DOUS DÍAS NO COUREL
CRÓNICA DE VIAXE
O 18 de maio, a primeira hora da mañá, cargamos no autobús os nosos vultos e vituallas e iniciamos unha viaxe que nos ofreceu experiencias moi variadas e enriquecedoras.
O proxecto conxunto dos Departamentos de Ciencias Naturais, Educación Física e Lingua e Literatura Galega conxugou actividades físicas e deportivas, de observación da espectacular flora, fauna e xeoloxía da Serra do Courel con outras de carácter cultural e literario, como a continuación mostraremos. Porén, o reto máis importante ao que nos enfrontabamos era a convivencia e cohesión do grupo que había de poñer a proba a capacidade de cada un para soportar situacións de esforzo, incomodidade, cansazo e indisposicións puntuais que non puxesen en perigo os obxectivos da expedición.
O primeiro desafío foi elixir entre bocadillo de salchichón ou de chourizo e decidir se este debía ser acompañado por unha mazá ou unha laranxa. Polo que respecta á bebida non houbo maior problema: a auga era o preceptivo.
A primeira cita era na casa natal do poeta Uxío Novoneyra en Parada do Courel, onde nos agardaba o seu fillo e un compañeiro da Fundación Novoneyra. Mostráronnos a casa, un magnífico exemplo de arquitectura popular cargada de historia e recordos persoais do escritor. O momento máis emocionante chegou cando os anfitrións dispuxeron a todo o grupo sentado no gran distribuidor que ocupa o centro da casa para recitarmos poemas. Coa Letanía de Galicia, as voces de todos, convertidas en coro fixeron vibrar as grosas paredes de pedra da casa.
Despois dun paseo reparador polo souto centenario da aldea, onde demos conta do chourizo, o salchichón, as mazás e as laranxas, dirixímonos a Visuña para facer escalada e espeleoloxía. E alí producíronse varios milagres, porque o que, a priori parecía imposible, naquel ambiente animado e xovial fíxose realidade: Así escalamos escarpados penedos e coámonos por estreitas fendas para chegarmos aos rutilantes segredos que agachan as covas do Courel.
A cea non foi memorable, pero alimentou e deunos forza para unha noite longa, chea de risiñas apagadas e lanternas fugaces que furaban na escuridade. Finalmente durmimos, ou algo semellante.
En todo caso a mañá chegou cincenta e xa estamos preparados para a segunda e derradeira xornada: ruta da Devesa da Rogueira, cunha parada especial na Fonte das Cervas para probar dos dous canos de auga: a rubia, ferruxinosa, e a branca, caliza, acompañando cada grolo con follas de allos de oso; baixada á lagoa de Lucenza remate na aldea da Seara. Foi unha camiñada tranquila, con moitas paradas e explicacións por parte do guía, que nos foi mostrando todas as marabillas da flora xunto con algunhas evidencias da fauna salvaxe da Serra. Por certo, algún xamais esqueceremos o cheiro dos excrementos do lobo.
Cada un coa súa experiencia do que viu, sentiu e compartiu… pero todos cunha certeza: ao Courel hai que volver sempre!!!
O DEPARTAMENTO DE EDUCACIÓN FÍSICA CONVIDANOS A FACER DEPORTE:
IV CARREIRA POPUÑAR CONCELLO DE SAN SADURNIÑO
O pasado domingo día 28, organizado polo departamento de Educación Física, 138 alumnos do noso centro participaron na carreira popular de San Sadurniño disputada sobre unha distancia de 5 km.
Para preparar dita proba, os alumnos estiveron adestrando durante o último mes correndo nas clases de EF o que supuña un reto para moitos deles.
En canto os resultados obtiveron premios varios dos nosos representantes destacando a Valentina Aroaz de 3º A que obtivo o terceiro posto na xeral de mulleres e o primeiro na categoría de Escolares “C”. Na categoría Escolares “B” feminina Laura García entrou de terceira. Entre os rapaces, Aldo Rey de 4º curso, obtivo a oitava praza na xeral masculina e a primeira na súa categoría, Mateo López e David Purriños que acadaron respectivamente o primeiro e terceiro posto en Escolares “B”.
Hai que destacar o ambiente vivido xa que durante a xornada non só había a carreira de 5km na que participaron os nosos alumnos, se non que disputáronse outras mais para rapaces dende os 4 anos sobre distancias máis curtas.
Foi moi chamativa a presencia dos nosos alumnos sendo mais da metade dos participantes nas súas categorías.
Nos seguintes enlaces tedes fotos da proba
http://lobeiras.es/wordpress/?p=167080http://
https://www.flickr.com/photos/jmdobarro/albums/72157682409072560
MASTERCLAS DE CAFÉS VERACRUZ
O asesor barista de cafés “Veracruz” , Fernando Rojas executou unha clase maxistral na amosou ao alumnado de CM de Servizos en Restauración diversas técnicas de” latte art”, distintas elaboracións de café empregando varios modelos de cafeteira, asi como unha degustación de cafés de distintos orixes.
Fernando Rojas ademais de asesor barista, é exalumno do centro e colaborador habitual , amosando sempre unha gran profesionalide e cercanía cos nosos alumnos.