Skip to Content

8M- Entrevistas ás nosas heroínas.

OU ACCEDE DESDE AQUÍ AO VÍDEO  As nosas heroínas 

II ENCONTROS MOTIVACIONAIS CON EXALUMNADO PARA 2BAC

Xa temos datas e convidados para os II Encontros Motivacionais con Exalumnado do noso instituto. Igual que na edición do ano  pasado, o obxectivo é traer e sentar ante o noso alumnado de 2º Bacharelato (ese curso con tanto estrés e tantas decisións por tomar) a mozos e mozas que pasaron hai non tanto exactamente por esas mesmas aulas, para compartir con eles a súa traxectoria persoal desde que estaban nelas ata o momento actual, no que se atopan xa cursando ciclos superiores, graos universitarios, doutoramentos ou estudos de máster. Eles e a súa experiencia persoal e formativa serán os auténticos protagonistas e o fío condutor das xornadas.

Aínda que nos encantaría telos ben preto e con nós, nesta ocasión farémolo por videoconferencia, co alumnado na súa respectiva aula e os exalumnos/as convidados desde as súas casas, e dividimos os Encontros en dúas partes:

  • unha para o ámbito de Ciencias (coa presenza de oito exalumnas/os cursando Enxeñerías, Arquitectura, Medicina, Enfermería...)
  • e outra para o do ámbito de Ciencias Sociais, Artes e Humanidades (á que asistirán outros oito exalumnos/as cursando estudos como Comunicación Audiovisual, ADE, Xornalismo, Dereito, Educación Primaria...)

Cada un destes Encontros durará dúas sesións consecutivas de cincuenta minutos que, confiamos, resulten tan estimulantes e proveitosas como o foron as da edición anterior.

 

PREMIOS EDUCA ABANCA MEJOR DOCENTE DE ESPAÑA

 

O noso Vicedirector e Profesor de Historia Miguel Ángel Abraira Pérez, ven de ser galardoado cun meritorio sexto posto nos Premios Educa Abanca 2020, celebrados o pasado sábado 27 de febreiro no entorno virtual de ISLA EDUCA conxuntamente ao Congreso Mundial de Educación EDUCA 2021. Ó acto virtual (debido a pandemia Covid-19) de entrega dos premios, asistiron numerosas autoridades do ámbito educativo, empresarial e político. 

 Este concurso ten o obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido polo mellores docentes durante todo o ano académico, buscando realzar socialmente a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensinanza do seu alumnado, así como a súa importancia para a sociedade.

 

 Querido compañeiro, de parte de toda a COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES SAN PAIO, aplaudimos o teu traballo e  te enviamos os nosos máis sinceros PARABÉNS!!!!.

CONCURSO DE MICRORRELATOS, POEMAS BREVES E ILUSTRACIÓNS

Fai clic AQUÍ para acceder ao PDF e ampliar

Esta semana, e ata a do día das Letras Galegas, propoñémosche un Concurso para poñer a proba a túa creatividade. Chamámolo "Novas Follas e Cantares" e nel poderás participar con MICRORRELATOS, con POEMAS BREVES ou con ILUSTRACIÓNS (fotografía, debuxo, pintura...). Aquí está todo o que tes que saber para poder participar neste certame:

  • Para quen? Para alumnado da ESO (de 1º a 4º, incluídos). Cando empeza? Este mércores 24 de febreiro (día do nacemento de Rosalía de Castro).

  • Cando remata? O luns 17 de maio (día das Letras Galegas).
  • Como funciona? Haberá sucesivas roldas nas que se publicará (no Instagram e na pantalla e taboleiro do recibidor), un verso diferente de Rosalía de Castro. Así, a primeira quenda comezará este mércores 24 (día no que publicaremos o verso) e rematará o venres 12 de marzo, ás 14.25 h., podendo participar así nas 3 modalidades:

    • Microrrelatos: textos en galego, que deberán incluír o verso proposto e non poderán superar as 200 palabras.
    • Poemas breves: textos en galego, que deberán conter o verso proposto, e terán entre 4 e 6 versos.
    • Ilustracións: fotografía, debuxo, pintura, etc. sempre orixinal e inspirado no verso proposto.
  • Como entregar? En sobre pechado, na urna dispoñible en Conserxería ou en man ao profesorado de Galego. Tanto no sobre (anverso) como no texto (pé de páxina) ou ilustración (anverso) deberá escribirse:

    • nome e apelidos do autor/a
    • curso
    • título da obra
  • Premios: haberá premios por cada rolda e, sobre todo, premios finais. Así, o gañador/a de cada modalidade recibirá:

    • Por cada rolda: un Vale por bocata e bebida para a cafetería do centro
    • Premios finais: un Vale de 50 euros para gastar no comercio local.
  • Resolucións do xurado: os premios de cada rolda resolveranse antes de publicar a seguinte; e os premios finais durante a Semana das Letras Galegas.
 
