Charla dos alumnos/as de 3º ESO sobre as alvarizas
Os alumnos/as de 3º ESO que traballan no Plan Proxecta “Alvarizas, un ben singular na Ribeira Sacra” estiveron moi atarefados as dúas últimas semanas explicando aos seus compañeiros/as
de 1º, 2º, 4º ESO e aos profesores, o que aprenderon durante este curso sobre as alvarizas. Divididos en grupos, foron explicando clase por clase distintos aspectos do seu traballo: comezaron
explicando desde cando a Ribeira Sacra é BIC e por que retirou a súa candidatura en xuño de 2021 para ser nomeada Patrimonio da Humanidade. Continuaron explicando distintos aspectos
das alvarizas: que son e por que se construíron, desde cando están documentadas, como son as alvarizas en Galicia, comparando as que hai na Ribeira Sacra (sobre todo nos concellos de
Sober e de Nogueira de Ramuín) coas da Serra do Courel e da Costa da Morte; tamén analizaron as alvarizas que hai no resto de España e fóra de España, así como os distintos tipos de
colmeas que había en Galicia (covos, cortizos, trobos e lacenas). Remataron as súas charlas explicando a importancia que teñen as abellas para o desenvolvemento da vida na terra e os
problemas aos que se enfrontan (cambio climático, vespa velutina, varroa, pesticidas, etc.), e recordando a excursión que fixeron á sala de envasado Melsacra donde puideron degustar
distintos tipos de mel (de xenxibre, de castiñeiro, con noces, con améndoas e con sabor a café).
Cada unha das charlas rematou cun aplauso, por suposto moi merecido, por parte dos oíntes.
Agradecemos, un ano máis, aos alumnos/as de 3ºESO o seu esforzo e traballo grazas o cal foi posible realizar esta actividade. E tamén, por suposto, agradecemos aos alumnos/as de 1º, 2º, 4º
de ESO e aos profesores a atención prestada. Moitas grazas a tod@s!