Maio 2024
Quen escribirá a miña historia? de Iria Morgado Valcárcel
As persoas presas no campo de concentración do mosteiro de Oia debuxaban nas paredes do mosteiro. Facíano quizais para voar lonxe do horror. Tamén escribían, deixando nos muros as súas últimas mensaxes, os seus derradeiros pensamentos.
Unha desas frases convértese para Alba nun enigma que é preciso resolver. Intentalo levaranos a unha viaxe entre os anos trinta e o novo milenio, entre dous confinamentos ben diferentes, entre o presente e o pasado, aquel dos presos do mosteiro, pero tamén o da propia Alba, cativa, tamén ela, da violencia que non pasa. (sipnose editorial)
“Unha aproximación á historias do mosteiro durante os anos nos que funcionou como campo de concentración. Un aspecto descoñecido ata este momento. Trátase dunha ollada a un terrible pasado a través dos debuxos que os propios presos deixaron nas paredes."
Ese sería o texto da contraportada.
O libro tería como elemento central os debuxos. A través deles narraríase a historia do campo. Que mellor forma para coñecela que os propios testemuños das persoas que estiveran alí confinadas? Eles narrarían a súa propia historia.
Que fermoso e, á vez, que atroz.
As cortinas do interior do edificio amarelo voaban tentando acadar a liberdade no exterior. Estarían agardándoa?
Malia que emocionada pola saída do libro, despois de moitos meses de duro traballo, sentira que quedaba algo pendente. A visita a ducias de arquivos históricos, civís, tamén militares. Entre mans amigas e miradas receosas. Mais, pese a todas as indagacións, Alba non conseguira desvelar quen era Eugenio Blanca. O seu nome non aparecía nin na listaxe de falecidos no mosteiro que atopara Xabier, o vello historiador, nin nos diversos documentos franquistas recompilados por ela. Non houbera maneira de saber quen era, de onde viña, se os seus familiares sabían que falecera no campo.
Finalmente, Manuel déralle a idea. Por que non buscar familiares vivos a través de Internet? Sería difícil, quizais imposible, pero non tiña nada que perder. Unha das súas frases recorrentes.
Foi así como encontrou a Eugeni Vila Blanca, neto de Eugenio, nunha rede social de busca de emprego. E contactou con el. E obtivo a confirmación de que o seu avó loitara en defensa da República e estivera nun campo de concentración. Así chegou a este momento.
Alba continúa parada a uns metros da entrada da casa da filla de Eugenio, Carme, nacida meses despois de que el fose arrestado. Con ela vivía a nai, Joana, unha anciá de oitenta e catro anos que aínda conservaba a mente clara e áxil. Pouco máis sabía. Ao día seguinte de contactar con Eugeni, de falar da súa avoa, que seguía viva e estaría encantada de recibila, mercara o billete de tren.
E alí estaba. Na vila do home da parede. A poucos metros da muller coa que non puidera casar, da filla que non coñecera. Desenguedellando o enigma da frase da parede, que a conmocionara cunha forza desmedida aquel primeiro día no mosteiro. Repasouna mentalmente.
AQUÍ CHEGOU O DÍA 12-5-39 EUGENIO BLANCA...
E SAÍU PARA O CEMITERIO O DÍA 16-4-39.
Noutras paredes atopara máis sinaturas de Eugenio. Unha delas dicía:
EUGENIO BLANCA, 18 ANOS.
Noutra, o seu nome ía seguido de algo riscado que non conseguira descifrar.
Dezaoito anos…
Era un rapaz.
Alba levaba impresas as fotografías das inscricións na pequena bolsa en bandoleira. Tiña pensado ensinarllas a Joana, xunto co resto de ilustracións que consideraba obra súa: a ponte do Diaño, o mapa e tamén aquel:
QUÉROTE, JOANA.
Temía a súa reacción. Se sería demasiado.
Achegouse ao edificio. A cortina seguía bailando coa brisa cálida que chegaba desde o Mediterráneo. Tentando liberarse do interior, voar libre.
Viu unha anciá asomada á ventá aberta. Moi queda, calada. Miraba cara a Alba cun aire de expectación, de transcendencia fulminante no ollar. Coma se ese fose o momento que levaba toda a vida agardando.
Alba, como aquela vez diante da frase de Eugenio, sentiuse golpeada pola dor viva do seu sufrimento. Paralizada diante da entrada da casa.
A caligrafía de Eugenio volveuse home, volveuse vida ante a mirada calma de Joana.
Alba aínda non sabía que nada sería como imaxinara.
A filla de Eugenio dispúxose a abrir a porta. A carta sobre a mesa movíase lixeiramente por mor da brisa suave que entraba pola ventá aberta. Coma se estivese impaciente.
A conversa fluíu de xeito natural. Coma se o nexo que Eugenio tecía entre elas abondase para que se sentisen cómodas (pp. 75-78)