Xeografía e Historia
2º Bacharelato. Museo Arte Sacro de Monforte de Lemos
20.10.2023
O venres 20 de outubro o alumnado de 2º de BACH. de Relixión e Historia da Arte, acompañados das súas profesoras Fina Vázquez, Ángeles Vázquez e Ana Otero, fixeron unha visita ao Museo de Arte Sacro das Clarisas de Monforte de Lemos, o segundo máis importante de España.
Foi fundado no S.XVII polo VII Conde de Lemos e a súa muller Catalina de la Cerda, filla do duque de Lerma, tras regresar de Nápoles, onde Pedro Frenández de Castro foi Virrei
A visita foi do máis proveitosa, alí puidemos ver toda unha colección de relicarios, a maior parte do S.XVII (un dos cravos da cruz de Cristo, unha espiña da coroa, un fragmento de madeira da cruz...), así como obxectos litúrxicos (custodias, cálices, casullas, estolas, etc...), dous Ecce Homo, etc.
O que máis chamou a atención foron, entre outras cousas, unha réplica da cabeza de San Xoan Bautista e, sobre todo, a escultura do Cristo Xacente, feita en madeira policromada e obra do artista galego barroco Gregorio Fernández (Sarria).
Pica AQUÍ para ver a galería de fotos.
4º ESO e 1º Bacharelato. Visualización da película Oppenheimer nos Multicines Hollywood (Monforte de Lemos)
05.10.2023
O alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato acudiu o día 5 de outubro aos Multicines Hollywood de Monforte de Lemos xunto coas docentes Maite Carreira, Anuncia López, Pilar López, Nuria Mariño e Ana Otero para ver a película Oppenheimer (o pai da bomba atómica) Logo de varias explicacións na clase de Historia o alumnado puido asimilar os contidos a través da película.
Posteriormente, e aproveitando o día solleiro, alumnado e profesorado acompañante dirixíronse ao Parque dos Condes para realizar unha reflexión conxunta sobre o filme. De seguro aprenderon unha chea de cousas moi interesantes sobre ese momento da historia!
Charla dos alumnos/as de 3º ESO sobre as alvarizas
Os alumnos/as de 3º ESO que traballan no Plan Proxecta “Alvarizas, un ben singular na Ribeira Sacra” estiveron moi atarefados as dúas últimas semanas explicando aos seus compañeiros/as
de 1º, 2º, 4º ESO e aos profesores, o que aprenderon durante este curso sobre as alvarizas. Divididos en grupos, foron explicando clase por clase distintos aspectos do seu traballo: comezaron
explicando desde cando a Ribeira Sacra é BIC e por que retirou a súa candidatura en xuño de 2021 para ser nomeada Patrimonio da Humanidade. Continuaron explicando distintos aspectos
das alvarizas: que son e por que se construíron, desde cando están documentadas, como son as alvarizas en Galicia, comparando as que hai na Ribeira Sacra (sobre todo nos concellos de
Sober e de Nogueira de Ramuín) coas da Serra do Courel e da Costa da Morte; tamén analizaron as alvarizas que hai no resto de España e fóra de España, así como os distintos tipos de
colmeas que había en Galicia (covos, cortizos, trobos e lacenas). Remataron as súas charlas explicando a importancia que teñen as abellas para o desenvolvemento da vida na terra e os
problemas aos que se enfrontan (cambio climático, vespa velutina, varroa, pesticidas, etc.), e recordando a excursión que fixeron á sala de envasado Melsacra donde puideron degustar
distintos tipos de mel (de xenxibre, de castiñeiro, con noces, con améndoas e con sabor a café).
Cada unha das charlas rematou cun aplauso, por suposto moi merecido, por parte dos oíntes.
Agradecemos, un ano máis, aos alumnos/as de 3ºESO o seu esforzo e traballo grazas o cal foi posible realizar esta actividade. E tamén, por suposto, agradecemos aos alumnos/as de 1º, 2º, 4º
de ESO e aos profesores a atención prestada. Moitas grazas a tod@s!
Charla de Carmen Toba e Suso Verao - Plan Proyecta
Este martes 9 de maio viñeron ata o noso centro Carme Toba Trillo (natural de Muxía, A Costa da Morte, membro de Apatrigal, Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego) e Suso Verao (natural de Sober, ex director e ex profesor do IES Río Cabe). Ambos ofrecéronnos unhas charlas que resultaron do máis entretidas e interesantes para o alumnado de 3ª ESO e profesorado que puidemos asistir. Ditas charlas están dentro do Plan Proxecta “Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra” no que o alumnado de 3ºESO segue a traballar.
