Orientación

Charla informativa para as familias: "Os riscos asociados á utilización da internet e as novas tecnoloxías"

   O xoves 22 de febreiro ás 17:00 celebrouse no Salón de Actos do instituto unha charla sobre “Os riscos asociados á utilización da internet e as novas tecnoloxías" a cargo de Ramón Peña, Formador da Garda Civil de Lugo, dentro do "Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas".
   Durante a charla as familias que acudiron ao centro puideron recibir información sobre as novas tecnoloxías máis empregadas polos seus fillos e fillas, tales como instagram, o whatsapp, os chats dos xogos online, dos chats das consolas como a Xbox, o  “ThisCrush’ para insultar o ameazar sen ningún tipo de consecuencias, xa que se senten protexidos/as baixo o anonimato. Así mesmo abordáronse temas como o "Sexting" ou difusión de material fotográfico ou audiovisual de contido erótico-sexual sen o consentimento da persoa implicada; o "Grooming" cando un adulto trata de coartar e intimidar a un menor a través das redes sociais co obxectivo de establecer contactos sexuais virtuais e/ou físicos, do "Cyberbullying" (ciberacoso) e do acoso escolar.
   Así mesmo, o orador, deulles unha serie de orientacións para que as familias poñan en práctica, cos seus fillos e fillas, a fin de que fagan un uso responsable das novas tecnoloxías e das redes sociais e que vexan nos seus pais e nais, persoas, que os poden axudar e tenderlles a man ante determinadas situacións que poden supoñer un risco para eles/as e non alguén que os están fiscalizando e prohibindo. Facendo fincapé na necesidade de formar aos rapaces e rapazas no uso responsable das novas tecnoloxías.
   E por último falounos dalgún recurso como é o “AlertCops”, que busca universalizar o acceso aos servizos públicos de seguridade cidadá, de modo que calquera persoa, con independencia do seu idioma, orixe ou das súas discapacidades auditivas ou vogais poida comunicar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Policía e Garda Civil) unha alerta sobre un acto delituoso ou incidencia de seguridade do que está a ser vítima ou testemuña.

 

 
  E da páxina da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) que busca proporcionar información e o soporte necesario para evitar e resolver problemas de seguridade que poden existir ao navegar por internet, ademais de proporcionar consellos de como levar a cabo unha navegación segura en internet.
Para acceder a páxina podes premer no seguinte enlace:

https://www.osi.es/es

   Así mesmo as familias puideron formular as dúbidas ou preguntas que consideraron oportunas ao formador da Garda Civil.
       Para rematar non queremos desaproveitar esta ocasión para en nome do equipo directivo, do departamento de orientación e do equipo docente do instituto agradecervos a vosa participación nesta actividade, xa que soamente traballando en conxunto podemos acadar o desenvolvemento integral do noso alumnado e potenciar unha convivencia positiva no centro educativo e na súa contorna.

 

Charla do Plan Director: "Acoso Escolar e Ciberacoso"

   Hoxe, contamos no centro con Amadeo Villarino, capitán da Garda Civil de Lugo e Ramón Peña, formador da Garda Civil dentro Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos.

   O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO recibiu información/formación sobre Acoso Escolar e Ciberacoso,  ademais o alumnado puido participar no desenvolvemento da charla con preguntas, formulando dubidas, respondendo as cuestións que xurdiron ...

   

Charla informativa sobre a Universidade de Vigo

   Hoxe, 19 de febreiro, contamos no centro con Ricardo Corderí Salgado, Xefe do Servizo de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo (Uvigo) que acercou ao alumnado de 2º de Bach. a esta universidade.

   Nela os alumnos e alumnas obtiveron información sobre os seguintes temas:

  • Acceso, preinscrición e matrícula na universidade.
  • Instalacións e servizos da universidade
  • Oferta académica, bolsas, aloxamento...

    Ademais puideron aproveitar para resolver todas aquelas dubidas que xurdiron.

   

 

Campus científicos de Verán 2018

   Con data do 15 de febreiro do 2018 publicáronse no BOE Núm. 41, as bases da convocatoria pola que se convocan axudas para participar no Programa Campus Científicos de Verán. Estas axudas buscan potenciar o interese de estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación, para elo convócanse 1.560 prazas para participar en proxectos científicos deseñados por profesores universitarios e desenvoltos en departamentos de investigación de 13 Campus de Excelencia Internacional e Rexional, entre os días 1 e 28 de xullo de 2018.

   O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata as 15:00 h do día 9 de marzo de 2018.

   Os beneficiarios dunha praza en Campus Científicos de Verán poderán gozar de 7 días de contacto coa investigación científica a través da súa participación activa en proxectos de achegamento científico especialmente deseñados por profesores de universidade e de ensino secundario. Cada un dos beneficiarios participará en 1 proxecto que levará a cabo en laboratorios e departamentos de Campus de Excelencia Internacional ou Rexional. En cada proxecto haberá un total de 7 - 8 participantes.  Os Campus terán lugar do 1 ao 28 de xullo de 2018, en catro quendas de 7 días de duración cada un, de domingo pola tarde a sábado ao mediodía, segundo o seguinte calendario:Estudantes de 1º de bacharelato do 1 ao 17 de xullo (primeira quenda).

  • Estudantes de 1º de bacharelato do 8 ao 14 de xullo (segunda quenda).
  • Estudantes de 4º da ESO do 15 ao 21 de xullo (terceira quenda).
  • Estudantes de 4º da ESO do 22 ao 28 de xullo (cuarta quenda).

   Así mesmo quen resulten beneficiarios da axuda poderán participar, nunha das quendas/campus, no desenvolvemento e posta en práctica dun dos proxectos ofertados. A obtención da axuda comportará a cobertura dos gastos inherentes á participación no proxecto adxudicado, con excepción do traslado desde os seus lugares de orixe ata o Campus asignado, así como desde este ata os seus domicilios, que será por conta dos adxudicatarios das axudas. Serán por conta dos beneficiarios das axudas os gastos non derivados do desenvolvemento do Programa. Os solicitantes que obteñan praza, deberán abonar a cantidade de 85 euros, en concepto de matriculación.

   No seguinte enlace podes acceder as bases da convocatoria:

   Para máis información podes consultar a páxina de "Campus científicos" do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) ou preguntar no Departamento de Orientación.

  

Fonte: Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) e Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)

Charla Temática da USC: "Comunica que algo queda. Procesos, ferramentas e aproveitamento da comunicación"

Hoxe, venres 16 de febreiro, contamos no instituto co Xefe de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Luís Celeiro, da que foi profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación durante 20 anos. 

Veunos a falar da importancia da comunicación,  da relevancia dos medios de comunicación social na nosa sociedade e do papel que desempeñan. Así puidemos acercarnos ás nocións básicas e fundamentais da comunicación, ás ferramentas actuais que empregamos, a comunicación e ferramentas que empregan os comunicantes non profesionais e a importancia da comunicación (e da información) como instrumento funcional no proceso formativo. 

 

 

Charla informativa sobre a Universidade da Coruña

 Hoxe, 8 de febreiro, contamos no centro con Marisa, técnica no Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE) da Universidade da Coruña (UDC) que acercou ao alumnado de 2º de Bach. á UDC. Nesta charla abordáronse os seguintes  temas:

- ABAU (acceso, admisión, preinscripció, matrícula).

- EEES

- Bolsas e axudas para alumnado que inicie estudos universitarios (MECD, Xunta e as propias da UDC).

- Graos da UDC (os que son únicos no SGU, simultaneidades de grao, oferta de graos internacionais e oferta de graos con docencia con o 40% en inglés).

E outras cuestións de interese para o alumnado que accede á Universidade, por primeira vez, no vindeiro curso.

 

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2018

ACTIVIDADES DE FORMACIÓN CONVOCADAS

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV e que pódemos ver ao final desta publicación, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso de linguas estranxeiras.

 2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2018, coa excepción das actividades de integración, que se desenvolverán no inicio do curso 2018/19. As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS

 1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato durante o curso 2017/18 en Galicia. 

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2016/17. 

c) Ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º cursos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.

d) Para as actividades de integración, estar matriculado/a, no curso 2017/18, nun centro da Rede de centros plurilingües.

e) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade. 

f) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.

g) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal. 

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

SOLICITUDES, PRESENTACIÓN E PRAZO

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do acceso á aplicación dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

PRAZO: 8 de febreiro ata o 7 de marzo do 2018 

Acceso á aplicación

No seguinte enlace podes acceder á INFORMACIÓN COMPLETA SOBRE ESTAS AXUDAS na Orde que as regula:

Orde do 22/01/2018 (DOGA Nº27 do 7/02/2018)

 Para máis información podes preguntar no Departamento de Orientación.

Correción de Erros da Orde que regula as probas de acceso á Universidade para o curso 2017/18

Hoxe sae publicado a corrección de erros da  Orde ECD/42/2018, do 25 de xaneiro, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade, as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2017/2018, en relación ao anexo I, da materia de Xeografía de 2º de Bacharelato.

 No seguinte enlace podedes acceder ao corrección de erros:

Correción de Erros

Probas de Acceso a Ciclos Formativos de Grado Medio e Grado Superior para o ano 2018

CICLOS FORMATIVOS DE GRADO MEDIO:

Prazo de inscrición:

  • O prazo de presentación abranguerá entre os días 12 e 23 de marzo do 2018, ambos os dous incluídos

  • A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I da Orde pola que se convocan as probas de acceso aos ciclos formativos para o ano 2018, irá dirixida ao director/a de calquera centro docente público da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2017-2018.

Requisitos das persoas participantes:

 

  • Poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder aos ciclos formativos de Grado Medio e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.

 

Estrutura e organización da proba:

A estrutura e a organización da proba é o seguinte:

a) Parte sociolingüística:

  • Lingua castelá.

  • Lingua galega.

  • Ciencias sociais.

b) Parte matemática:

  • Matemáticas.

c) Parte científico-técnica:

  • Ciencias da natureza.

  • Tecnoloxía

Realización da proba:

  • As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 31 de maio de 2018 no horario que se indica deseguido:

- Ás 9:00 horas: presentación.

- Das 10:00 ás 13:00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.

- Das 16:00 ás 18:00 horas: parte científico-técnica.

  • As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

CICLOS FORMATIVOS DE GRADO SUPERIOR:

Prazo de inscrición:

  • O prazo de presentación abranguerá entre os días 8 e 23 de febreiro de 2018, ambos os dous incluídos.

  • A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II da Orde pola que se convocan as probas de acceso aos ciclos formativos para o ano 2018, irá dirixida ao director/a de calquera centro docente público da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2017-2018.

Requisitos das persoas participantes:

  • Poderán participar na proba de acceso as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder aos ciclos formativos de Grado Superior e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba. 

Estrutura e organización da proba:

A estrutura e a organización da proba será o seguinte:

a) Parte común:

  • Lingua galega.

  • Lingua castelá.

  • Matemáticas.

b) Parte específica. Organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e os ciclos formativos aos que posibilita o acceso, segundo se establece no anexo VII da Orde pola que se convocan as probas de acceso aos ciclos formativos para o ano 2018). A persoa aspirante deberá elixir unha das tres opcións no momento de formalizar a solicitude de inscrición para a proba, escollendo dúas das tres materias das que desexe que se lle examine:

  • Opción A: Economía da empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía.

  • Opción B: Debuxo técnico, Tecnoloxía industrial e Física.

  • Opción C: Ciencias da Terra e ambientais, Química e Bioloxía

Realización da proba

  • As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 19 de abril de 2018 no horario que se indica deseguido:

- Ás 9:00 horas: presentación.

- Das 10:00 ás 13:30 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua galega e Lingua castelá).

- Das 16:00 ás 18:30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder, segundo o anexo VII da Orde pola que se convocan as probas de acceso aos ciclos formativos para o ano 2018).

  • As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

 

Para máis información podes consultar o BORRADOR DA "ORDE do 22 de xaneiro de 2018 pola que se convocan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2018" no seguinte enlace:

Probas de acceso a Ciclos Formativos

Ou preguntar no DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN

Taller de alimentación da Cruz Vermella - 2º ESO

Hoxe, contamos con Tania e Andrea, dúas voluntarias da Cruz Vermella de Lugo, que viñeron a traballar, cos alumnos e alumnas de 2º da ESO, a promoción da saúde como alicerce esencial para a prevención de actitudes, comportamentos e hábitos que supoñan riscos asociados o seu benestar físico, psíquico e social.

Para elo abordáronse conceptos como o de saúde e alimentación, nutrición, necesidades nutricionais, roda de alimentos, prexuízos, estereotipos e mitos en torno á alimentación e canóns sociais de beleza – salubridade. Sen esquecernos dos trastornos da conduta alimentaria tales como a anorexia, a bulimia e trastornos da conduta alimentaria non especificados. 

Así mesmos reforzáronse as habilidades individuais e sociais tales como a autoestima, comunicación, capacidade analítica e crítica, autonomía na toma de decisións, resistencia á presión grupal, empatía e asertividade. 

E por último recalcouse a importancia dos hábitos de vida saudables asociados a alimentación e o exercicio físico: hixiene alimentaria, cociñado de alimentos, formas alternativas  de alimentación e actividade física.Tania e Andrea traballaron todos estes conceptos co alumnado a través de xogos, dinámicas de grupos, debates tales como análise de anuncios, “pasapalabra” de alimentos, visionado de vídeos…

 

Distribuir contido