Skip to Content

De amoribus (VI) ELISA E MARCELA

OS AMORES  PROHIBIDOS

  Ao longo da historia sempre xurdiron amores prohibidos, aqueles que estiveron por enriba de convencionalismos sociais, leis, tabús ou relixións. A historia de amor de Marcela e Elisa falanos deses amores.

  Marcela e Elisa coñecéronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal da Coruña cando estudaban maxisterio. Entre elas foise establecendo unha íntima amizade, que axiña se converteu en amor. Aínda que os país de Marcela fixeron o posible para afastar a súa filla de Elisa, os seus esforzoselisa marcela resultaron inútiles.

  En 1888 comezan a súa andaina como mestras en diversas escolas dos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría, procurando que os seus destinos estivesen o máis próximos posibles. Ante as sospeitas que puidera levantar a súa  convivencia comezaron a argallar unha historia que lles permitise vivir xuntas . Simulando unha disputa entre elas,  Elisa vai abandonar Dumbria anunciando que ten previsto embarcarse para a Habana. Namentras, Marcela fai saber aos veciños o seu propósito de casar cun curmán de Elisa que chegaría próximamente a Galicia, chamado Mario (o que explicaría o gran parecido que este tería con Elisa).

   Na Coruña, Elisa transfórmase en Mario: corta o pelo, viste roupas de home, fuma e cultiva un modesto bigote. Para legalizar a nova identidade, dirísexe á igrexa de san Xurxo  e confésalle  ao párroco que quería ser  bautizado,  alegando que o seu pai era protestante. Coa nova identidade xa legalizada, Mario(Elisa) arranxa os papeis para a voda,  que se celebra  o 8 de xuño de 1901. Volven , xa como marido e muller, para Dumbría onde se descubre o engano.

   Mario vese obrigado a fuxir e volve á Coruña,  sendo citado polo párroco de san Xurxo  na reitoral. Mario trata de defenderse alegando que é hermafrodita e que nese momento predomina nel o elemento masculino. Recoñecida por un médico a súa condición femenina o engano queda descuberto.

  Acurraladas polas autoridades teñen que abandonar Galicia,  refuxiándose en Porto onde viven unha tempada. Descubertas e detidas pola policía portuguesa as autoridades españolas piden que sexan entregadas  á  xustiza española, máis os portugueses  néganse sen unha petición formal de extradición. Foron encarceradas, xulgadas e absoltas, causando unha gran expetación o caso no país veciño (a prensa falaba do “matrimonio sen home”). As autoridades españolas presentan a solicitude de extradición, polo que tiveron que fuxir de novo, esta vez con destino a Buenos Aires.

  En Buenos Aires traballaron de criadas, como moitas outras compatriotas. Pero isto non lles permitía vivir xuntas sen levantar sospeitas; en 1904 Elisa decide casar cun dinamarqués  xa maior, posiblemente esperando que non durase moito e así adquirir os recursos económicos  que lle permitísen retormar  a convivencia con  Marcela. Descurberta a identidade da súa esposa, o marido denúnciaa. O xuiz, unha vez comprobado por tres médicos que Elisa é unha muller, decidiu sobreseer o caso. A partir de entón, cando as autoridades perden o interese por elas, pérdeselles a pista. Gustaríanos pensar  que ao final Marcela e Elisa puideron vivir o seu amor como sempre quixeron,  a pesar da estreita marxe que a sociedade do momento deixaba a estes amores prohibidos.

Fonte: Consello da Cultura Galega en “álbum de mulleres”. xenero@conselloda cultura.org
Autor:Narciso de Gabriel Fernández (2009).


Data: 
Sáb, 11/02/2023 - 23:00


page | by Dr. Radut