Comezou Suso Verao falándonos da ruta “Alvarizas e colados desde a Adega Cividade”, en Barantes (Sober), que abriron e manteñen entre el e seu irmán Xosé Ramón. Nela podemos ver as transformacións dos antigos agros en piñeirais, un castro, colados, petróglifos e varias alvarizas.
Carme Toba Trillo comezou explicándonos a importancia que teñen as abellas, como na prehistoria xa se recolectaba mel directamente da natureza e como os romanos foron quenes introduciron na Península o traballo coas colmeas. Falounos das distintas casas que poden ter as abellas (covos, cortizos, trobos, lacenas) e dos materiais dos que están feitas (barro, cortiza, madeira, pedra, vimbio, pizarra…) o que demostra como o home sempre se adaptou aos recursos que lle brindaba o medio natural. Tamén nos explicou os diferentes tipos de alvarizas: as lineais da Costa da Morte (que tamén se dan en Irlanda, Inglaterra ou na Bretaña francesa), as redondas da Ribeira Sacra, O Courel e Os Ancares; as de tipo torre (talameiros) en Asturias, ou as colgantes de China. Sorprendeulle moito ao alumnado, entre outras moitas cousas, a existencia das lacenas da Costa da Morte e do norte de Pontevedra e o feito de que se lles selara a entrada con bostade vaca; tamén a forma dos talameiros en Asturias ou as alvarizas colgantes en China, así como as numerosas propiedades do mel para curar diversas doenzas.
Moitas grazas Carme Toba Trillo e Suso Verao por ter vido ata o noso centro. As vosas explicacións axudáronnos a entender un pouquiño máis o valor que ten o noso patrimonio e a necesidade de, entre todos, conservalo e protexelo.
Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra
Este xoves 30 de marzo os alumnos/as de 3º ESO realizaron unha nova actividade relacionada co Plan Proxecta no que están a traballar este curso, Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra. Desta vez, a actividade consistiu nunha excursión ao concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para visitar a alvariza de O Vello, o mirador Pé do Home, a sala de envasado de Melsacra, situada en Luintra, e sentarnos no Mellor Banco da Ribeira Sacra.
O traxecto ata alí foi longo pero compensouno con creces a paisaxe tan fermosa que puidemos observar nesa parte da Ribeira Sacra. Tras unha pequena ruta de sendeirismo chegamos ao mirador Pé do Home e, un pouquiño máis abaixo, máis preto do río Sil, á alvariza de O Vello. Asombrounos o seu grande tamaño. Alí Alfonso, o noso guía, explicounos un pouquiño da súa historia e, tamén, que é un cortizo (había un dentro da alvariza). Regresamos ao autobús e desprazámonos ata Luintra para visitar a sala de envasado Melsacra, donde Alfonso nos explicou que son as celdillas, as láminas, como saca o mel, tipos de mel… Rematamos a xornada cunha degustación dalgúns dos distintos tipos de mel que elabora Melsacra: mel de castaño, de améndoas, de noces, de xenxibre, e con sabor a café. Dámos fe de que todas estaban moi ricas!
Agradecemos, de novo, a Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense, ternos acompañado na ruta de sendeirismo ata a alvariza do Vello e o mirador Pé do Home, e ensinado a sala de envasado de Melsacra. Unha xornada do máis interesante!
Podes ver máis fotos na Galería
Plan Proxecta: Alvarizas e abellas
Este luns 13 de febreiro tivo lugar a primeira das charlas relacionada co Plan Proxecta no que o alumnado de 3ºESO está a traballar, que neste curso trata sobre as alvarizas que temos na Ribeira Sacra. O relator foi Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense, gran coñecedor do mundo das abellas. A charla comezou cunha introdución sobre a historia das alvarizas en Galicia para centrarse despois na apicultura. Aspectos como que é unha alvariza, para que se construían, material, formas, etc. quedáronos claros. Tamén aprendemos como é o ciclo de vida das abellas, como se organizan nunha colmea, como distinguir un zángano dunha obreira e dunha raíña, que produtos nos proporcionan as abellas, cal é o seu papel na polinización, como lles afecta o cambio climático ou a presenza de velutinas, etc.
