Xaneiro 2024
- Recomendamos |
- lectura |
- novela |
- suxestión
O estranxeiro de Álex Alonso
Nunha das súas andainas polas rúas viguesas, Manuel María Pereira Nespereira mata a un home nos servizos da estación de autobuses meténdolle a cabeza dentro dunha bolsa de plástico do Mercadona. Tras a súa detención, comeza un delirante xuízo no que o acusado trata de xustificar a súa criminosa acción.
Estamos diante dunha obra que se move no gume do surrealismo e na que, baixo o humor negro que preside a proposta, se agocha unha mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á voluble xustiza que decide o que é delito e o que non.
A medio camiño entre A conxura dos necios de John Kennedy Toole e a novela homónima de Albert Camus, O estranxeiro constitúe unha reformulación da novela humorística, afondando nos mecanismos que manexa este xénero e ampliando as súas estremas, referencias e espazos clásicos.
Sentíame ben na terraza do Camaleón. Non sei se era pola presenza de Adelina ou porque corría unha suave brisa mariña que parecía acariñar os nosos rostros expostos e medio torrados ao sol. Pero supoño que pesaba máis a presenza dela. E, obviamente, as súas dúas poderosas razóns, que nunca me cansarei de gabar. Por un momento, que eu atribuiría, pois, a un estado de ánimo exultante e imprevisible, ata me saíu esa vea poética tan íntima e secreta en min. «Mira Adelina! Os azuis do mar e do ceo, os azuis das illas Cíes e do horizonte presentan diferentes gamas cromáticas, non te dás de conta?» Adelina retirou, nun breve xesto, as lentes dos ollos e miroume coma se acabase de ver un espellismo. Descubrín entón, naquel leve aceno, que tiña un ollo denegrido e o pómulo inchado. Díxenlle a continuación, sen pensalo, que se agora collésemos unha lancha fóra borda e marchásemos, en liña recta, cara á porta da entrada da ría que forman as Cíes e Cabo Home, iriamos dar dereitiños a Nova York. «Imaxínate, Adelina, Vigo e Nova York entrelazados polo carreiro do mar! O Sireno e a Estatua da Liberdade en harmoniosa maridaxe culinaria!» Pero, en contra do que puidese agardar, dábame a impresión de que Adelina non me facía moito caso ou, ao menos, as cores naturais e as coincidencias xeográficas non eran algo que a ella lle chamasen demasiado atención. Ou quizais non entendera o da «harmoniosa maridaxe culinaria». Non o sei. Tampouco teño unha grande experiencia coas mulleres como para saber exactamente que temas ou aspectos tratar con elas. E máis con mulleres como Adelina. Tan muller. Tan... Decidin calar e agardar a que ela tomase a iniciativa. Quizais me explicase a razón desa actitude de desazo que parecía inundala e que se agochaba, turbia, e sen dúbida, por tras das lentes. Podiamos dicir aquilo de que hoxe Adelina non ría á ría de Vigo. Eu seguía, mentres tanto, coas miñas arelas de poeta.
Adelina confesoume que traballaba de puta. De prostituta, mellor dito. Non me gusta a palabra puta. E parece ser que tiña un «chulo» (unha especie de xefe ou patrón) que mazaba nela cando non cumpría cos obxectivos esixidos da xornada. Veume á cabeza, ao instante, o mundo da empresa privada. Díxome que xa levaba moito tempo na profesión, que agora xa non era coma antes, pois, unha vez chegados os corenta (Adelina é da miña quinta, fomos xuntos á escola), os homes buscaban mulleres máis novas, e que a súa carteira de clientes pouco a pouco ía minguando debido a estas razóns que ela me daba pero tamén produto, sen dúbida ningunha, da crise económia que estabamos a vivir. «Os homes, en tempos de crise, volven facelo coas súas mulleres!», dixérame. O que son as cousas, verdade? Adelina non residía nin en Madrid nin en Barcelona, como eu pensaba. Había tempo que vivía en Vigo, nun piso da rúa Brasil. Por esa zona labiríntica de rúas con nomes de países americanos que circundan El Corte Inglés. Venezuela, Ecuador, Chile, Uruguai... Ah, non, Uruguai, non! Non entendo como fan un núcleo específico de rúas americanas (latinoamericanas, iberoamericanas, hispanoamericanas) e deixan o Uruguai á marxe deste plan de urbanismo! Eu realmente non tiña nada en contra da prostitución, pero tampouco nada a favor. Mantiñame á marxe. Coma a rúa Uruguai, supoño. Iso si, non me parecía ben que o xefe de Adelina tomase ese tipo de represalias contra ela. Se non estaba satisfeito co seu traballo, que a despedise e punto. E coa indemnización correspondente. Pero, segundo me comentaba Adelina, abandonar non era tan fácil. «Nesta profesión pringas toda a vida, Manuel María!» Foi o que me dixo. Que «pringaba». Quedei pampo. E pensativo. Non sabería dicir de ningún outro oficio cun contrato tan profundamente indefinido coma este.
Había rapaces facendo windsurf pola illa de Toralla. En Samil, en cambio, aínda non levantara o vento. As correntes de aire é o que teñen. Que nunca sabes por onde van vir. Mamá sempre me prevén cando abre a porta da casa e as ventás dos cuartos. «Manuel María, que non te colla unha corrente de aire...!» Dábame sempre a impresión de estar nese momento a punto de ser arrolado por un tren no medio dun paso a nivel. «Escapa de aí!», insistía. Pois ben, xusto foi así como me sentín, cando, de súpeto, Adelina me propuxo a posibilidade de contraer matrimonio. No medio dunha corrente de aire. Ela quería definitivamente abandonar o oficio. Estaba farta da súa vida como «escrava do amor». Así mo dixo. Que eufemismo tan preciso, tan certeiro. De que maneira se entrelazaban dous conceptos profunda e profusamente antagónicos... (páx. 45-47)
O autor: Álex ALONSO nace en Vigo en 1968. Licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica, na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. Gañador de distintos premios literarios, na nosa biblioteca tamén podedes acceder a outros títulos seus como Granito, Bullying ou Tempos de bebidas isotónicas e fast-food.
Se premes aquí atoparás unha entrevista con el.