Entrada principal

Entrada principal Fachada principal
Entrada principal ao noso centro                                            fachada principal
ubicación en Ourense
 
O noso centro está situado en Ourense, na Rúa Ponte Sevilla, moi preto do pabellón de deportes Paco Paz e de Expourense.

Ourense é unha cidade de Galicia, comunidade autónoma española situada ó noroeste da Península Ibérica, fronteiriza con Portugal. A cidade ten 110.796 habitantes, unha extensión de 84,5 km2 e unha riqueza histórica singular, proporcionada por unhas orixes romanas e medievais. Terceira cidade galega en importancia, é capital administrativa da provincia e unha das cidades de maior crecemento do Estado español no século XX.

A súa ponte maior, "a ponte vella", asentada sobre restos dunha anterior romana, consérvase hoxe na súa estructura medieval. O seu arco central foi un dos máis amplos de España ata que se comezaron a empregar reforzos métalicos na enxeñería. A catedral, de estilo dacabalo entre o románico final e o gótico inicial, posúe un pórtico, o do Paraíso (s. XIII), que é unha versión do compostelano da Gloria. A mestura de estilos nela presente permite a convivencia de elementos románicos e renacentistas cunha excepcional capela barroca, a da célebre imaxe do Santo Cristo.

A existencia de diversos mananciais de augas termais deu orixe ó núcleo poboacional da cidade. As Burgas son as fontes máis tradicionais, situadas en pleno casco histórico: as súas augas, de recoñecidas calidades terapéuticas, afloran a unha temperatura de máis de 70 graos centígrados. Ditas calidades deron pé á existencia, na cidade e nos seus arredores, de diversos balnearios, hoxe en proceso de recuperación como sucede cos do resto da provincia.

Dita recuperación afecta a toda a cidade: nos últimos anos, a rehabilitación do casco histórico —mediante a restauración de fachadas, a promoción de novas vivendas en edificios antigos, a peonalización da zona,...—, así como a dotación de novas infraestructuras están conseguindo que a cidade volva novamente a vista ás súas raíces e as súas ricas tradicións. O proxecto de conversión do conxunto do convento de San Francisco (s. XIV) no centro cultural da cidade, mediante a habilitación de espacios para un auditorio, un novo edificio para a Biblioteca Pública, etc., é símbolo da renovada cidade de Ourense para o máis inmediato futuro, o principio deste século XXI a punto de empezar.

A provincia, ademais, posúe un excelente mostrario de paraxes naturais e aldeas e vilas que conservan o encanto orixinal dos tempos antigos, así como un amplo abano de 750 igrexas, mosteiros e santuarios, ademais de 400 capelas e ermidas. Sen ir mais lonxe, a poucos quilómetros da capital atópase unha das paraxes máis incomparables de toda a natureza galega: a chamada "Ribeira Sacra", o escarpado val do río Sil, poboado desde o Medievo por multitude de mosteiros e cenobios enclavados en recónditos lugares. Fascinantes recantos hoxe en proceso de recuperación para o turismo rural e cultural.

Trátase, desde logo, dunha provincia que acolle multitude de paisaxes, dos montes ás chairas, que xa teñen sido escenarios naturais de diversas produccións cinematográficas.

Ourense é un nó ferroviario comunicado con toda a Península. Unha rede de autovías e estradas permite acceder en pouco tempo ás principais cidades, así como ós aeroportos de Peinador, en Vigo, ou de Lavacolla, en Santiago de Compostela (ambos a uns 100 km de Ourense). Para aloxamento dos visitantes, a cidade posúe unha ampla gama de hoteis e turismo de habitación de diferentes categorías.