Skip to Content

24 O: Día das Bibliotecas

 "O día da luz"   Gonzalo Moure


moureVeño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne.

Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porquecartel fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións.

Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil.

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.

Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminoso. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".

Feliz día, feliz século.



page | by Dr. Radut