Skip to Content

Febreiro 2016

Marzo 2016

Andrea Nunes

 

TODAS AS MULLERES QUE FUN

Esta nostalxia de nome e apelidos
foise delineando en cada unha das paredes desta casa.

Camiñas cara á porta e non dis nada,
eu conteño a respiración e
dóeme a pel de tanto querer prolongarte...

pesa este amor viaxeiro que nos rexistra cada dous días a equipaxe.

Pesan os cadrís que esvaro do teu corpo,
os fillos que non temos preguntan por ti,
teño que nomear cada unha das túas vértebras,
cada un dos teus poros enraizados no mundo
para saber das túas viaxes cara ao meu acento choutador,
de como pronuncias unha–xeonllo–fazula
e colgado de ti un letreiro xigante escrito en inglés
que non entendo,
e eu veña a dicir que non importa,
que por unha vez máis abriremos a xanela,
e tentarei sorrir mentres dis “fazula”,
e eu sigo coas miñas meixelas vermellas...

Cómo explicarche que me doe a historia deste país,
explicarche como vai iso de non querer axeonllarme,
de non avergoñarse por dicir aínda–libres
e procuro apresurarme a borrar esas manchas negras de humidade,
para que non semelle que algo vai mal.

E sigo co meu acento cantareiro mentres ti entras pola porta,
e contas os desastres do mundo,
e como é de grande a selva amazónica.

Eu tento finxir que algo do que dis importa,
pero dóeme a pel de tanto querer prolongarte.


Nunes Brións, Andrea (1984)

 

Videopoema "Todas As Mulleres que fun" from as candongas do quirombo on Vimeo.

Manuel María, adaíl da lingua nai

Poemas de Manuel María para a celebración do Día da Lingua Materna:

 

Manuel María, poeta do amor

 


by Dr. Radut