festa así é precisamente esta. Así que coidádevos, que seguimos nunha grave alerta sanitaria. E cando escampe (que escampará), contade con nós. Palabra.

INICIO DO CURSO E PROTOCOLO COVID-19

 

O documento está dispoñible facendo clic AQUÍ.

 

INICIO CURSO:

Mércores 16: 1ESO, 2ESO, 1BACH.

Xoves 17: 3ESO, 2BACH

Venres 18: 4ESO

 

ENTREGA DE NOTAS SETEMBRO: DÍA, HORARIO, LUGAR E OUTROS

O vindeiro LUNS 7 DE SETEMBRO convocamos ao alumnado de todos os cursos (salvo 2BAC, que recibirá o boletín de notas o xoves 3 ás 14.00 horas) para levar a cabo as tarefas que se detallan a continuación:

1. ENTREGA DOS BOLETÍNS DE NOTAS, para alumnado con materias a recuperar en setembro, nas seguintes horas e lugares (pregamos puntualidade):

 

  

2. DEVOLUCIÓN AO CENTRO DOS LIBROS EMPRESTADOS POLO FONDO LIBROS para este curso 2019-20.

  • alumnado que tivo libros de texto de Fondo Libros da Xunta (non os da ANPA!) terá que traelos ese mesmo día (borrados e limpos). O titor/a, tras a entrega de notas, comprobará a devolución e despois acompañará ao alumnado para a súa entrega a membros do equipo directivo en Biblioteca II, recibindo un impreso de confirmación da devolución para levar a casa.
  • Non confundir cos libros prestados pola ANPA, que devolveranse no día e forma que esta indique.

 

3. OUTROS.

  • alumnado con libros emprestados pola Biblioteca do IES, deberá devolvelos ao titor/a ese día.
  • Os ordenadores de Edixgal (1ESO) non se devolven ao centro ata o remate do vindeiro curso 2020-21.
  • É imprescindible:
    • ENTRAR NO CENTRO COA MÁSCARA POSTA.
    • USAR OS DISPENSADORES DE HIDROXEL dispostos na entrada do centro e aulas.
    • Manter en todo momento as DISTANCIAS DE SEGURIDADE.

 

Becas MEC para o curso 2020-21

 

 

Publicada a convocatoria do Ministerio de Educación para a solicitude de diversos tipos de becas para o vindeiro curso.

A solicitude tramítase a través da Sede Electrónica do Ministerio

 

Máis información, AQUÍ.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut