Marzo 2020
- Libro do Mes |
- lectura |
- novela |
- suxestión
O efecto Frankenstein
de
Elia Barceló
O efecto Frankenstein abre un eixe de diálogo entre dúas épocas e fainos reflexionar sobre a desigualdade de xénero, tanto no ámbito profesional coma no social. Así mesmo, como na obra de Shelley, tamén reitera a obriga moral de cumprir coas responsabilidades e as consecuencias das nosas accións.
Unha intriga na que conflúen os xéneros de novela policial e gótica. Todo comeza cando o mozo Max esperta nunha casa en ruínas; o seu corpo está cruzado por enormes cicatrices que evidencian que foi atendido por un cirurxián, pero el non lembra nada. Nora estuda Medicina na cidade alemá de Ingolstadt e esa mesma noite de Entroido coñece a Max cando ambos salvan a unha nena de morrer afogada no Danubio. A atracción é inmediata. O problema é que pertencen a épocas distintas...
Nora camiñaba a longos pasos pola rúa paralela á beira do río tropezando coas malditas saias longas do disfrace de Entroido. Mellor lle fora disfrazarse con algo máis cómodo, pero Sarah emprestáralle aquel vestido de dama do século XVIII con bolsiño, perruca e todo, e deixárase convencer, aínda que ela sempre se disfrazara de vampira, de bruxa e de cousas semellantes.
Nin sequera sabía se facía ben indo a unha festa onde non coñecía practicamente ninguén, pero levaba xa uns meses en Ingolstadt e, entre as clase, os primeiros tests, afacerse a comprar, guisar e facelo todo soa, e as dificultades para relacionarse con xente doutra mentalidade, non conseguira aínda facer un círculo de amigos. Así que, cando Sarah a invitara a aquela festa e incluso lle emprestara o vestido, aceptara enseguida. A parvada era que non puidera chegar antes porque tivera que coidar de Marie durante dúas horas debido a que seus pais tiñan que ir a unha reunión da gardaría que elixiran para a pequena. Non puidera dicirlles que non, e agora trataba de atopar o lugar onde se celebraba a festa.
Parou un instante para recuperar os folgos e botarlle unha ollada ao GPS do seu móbil. Supostamente debía de estar moi cerca xa. Axustou a perruca sobre as orellas e, xa ía botar a andar outra vez, cando un berro desesperado a deixou seca, mirando a todas as partes para localizar a fonte do son.
- Socorroooo! -berraba unha voz de muller- Socorroooo! Que alguén me axude! A miña neta afoga! Socorroooo!
Levantando as saias case que ata a cintura, botou a correr cara a onde lle parecía que estaba a muller e un par de segundos máis tarde localizáraa, á beira do río, metido na auga ata os xeonllos, ofrecendo os brazos cara a un vulto que flotaba, afastándose dela.
Por sorte, naquela zona a corrente non era tan forte coma noutros lugares. Arrancou a perruca branca cos seus lazos e as súas bolboretas, sacou o vestido pola cabeza, sen molestarse en abrir a cremalleira, e guindouse á auga sen pensar no fría que podía estar.
Estaba conxelada.
O seu primeiro impulso foi...