A granxa dos animais de George Orwell |
Sátira contra as ditaduras, fábula moderna na que Orwell critica os totalitarismos e a corrupción que xera o poder. Os lectores poden reflexionar sobre as causas que levan a eses sistemas políticos a desenvolverse e, sobre todo, a seren aceptados. Os animais da Granxa Manor, dirixidos polo vello Comandante, amotínanse contra os seus amos e expúlsanos a couces. A rebelión trunfa e proclámase un novo sistema social polo que "todos os animais son iguais", pero o goberno acábase convertendo nunha tiranía. O autor desta novela participou como miliciano na Guerra Civil española loitando a favor da República.
|
|
Os homes muxiran as vacas de boa mañá e logo foran aos coellos sen se preocuparen de botarlles de comer aos animais. Ao volver, o señor Jones botouse a durmir de inmediato no sofá da sala co Noticias do Mundo aberto sobre a cara, e pola tarde os animais aínda non comeran. Chegou un punto en que non aguantaron máis: unha das vacas rompeu a porta do almacén dunha cornada e todos os animais empezaron a servirse eles mesmos das huchas. Nese preciso momento acordou o señor Jones, e de inmediato foron el e os seus catro homes armados con látegos ao almacén e comezaron a dar tralladas a destra e sinistra. Os animais famentos xa non puideron soportalo mais, e coma se fosen un só, aínda que non planearan nada de antemán, botáronse contra os seus atormentadores. Jones e os seus homes viron como de súpeto lles chovían testadas e couces por todos os lados. Non tiñan forma de controlar a situación: nunca antes viran os animais comportarse desa forma, e o súbito alzamento daquelas criaturas que estaban afeitos a brear e maltratar a pracer meteulles un medo atroz no corpo. Ao cabo duns intres deixaron de tentar defenderse e puxeron terra por medio, e ao pouco xa estaban os cinco correndo a fume de carozo pola rodeira que levaba á estrada, escorrentados polos animais triunfantes. A señora Jones mirou pola fiestra do dormitorio, viu o que pasaba, meteu ás présas unhas poucas pertenzas nunha bolsa e... |
|
Esta obra foi levada ao cine en 1955, dirixida por Joy Batchelor e John Halas, na primeira longametraxe inglesa de animación:
En 1999, John Stephenson dirixiu unha nova versión de “Animal Farm”