CHARLA: SALVEMOS AS FRAGAS DE CATASÓS

Tagged:
03/05/2017 22:41
Atlantic/Bermuda

CHARLAS IMPARTIDAS POR REPRESENTANTES DA PLATAFORMA SALVEMOS AS FRAGAS DE CATASÓS (LALÍN) SOBRE A LOITA ECOLOXISTA LOCAL

Salvemos_as_fragas_de_Catasós.jpg

SALVEMOS AS FRAGAS DE CATASÓS é unha plataforma veciñal que nace en Lalín hai uns 3 anos para defender unha fraga centenaria de gran valor ecolóxico da súa destrución indiscriminada. As Fragas de Catasós son un dos tesouros naturais que aínda conservan a esencia da nosa terra. A riqueza centenaria da súa paisaxe viuse ameazada pola construción dunha línea de alta tensión que acabaría con dúas mil árbores autóctonas, entre elas algunhas centenarias.


Ante tal despropósito, as veciñas e veciños de Lalín decidiron mobilizarse e organizar unha plataforma cidadá para deter este ataque á nosa natureza autóctona. Tras anos manifestándose, recollendo firmas, negociando con partidos políticos e sobre todo, concienciando á cidadanía, por fin, hai uns meses, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulles a razón garantizando a protección das fragas fronte aos intereses empresariais. Desgraciadamente, o conto aínda non remata con final feliz, posto que Gas Natural Fenosa recurríu a sentenza do tribunal, mais agardamos que no futuro as árbores e seres da fraga de Catasós poidan respirar tranquilos e continuar coas súas vidas.


A finalidade desta actividade, organizada polo Departamento de Ciencias Naturais, foi facerlle chegar ao alumnado un exemplo de loita ecoloxista local. Acostumados a escoitar que "Non se pode facer nada para cambiar as cousas...", este coloquio supuxo unha clara mostra de que canto a sociedade se organiza  para protexer o medio ambiente é imparable! Unha proba de que a resignación e o derrotismo actuais non nos levan a ningures e cómpre ter un espírito activo na defensa do patrimonio natural.
Por outra banda, tamén foi intersentante que o alumnado percibise a labor altruísta e voluntaria destas plataformas, e que é posible mobilizar ás persoas sen que o fin último sexa o beneficio económico.


A charla foi dirixida ao alumnado de 1º ESO, 3º ESO e 4º ESO.

 

Dende o Departamento de Ciencias Naturais queremos dar as grazas a Antón e Jacobo, membros da Plataforma, por implicarse e mostrarnos esta realidade  e a todo o alumnado e profesorado que asistiu con grande interese. Grazas!