Marzo 2017
Chovida do ceo
de
Alfredo Conde
Novela negra protagonizada por Salorio, un comisario escéptico e cunha vida privada moi complicada, encargado da investigación da morte dunha moza cuxo cadáver espido apareceu na praza da Quintana.
Nunha cidade moi marcada pola súa historia e cunha forte influencia relixiosa, o noso inspector tamén terá que ocuparse da desaparición da xoia do patrimonio artístico catedralicio: o Codex Calixtinus.
Na novela ten un destacado protagonismo a Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, congregación pseudorelixiosa que enche páxinas de crónicas xudiciais nos medios de comunicación e que tamén na creación literaria aparece involucrada en escuros sucesos de corrupción acontecidos na catedral compostelá, se cadra ficción e realidade son simple coincidencia.
Porén, a Salorio non lle quedou máis remedio que admitir que, se non pediu o refrescante vaso de auga foi por temor a calquera substancia vertida no mesmo, un anestésico, un laxante de efecto demoledor e fulminante, calquera outra apócema que a atravesada muller dos seus soños puidese ter nas circunstancias polas que estaban pasando; calquera cousa que se lle ocorrese, algo ó que era moi dada e que resultaba evidente que soubera transmitirlles ós seus filliños queridos, o piloto afeccionado e a muller con can Cocker e serpe pitón amorosamente entrelazados no asento posterior do coche; xa que logo, abstívose. Cando viu no primeiro relanzo das escaleiras, murmurou:
-Ben! Moi ben, non te preocupes, xa me vou! Collo o cepillo dos dentes...
A frase do comisario foi interrompida por unha exclamación seguida dunha pregunta e mais dun envío envelenado.
-O cepillo dos dentes? Toma, a ver se che rompen e non o necesitas! -respondeulle Euloxia a berros.
A Andrés só lle deu tempo a apartar a cabeza de modo instintivo. Unha sombra fugaz, a dunha puída bóla de mármore que coroaba unha consola, situada xusto a carón da porta de entrada do domicilio que nese momento temeu que deixara de ser conxugal, pasou rozándolle a tempa esquerda.
O ruído que provocou a bóla, ó facer unha inmensa carambola a tres paredes e escachar un espello colocado polos veciños do piso inferior, nun alarde de xenerosidade, xusto no medio e medio do relanzo de entrada da súa casa, aconselloulle baixar a correr e abandonar o campo de batalla canto antes, sen atreverse a...