A Biblio cóidate!: lema para esta edición do Día das Bibliotecas
BibliocoidaTE
O lema deste ano para o Día das Bibliotecas “BibliocoidaTE”, destaca o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen.
Son moitas as vías coas que as bibliotecas atenden e coidan aos cidadáns. A promoción da lectura é a primeira delas: as bibliotecas son espazos para a lectura. Unha lectura que acompaña, que entretén e que enriquece. Unha lectura que cura: a lectura ten un impacto directo tanto no desenvolvemento e mantemento das capacidades cognitivas como no benestar e a saúde mental.
As bibliotecas son un apoio no coidado de todas as persoas, por iso fixeron súa a idea da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás. Para coidar ás persoas, desde as bibliotecas prográmanse actividades especiais de apoio á comunidade, creación colectiva, acción cultural, servizos a colectivos especiais, atención á diversidade ou acollida a refuxiados, entre moitas outras.
As bibliotecas tamén ofertan coidados en espazos como hospitais ou cadeas. As actividades de biblioterapia axudan a mellorar a saúde das persoas que participan nelas.
No medio rural, os bibliobuses achegan a cultura aos seus habitantes e as bibliotecas son un núcleo a partir do que as comunidades rurais se fortalecen e crean arraigamento, coidando por tanto esas poboacións.
Ademais, as bibliotecas coidan tanto o acceso á información como a súa veracidade, desempeñando un papel fronte aos bulos e a desinformación. Por iso son un apoio necesario para a formación, a aprendizaxe e a investigación. Tamén son unha axuda imprescindible para profesores, estudantes e investigadores, asistindo á comunidade educativa e contribuíndo ao fomento da investigación científica.
Por último, as bibliotecas coidan e protexen o noso patrimonio documental para que poidamos legalo ás xeracións futuras.
(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2022/presentacion.html)