Skip to Content

A peste mitolóxica de Exina

A PESTE DE EXINA NAS METAMORFOSES DE OVIDIO

O poeta latino Ovidio (43 a. C.-17 p. C.) nuns cen versos (520-613) do libro VII das súas Metamorfoses descríbenos a terrible peste (mitolóxica) que sufriu a illa de Exina.

Exina, ninfa filla do deus río Asopo, foi unha máis das moitas conquistas do donxoanesco Zeus quen a levou á illa de Enone  e doulle un fillo chamado Éaco. Este Éaco será o rei da illa que, en honor a súa nai e amante de Zeus, pasará a chamarse Exina.
Hera, a lexítima cónxuxe de Zeus, vai vingarse desta  enésima aventura extramarital do seu esposo, enviando unha terrible peste contra a illa de Exina, peste que vai ser relatada por Éaco.

Jean-Baptiste Greuze (1725 – 1805) Exina visitada por Xúpiter,  Metropolitan Museum of Art, New York


Seguindo a descrición que desta peste fai Ovidio, todo parece indicar que o poeta lera o relato que doutra peste, a de Atenas (esta real), compuxera o historiador grego Tucídides.

Resumamos, pois, algunhas das características do andazo mitolóxico que Ovidio pon en boca de Éaco.

A peste comeza provocando unha atmosfera asfixiante, as serpes coa súa pezoña contaminaron as fontes, afectou despois aos animais tanto domésticos como salvaxes, os seus cadáveres podrecían sen que aves de rapina ou famentos lobos os toquen e finalmente os miasmas atacan aos granxeiros e chegan á cidade (Ov., Metamorfoses, VII, 527-553)

… abrásanse primeiro as entrañas, e da chama oculta
é síntoma o  eritema e a respiración  ampeante; polo ardor,
áspera, incha a lingua;  reseca polo cálido alento,
móstrase a boca aberta e as  boqueadas capturan un aire pesado.
Non poden soportar leito nin roupa algunha,
senón que colocan os seus  espidos peitos sobre a terra,
e o corpo non se arrefría co chan, máis ben o chan quéntase co corpo.
E non hai quen atalle o mal, entre os propios médicos
o terrible azoute desátase , e a súa ciencia dana a quen a exercita.
Canto máis preto e con maior dedicación atende ao enfermo,
máis pronto chega a compartir a morte, e  de sandar
cando se desvaneceu a esperanza e ven na morte o fin da enfermidade,
abandónanse aos seus instintos e non se preocupan do que poida ser útil,
pois nada é útil… (ib. 554-567)

... vagando medio mortos polas rúas, mentres podían terse en pé,
podíaselles ver;  a outros chorar, tendidos na terra,
e extraviar os seus cansos ollos no supremo esforzo;
alongan os seus brazos cara ás estrelas do ceo que sobre eles penden,
e aquí e alá expiran, onde a morte os sorprende. (ib. 577-81)

... Os corpos sen vida non son conducidos como de costume
en cortexos fúnebres, pois as portas da cidade non admiten tantos cortexos:
xacen  insepultos por terra ou son arroxados sen  exequias
sobre xigantescas  piras. E xa non hai piedade,
pelexan polas  piras e arden en lumes alleos.
Non hai quen bote unha bágoa e non choradas vagan
as almas de fillos e pais, de mozos e vellos,
nin sitio para as tumbas ni árbores para o lume chegan. (ib. 606-613)
 
Éaco (ib. 614-660) que viu ao seu pobo decimado pola peste,  pide e consegue de Zeus a repoboación de Exina: as formigas converteranse nun formidable exército de hoplitas: os mirmidóns (xentilicio derivado do substantivo grego que significa “formiga”) que, máis tarde asediarán Troia e alí tamén sufrirán unha peste polo comportamento insolente de Agamenón co sacerdote de Apolo Crises, episodio do que xa falamos.

Non será por pestes... reais ou mitolóxicas!


FONTES:
http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lsante01/Ovidius/ovi_me07.html#07
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Jean-Baptiste_Greuze_-_Aegina_Visited_by_Jupiter,_1767-69.jpg



page | by Dr. Radut