Normalización Lingüística

Chegou o día...

Por fin chegou o día da "Quedada manga", que o alumnado coordinador do Club de Manga do Ricardo Mella, con Nagore Ferreira á cabeza, levan meses organizando. A canda o alumnado do noso centro acollemos alumnado do IES Álvaro Cunqueiro e do IES de Valadares. En total máis dun cento de mozos e mozas que pasaron toda a mañá entre obradoiros de Hiragana e Katana, torneos de OSU, pictionary de anime, kahoots, talleres de debuxo, torneos... e moitas actividades máis. Parabéns ao Club de Manga do Mella pola magnífica organización. E longa vida ás actividades autoorganizadas polo alumnado.

 

Visita á EMAO

Esta semana visitamos a EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Foi unha excusión con alumnado de 2ºESO, organizada polo Departamento de Fol e o Equipo de Dinamización. Alí ofrecéronnos unha charla sobre a historia da Escola: que comezou en 1886 como escola para obreiros e mulleres, da que saíron medio cento das mellores empresas de Vigo (como Vulcano), e que soubo manterse logo como escola de artes e oficios, entre os que destacan o traballo do coiro, a fabricación de instrumentos tradicionais, ou as artes gráficas, que foron os tres os obradoiros que visitamos. Mais hai moitos máis. Animámovoso a visitar a súa páxina web e o seu blog para máis info. A nós encantounos a visita didáctica. E a eles tamén, xa que era a primeira que facían logo da pandemia. Velaquí unha imaxe do obradoiro de construción de zanfona, un dos instrumentos máis antigos da música tradicional galega.

 

Quedada manga

Clubs de lectura: marzo - abril

8M en igualdade

NIN ESCRAVAS NIN HEROÍNAS, MULLERES CON DEREITOS XA!

(Extracto do Manifesto orixinal de Galegas 8M. Actividade en colaboración co Equipo de Igualdade do IES Ricardo Mella)

Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!

Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas… Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de violencias! Que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.

Porque non queremos discutir se a fenda salarial entre homes e mulleres é do 19, do 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións, nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo precario; e as maiores ao abandono, sen recursos e comunidades que as sustenten.

Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores.

Porque somos diversas e o patriarcado instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete á maior explotación e a cidadanías de segunda clase.

Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén un ecosistema que o poder condena ao  abandono. Temos que nos relacionar co medio de forma diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. As mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización e os intentos de exclusión. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.

Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, e nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.

Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións:

  • Esiximos que as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos e veladas na súa eficacia e cumprimento.

 

  • Demandamos unha educación pública de calidade e non sexista.

 

  • Esiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.

 

  • Demandamos que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.

 

  • Que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.

 

  • Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.

 

Galegas 8M 2022

Distribuir contido