Skip to Content

Era nunha vez unha biblioteca, unha nena...

 cartel

Luciana SandroniZiraldo

Ilustrar e pregoar o Día do Libro Infantil e Xuvenil 2016 corresponde a Brasil. Un encargo  que realizaron a escritora   Luciana Sandroni e o debuxante   Ziraldo Alves. O resultado do seu traballo inicia e remata este artigo.

 

Era unha vez unha... Princesa? Non.
Era unha vez unha biblioteca. E era tamén unha vez Luisa, que foi á biblioteca por primeira vez. A nena camiñaba amodo, tirando dunha mochila de rodiñas enorme. Miraba para todo abraiada: andeis e máis andeis cheíños de libros... Mesas, cadeiras, coxíns de cores, debuxos e carteis nas paredes.
–Trouxen unha foto miña –díxolle timidamente á bibliotecaria.
–Moi ben, Luisa! Vou facerche entón a túa tarxeta da biblioteca. Mentres, podes ir escollendo un libro. Podes escoller un para levar para a casa, vale?
–Só un? –preguntou, decepcionada.
De súpeto, soou o teléfono e a bibliotecaria deixou á nena con esa tarefa tan complicada de escoller só un libro de entre aquel mar de libros dos andeis. Luisa camiñou tirando da súa mochila e buscou e buscou ata que atopou o seu favorito: Brancaneves. Era un exemplar de tapa dura cunhas ilustracións preciosas. Co libro na man, volveu tirar da mochila e, xusto cando ía saír, alguén lle tocou no ombro. A nena case cae de cu da sorpresa: era, nada máis e nada menos, que o Gato con Botas, co seu propio libro nas mans ou, máis ben, nas poutas!
–Como está vostede? –preguntou o gato cunha reverencia–. Luisa, non sabes xa todo o que hai que saber desas historias de princesas? Por que non levas o meu libro, O Gato con Botas, que é máis divertido?
Luisa, asombrada, cos ollos estartelados, non sabía que dicir.
–Que ocorre? Comeuche a lingua o gato? –burlouse o gato.
–Es de verdade o Gato con Botas?
–Son eu de verdade! O mesmiño! Veña, logo, lévame para a casa e coñecerás todo sobre a miña historia e a do Marqués de Carabás.
A nena estaba tan atónita que só puido asentir coa cabeza.
O Gato con Botas mergullouse maxicamente de volta no seu libro e, cando Luisa estaba a marchar, sentiu de novo que lle tocaban no ombro. Era ela: "branca coma a neve, meixelas de roseira e cabelos tan negros coma o carbón". Sabedes quen era?
–Brancaneves! –dixo Luisa, perplexa.
–Luisa, lévame tamén contigo. Este exemplar –dixo, amosándolle o seu libro– é unha adaptación auténtica da historia dos irmáns Grimm.
Cando a nena estaba a piques de cambiar o libro de novo, o Gato con Botas apareceu, moi irritado.
–Brancaneves, Luisa xa se decidiu. Volve onda os teus seis ananos.
–Son sete! E ela aínda non decidiu nada! –exclamou Brancaneves, arroibándose do enfado.
Os dous personaxes ollaron para a nena agardando unha resposta.
–Non sei cal levar. Quero levalos todos…
De súpeto ocorreu algo extraordinario e insospeitado: todos os personaxes comezaron a saír dos seus libros: Cincenta, Carapuchiña Vermella, a Bela Dormente e Rapunzel. Aquelo era todo un equipo de auténticas princesas.
–Luisa, lévame para a túa casa! –rogaron todas elas.
–Eu só preciso unha cama para durmir un chisco –dixo a Bela Dormente, bocexando.
–Só cen aniños, un chisco! –mofouse o Gato.
–Eu podería limparche a casa –falou Cincenta–, pero á noite teño unha festa no castelo do...
–Do Príncipe! –berraron todas.
–Na miña cesta levo torta e viño. Alguén quere? –ofreceu Carapuchiña Vermella.
De seguido, máis e máis personaxes foron aparecendo: o Parrulo Feo, a Vendedora de Mistos e, tamén, o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
–Luisa, podemos ir contigo? Somos pesonaxes de Andersen –pediu o Parrulo Feo que, en realidade, non era tan feo.
–Vai caloriño na túa casa? –preguntou a Vendedora de Mistos.
–Ouh, se hai unha cheminea, mellor quedamos por aquí... –engadiron o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
Xusto entón, para sorpresa de todos, apareceu fronte a eles un lobo enorme e peludo, cos dentes afiados. Era o Lobo Feroz!
–Lobo, vaia boca máis grande tes! –dixo Carapuchiña, por costume.
–Eu protexereivos! –falou o Soldadiño de Chumbo, con moito valor.
Foi entón cando o Lobo Feroz abriu a súa enorme boca e... Comeunos a todos? Non! Bocexou do cansado que estaba e dixo, con moita calma:
–Tranquilizádevos todos. Só quería darvos unha idea. Luisa podería levar o libro de Brancaneves e o resto poderiamos ir na súa mochila, é abondo grande para todos nós.
A todos os personaxes lles pareceu unha moi boa idea.
–Podemos ir, Luisa? –preguntou a Vendedora de Mistos, que tremía de frío.
–Claro! –dixo ela mentres abría a mochila.
Todos os personaxes puxéronse en fila e comezaron a entrar.
–Primeiro as princesas! –pediu Cincenta.
Ao final, foron aparecendo tamén personaxes do Brasil: Saci, Caipora, unha boneca de trapo que falaba moito, un neno toliño, unha nena cun bolso amarelo, outra coa foto da súa bisavoa pegada ao corpo, un rei pequeno e mandón. Todos e todas entraron. A mochila pesaba máis ca nunca. Os personaxes pesaban moito! Luisa colleu o libro de Brancaneves e a bibliotecaria anotouno na súa tarxeta da biblioteca.
Un anaco despois, a nena chegou á casa moi contenta. A súa nai chamou dende dentro:
–Chegaches, miña rula?
–Si! Chegamos!

 


page | by Dr. Radut