Xov | ||
---|---|---|
Start: 18/05/2017 22:45
DOUS DÍAS NO COUREL
CRÓNICA DE VIAXE
O 18 de maio, a primeira hora da mañá, cargamos no autobús os nosos vultos e vituallas e iniciamos unha viaxe que nos ofreceu experiencias moi variadas e enriquecedoras. O proxecto conxunto dos Departamentos de Ciencias Naturais, Educación Física e Lingua e Literatura Galega conxugou actividades físicas e deportivas, de observación da espectacular flora, fauna e xeoloxía da Serra do Courel con outras de carácter cultural e literario, como a continuación mostraremos. Porén, o reto máis importante ao que nos enfrontabamos era a convivencia e cohesión do grupo que había de poñer a proba a capacidade de cada un para soportar situacións de esforzo, incomodidade, cansazo e indisposicións puntuais que non puxesen en perigo os obxectivos da expedición.
O primeiro desafío foi elixir entre bocadillo de salchichón ou de chourizo e decidir se este debía ser acompañado por unha mazá ou unha laranxa. Polo que respecta á bebida non houbo maior problema: a auga era o preceptivo.
A primeira cita era na casa natal do poeta Uxío Novoneyra en Parada do Courel, onde nos agardaba o seu fillo e un compañeiro da Fundación Novoneyra. Mostráronnos a casa, un magnífico exemplo de arquitectura popular cargada de historia e recordos persoais do escritor. O momento máis emocionante chegou cando os anfitrións dispuxeron a todo o grupo sentado no gran distribuidor que ocupa o centro da casa para recitarmos poemas. Coa Letanía de Galicia, as voces de todos, convertidas en coro fixeron vibrar as grosas paredes de pedra da casa.
Despois dun paseo reparador polo souto centenario da aldea, onde demos conta do chourizo, o salchichón, as mazás e as laranxas, dirixímonos a Visuña para facer escalada e espeleoloxía. E alí producíronse varios milagres, porque o que, a priori parecía imposible, naquel ambiente animado e xovial fíxose realidade: Así escalamos escarpados penedos e coámonos por estreitas fendas para chegarmos aos rutilantes segredos que agachan as covas do Courel.
A cea non foi memorable, pero alimentou e deunos forza para unha noite longa, chea de risiñas apagadas e lanternas fugaces que furaban na escuridade. Finalmente durmimos, ou algo semellante.
En todo caso a mañá chegou cincenta e xa estamos preparados para a segunda e derradeira xornada: ruta da Devesa da Rogueira, cunha parada especial na Fonte das Cervas para probar dos dous canos de auga: a rubia, ferruxinosa, e a branca, caliza, acompañando cada grolo con follas de allos de oso; baixada á lagoa de Lucenza remate na aldea da Seara. Foi unha camiñada tranquila, con moitas paradas e explicacións por parte do guía, que nos foi mostrando todas as marabillas da flora xunto con algunhas evidencias da fauna salvaxe da Serra. Por certo, algún xamais esqueceremos o cheiro dos excrementos do lobo.
Cada un coa súa experiencia do que viu, sentiu e compartiu… pero todos cunha certeza: ao Courel hai que volver sempre!!!
|