Skip to Content

DECÁLOGO DE NORMAS PARA UN CURSO DIFERENTE

Este é o noso Decálogo de normas básicas para un IES seguro, que estará ben á vista en todas as aulas e espazos de uso do noso instituto.

Levamos traballando duro e silenciosamente todo o verán para adaptar o centro a cada nova instrución ou directriz que nos foi chegando desde as administracións (a última a semana pasada): relocalización de aulas, retirada de mobiliario, separación de máis de 700 pupitres (primeiro a 1m e semanas despois a 1,5m), transformación de espazos extra en aulas para baixar as ratios, aumento de un grupo en todos os niveis (desde 1ESO a 2BAC), cálculos de todo tipo, reelaboración completa de todos os horarios do profesorado (sesenta e dous, con miles de combinacións a ter en conta), acopio de material sanitario, dotación para todos os espazos, sinalización con vinilos, redacción de protocolos e un longuísimo etcétera que probablemente non imaxinades. Todo, para lograr un instituto seguro para alumnado e as súas familias e persoal do centro, e apostando forte sempre para garantir 100% de ensino presencial en todos os niveis.

Por suposto, sen descoidar os traballos habituais de mantemento do edificio, preparación do curso e tamén algún emocionante proxecto máis no que decidimos embarcarnos para axudar ao centro a medrar e adaptarse aos novos tempos, novos espazos e novas metodoloxías, e poder estimular e acompañar mellor ao noso alumnado no seu crecemento persoal.

Foi un verán duro para este claustro e persoal do centro e sabemos que vai ser tamén un curso duro. Por eso aproveitamos para pedirche a túa colaboración, comprometéndote con este decálogo e coas demais normas e adaptacións nas que vimos traballando ou axudándonos a concienciar aos teus fillos ou aos teus compañeiros e amigos na importancia de manter as medidas de prevención. Porque o virus só se para coa colaboración de todos.

Moito ánimo. Isto empeza. Estamos preparados e con moitas ganas de terte con nós.

Ata pronto!

 



page | by Dr. Radut