Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra
Este xoves 30 de marzo os alumnos/as de 3º ESO realizaron unha nova actividade relacionada co Plan Proxecta no que están a traballar este curso, Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra. Desta vez, a actividade consistiu nunha excursión ao concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para visitar a alvariza de O Vello, o mirador Pé do Home, a sala de envasado de Melsacra, situada en Luintra, e sentarnos no Mellor Banco da Ribeira Sacra.
O traxecto ata alí foi longo pero compensouno con creces a paisaxe tan fermosa que puidemos observar nesa parte da Ribeira Sacra. Tras unha pequena ruta de sendeirismo chegamos ao mirador Pé do Home e, un pouquiño máis abaixo, máis preto do río Sil, á alvariza de O Vello. Asombrounos o seu grande tamaño. Alí Alfonso, o noso guía, explicounos un pouquiño da súa historia e, tamén, que é un cortizo (había un dentro da alvariza). Regresamos ao autobús e desprazámonos ata Luintra para visitar a sala de envasado Melsacra, donde Alfonso nos explicou que son as celdillas, as láminas, como saca o mel, tipos de mel… Rematamos a xornada cunha degustación dalgúns dos distintos tipos de mel que elabora Melsacra: mel de castaño, de améndoas, de noces, de xenxibre, e con sabor a café. Dámos fe de que todas estaban moi ricas!
Agradecemos, de novo, a Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense, ternos acompañado na ruta de sendeirismo ata a alvariza do Vello e o mirador Pé do Home, e ensinado a sala de envasado de Melsacra. Unha xornada do máis interesante!
Podes ver máis fotos na Galería