Foi unha charla do máis interesante e amena que conseguiu manter ao alumnado súper-atento en todo momento… e tomando apuntes!. Está claro que se nos fixo curta!
Agradecemos a Alfonso Iglesias a súa presenza no noso centro. Esperamos velo de novo nunhas semanas cando fagamos a excursión á alvariza de O Vello, no concello de Nogueira de Ramuín. Moitas grazas!
Paseo polo Monforte Medieval
O pasado xoves, 9 de febreiro, os dous grupos de 2° da ESO do noso centro saíron a percorrer as rúas do Monforte medieval, acompañados polos seus profesores Juan, Iria e Laura, da man dunha guía turística que lles ensinou os recunchos máis peculiares e as historias máis curiosas do medievo monfortino. Tamén lles chegou o tempo para subir ata o máis alto da Torre da Homenaxe e aproveitar o bo tempo para desfrutar dun punto de vista diferente da nosa cidade.
Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós
Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.
Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.
A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.
Xornada sobre Dereitos Humanos
O alumnos de 1º de Bac asistiron a unha xornada sobre a nova lei 8/2021 sobre persoas con discapacidade , vixente dende setembro de 2021,para acercar os alumnos-as á extensión de dereitos humanos. Os altofalantes foron as personalidades xudiciais de Monforte de Lemos: o notario, o fiscal, a xuíza do xulgado de Monforte, e a avogada e profesora da UNED , Mª José González.
A nova lei é unha autentica revolución, que rompe coa tradición que arranca do s. XVIII, onde “os capaces” tutelaban e limitan a liberdade e a dignidade das persoas afectadas, ás veces ocultando intereses espureos . A nova lei adecúa as leis españolas á Convención Internacional sobre dereitos das persoas con discapacidade de Nova Iorque de 2006. A nova lei fundaméntase no respecto á dignidade, á liberdade e á vontade da persoa , ela toma as decisións e nunca perde os seus dereitos, desaparecendo o término e proceso xurídico de “incapacidade legal”.
Desaparecen a tutela e a patria potestade sobre os maiores de idade,e a prodigalidade ( que familiares ou titores, en defensa de seus interese persoais, denuncien que o pródigo malgasta o seu caudal con lixeireza, impedíndolle gastar o seu patrimonio en liberdade e impoñéndolle curatela xudicial ou que o mesmo veto).
As novas figuras xurídicas son a curatela ( asistencial, ou excepcional de representación) para ámbitos determinados, (médicos, asuntos bancarios, asistenciais...) , o defensor xudicial ( en caso de conflito entre a persoa e quen lle axuda), o gardador de feito,a prioridade das medidas voluntarias que a persoa pode solicitar con anticipación (ex: ó principio da súa enfermidade de alzheimer) , a revisión periódicas por xuíces das medidas de apoio no prazo máximo de 3 anos.
Tamén se informou que o cidadán se poderá dirixir a fiscalía para solicitar os apoios necesarios para desfrute dos seus dereitos en apoio as súa discapacidade.
Así mesmo os xuíces españois terán un prazo máximo de 3 anos para revisar todos as sentencias de incapacidade xurídica anteriores a setembro de 2021.
De Portomarín á Ferreiroá - Visita a pobos asolagados
Este mércores 13 de outubro o alumnado do Ciclo de Turismo e da ESA fixo unha interesante visita aos pobos asolagados polo encoro de Belesar. Unha aproximación a un drama vivido no mes de xaneiro de 1963 polas xentes que vivían nas beiras do río Miño, entre Portomarín, a poboación máis importante das asolagadas, e o muro da presa en terras de Chantada.
Fixemos un percorrido a pé dende o antigo Portomarín ata A Ferreiroá, unha aldea situada a 2 quilómetros río abaixo e que se conserva en moi bó estado. ademais tamén foi escenario de películas e curtos coma Krebinsky. Desfrutamos da paisaxe e da natureza, achegándonos á súa historia, á vida das súas xentes e ao trauma dun desaloxo á forza, contra o que non cabía oposición nin resistencia.
Despois de volver a pé ao punto de partida, coñecemos o novo Portomarín ao que se trasladaron algúns dos elementos máis salientables da vila asolagada. Chama especialmente a atención a igrexa de San Nicolás, magnífico exemplo de templo-fortaleza románico.