 
Ánimo, aguza a túa creatividade e a por eles!
Mércores 24, publicaremos o 1º verso. Atentas/os ao noso Instagram!
 
 

FOTOS GAÑADORAS DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE ENTROIDOS PASADOS

Velaquí as tres fotos gañadoras do Concurso de Fotografía de Entroidos Pasados, edición de 2021:

  • Premio Fotografía Divertida, para Alba de Marcos, por “Naranjito’82”. 
  • Premio Fotografía Máis Antiga, para Emilio Pazo, por “Entroido universitario en Compostela, 1966”. 
  • Premio Fotografía Orixinal, para Uxía Soliño Martínez, por “Benvidos ao inframundo”. 

Moitísimos parabéns e moitísimas grazas por axudarnos a revivir eses Entroidos de anos pasados con estas marabillosas imaxes. 

Ata o Entroido que vén!

ENTROIDO 2021

 

Esta semana toca venres de Entroido e, aínda que queremos ser moi cautos e manter todas as restricións, tamén consideramos importante achegar ao alumnado o maior grao de "normalidade" posible. É por isto que preparamos un venres de Entroido un tanto peculiar e adaptado aos tempos, pensado para todo o alumnado (excepto o de 2º Bacharelato). Así, estes son os puntos clave:

CLASES

  • Non haberá celebración, festa ou suspensión de horas lectivas. Haberá clase con normalidade, desde a primeira ata a última hora.


DISFRACES

  • O alumnado que o desexe poderá vir disfrazado ao centro, pero deberá:

    • vir co disfraz posto directamente desde a casa (sen cambios de roupa en aseos e/ou aulas)

    • manter en todo o momento as normas covid (máscara, distancia, uso de xeles, evitar intercambiar obxectos...)

    • manter unha actitude de traballo nas clases, como calquera outro día. Ben, sabemos que a primeira sesión pode ser un pouco máis complicada que de costume, pero esperamos poder superalo.

CONCURSOS

  • Entre a 4ª e a 6ª hora do venres, un xurado poderá interromper minimamente a clase (uns 3') para valorar os disfraces, de cara a decidir os gañadores do Concurso de disfraces do Entroido (ver cartel), que se farán públicos no seguinte venres. Este ano, ademais, propoñemos algunhas temáticas, se ben podo optarse por tema libre; haberá premios a Mellor Disfraz Grupal e Individual de cada nivel e temática, entre outros.
  • Ademais, durante os días de descanso (ata mércores 17, incluído) estará aberto tamén o prazo de entrega para todos os que desexen participar (alumnado e profesorado) no Concurso de Fotografías Antigas de Entroido, que se enviarán (máximo 10 imaxes) ao correo do IES indicando no asunto "Concurso", e para o que tamén haberá premios para a foto máis divertida, a máis orixinal e a máis antiga de todas as recibidas. Honraremos así, con todas as recibidas, ese outro Entroido do que temos saudade.

Bo Entroido!

Día do Amor. Propostas da Biblioteca

Na segunte presentación podedes acceder a recursos recopilados polo Equipo da Biblioteca para o DÍA DO AMOR:

- Escolma poética.

- Cartas de Emilia a Benito.

- Curtas animadas.

- Curtas de amores diversos.

- Poetas (e) youtubers.

- Libros sobre amores e desamores: divulgación, novelas, álbumes ilustrados, banda deseñada. (ollo que hai premio!)

O NOME E DESEÑO VISUAL DO LABORATORIO DE BIOLOXÍA, A CONCURSO!

Con motivo do Día Internaciondal da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora o 11 de febreiro, o noso Departamento de Bioloxía e Xeoloxía lanza un reto: propoñer un nome e o deseño dunha imaxe para a súa aula laboratorio. Estas son as bases, abertas a toooodo o alumnado do IES:

  • Propón unha científica para dedicarlle a aula e argumenta o por qué.
  • Crea un deseño relacionado para decorar a porta do laboratorio. O formato é libre! Pero debe entenderse a quen se honra.
  • Envía a túa proposta, antes do 28 de febreiro (último día) ao enderezo electrónico bioxeosanpaio@gmail.com

A proposta gañadora plasmarase nun vinilo que será colocado por fóra na porta do laboratorio, decorando así a aula,  visibilizándoa e facéndoa única e esperamos que espectacular. Ademais, recibirá tamén como agasallo uns modernísimos auriculares inalámbricos.

Queda inaugurado pois o concurso! Sede creativos, esixentes e persoais... e sorte a todas/os!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut