Abril 2023
O futuro
Preguntades constantemente que faremos despois. Pero nós non sabemos responder con palabras. Non sabemos.
É coma cando todas as árbores dun bosque se inclinan ao mesmo tempo para indicar a dirección do vento. O seu boureo. A desorde.
Poderiamos chamarlle futuro á diferenza entre o que intentamos ser e o que somos, entre o que cremos ser e o que verdadeiramente somos.
Unha fórmula próxima á da decepción.
Pero nós eliximos a imaxe chorosa dunha virxe.
Escollemos unha estampa para poder rompela ou deixala esquecida dentro dun libro durante anos.
Alí, lonxe da vista. Onde non vos moleste nunca máis a nosa feliz indecisión.
Ismael RAMOS (Mazaricos, 1994) in Lixeiro (2021)