Febreiro 2023
O MEU CORPO É UN MEMORIAL
O MEU corpo é un memorial
un campo de batalla
un pacto de bandeiras
un plebiscito universal.
O meu corpo é un territorio ocupado
onde libran conquistas poboadores estraños
un non-lugar.
O meu corpo é unha constante inmolación
e eu a limpar as bancadas
dos restos da traxedia
xenerosa cos meus demos e co meu tempo
ao que non temo nin lle escatimo esforzos
para protexer a fráxil criatura que me habita
dos leóns do coliseo.
O meu corpo é un memorial
unha guerra santa
un conflito armado
un desexo saqueado polo imperio
onde se alzan grandes laudatorios
de combates asimétricos.
O meu corpo é un reconto de violencias
unha banalización do mal
un salvoconduto falsario
co engano da libre elección.
O meu corpo é aquiescencia finxida
en pel de paquiderma
convertido en espectáculo viral.
O meu corpo
o meu corpo
o meu corpo
omeucorpo
CAMPELLO, Luz, Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, Galaxia, Vigo, 2022, pp. 13-14.