Skip to Content

Blogue de Secretaría

Alumnado e profesorado do instituto participa no concurso Ribadeo de Tapeo

Profesorado e alumnado do IES de Foz participaron este ano na XVIII edición do concurso Ribadeo de Tapeo. Algúns dos profesores do IES de Foz colaboraron como xurado.

Ademais, alumnado en prácticas que se atopa no Parador de Ribadeo tivo a ocasión de elaborar as dúas tapas gañadoras en dúas das categorías do concurso: sardiña mariñada en ceviche de froitas. A tapa doce na que colaboraron na súa elaboración foi xeado de queixo artesán de Queixo do Cebreiro.

     

Bo papel da alumna Ileana Bernardi nun concurso internacional

A alumna do IES de Foz Ileana Bernardi acadou o segundo posto no I Concurso Gastronómico celebrado en Turquía. Na competición participaron dezasete escolas de diferentes países de Europa. 

Ao acudir ao concurso, a alumna do ciclo de Servizos viviu unha boa experiencia internacional que sen dúbida lle servirá para mellorar as súas competencias.

Esta actividade está encadrada dentro do programa Erasmus+ que ofrece a posibilidade de asistir a concursos ao alumnado de ciclos formativos.

     

Un proxecto do instituto recibe un premio no 10º Congreso de Formación Profesional de Sevilla

A directora do IES de Foz, Leticia Maseda, participou no 10° Congreso de Formación Profesional en Sevilla e recibiu un recoñecemento polo proxecto do instituto que se chama 'Del Cafeto a la taza' concedido por CaixaBank-Dualiza.

Este proxecto, que consiste no cultivo de plantas de café en Galicia, realízase en colaboración co IES Bañaderos de Canarias e o CEE Manuel López Navalón de Santiago de Compostela.

     

O instituto, premiado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia

O IES de Foz recibiu unha mención especial na VII edición do concurso 'Cantamos con las manos' da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Alumnado e profesorado do instituto participaron na elaboración dun vídeo ao son da canción 'Morriña', do grupo Baiuca.

O premio do xurado foi para o CRA de Culleredo, na Coruña, e o premio do público para o CEIP de Ardán, en Marín. As outras mencións recibíronas o CEIP Novo Mesoiro da Coruña, e o IES Xesús Taboada Chivite, de Verín.

     

Huelmo Lugo imparte formación no ciclo de Servizos

O maiorista de suministros para pastelerías, panaderías e hostelería, Huelmo Lugo, estivo impartindo formación para profesionais e alumnado de Formación Profesional no noso centro.

Durante dous días, os asistentes ás clases de membros da empresa lucense puideron elaborar receitas como as da tarta de mazá con crema, 'lemon pie', banda de froitas, crostata de chocolate, babas con crema e amarenas, crema con biscoito e xema, tarta ao whisky, filloas de crema e rol de filloas con xema.

     

Advirten ao alumnado sobre os perigos das apostas deportivas

O alumnado de 4º de ESO acudiu a unha nova charla do Plan Director da Garda Civil. Neste caso, tratou sobre ciberseguridade, apostas deportivas e algún que outro tema de actualidade relacionado co mundo web.

A conferencia forma parte dunha serie de charlas nas que se advirte sobre os perigos de Internet, unha ferramenta moi beneficiosa se se lle dá un bo uso e moi prexudicial en caso de que se careza de información sobre a súa utilización.

        

O alumnado de 3º de ESO, de intercambio en Francia

O alumnado de 3º da ESO do IES de Foz participou nun intercambio de estudantes en Villemandeur, unha vila en Francia. Os estudantes franceses foron os primeiros en viaxar a Foz e despois, dende o noso instituto, devolvémoslles a visita.

As alumnas e alumnos que acudiron do centro focense compartiron experiencias co alumnado do Collège Lucie Aubrac aproveitando o tempo para coñecer cidades como París ou Orléans.

     

O alumnado de Servizos dá a coñecer a empresa Sanus

O alumnado de Servizos de Hostalería do IES de Foz deu a coñecer no certame FP Innova a miniempresa creada no centro e que se chama Sanus. Os asistentes ao evento poderán degustar algunha das cinco variedades de batidos que se ofrecen: Antiinflamatorio, Antioxidante, Minuscol, Detox e Supervit.

A miniempresa xorde dentro do programa Lanzadeiras patrocinado pola Fundación Alcoa. Os alumnos e alumnas do instituto encárganse de servir as diferentes variedades de batidos para todos os que desexen degustalas.

              

Acreditación das competencias dixitais do alumnado

No seguinte enlace poden consultar a información relativa á acreditación das competencias dixitais do alumnado:

https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20240227_prox_resolucion_acredita_cda_gal_sin_dx.pdf

 

Prazo de inscrición nos centros: ata o 11 de marzo

O vestíbulo do IES de Foz acolle unha mostra sobre educadoras importantes na Historia

O vestíbulo do IES de Foz acolle unha exposición sobre a vida e os logros máis relevantes de diferentes educadoras ao longo da Historia. Os encargados de realizar o traballo foron alumnas e alumnos de 1º curso do Grao en Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela que estudan na facultade de Lugo.

Ademais, os estudantes de 2º de ESO recibiron unha explicación sobre o traballo de catro das alumnas que están agora estudando en Lugo. Ademais de comentarlles como fora o traballo tamén realizaron un xogo no que tiñan que atopar información sobre as educadoras nos paneis da exposición.

            

Distribuir contido


by Dr. Radut