Curso 2020/21

Decorando o muro exterior

A decoración do noso muro exterior avanza a pasos axigantados. O alumnado está moi comprometido en que saia adiante coa iniciativa e axuda da profesora de Educación Plástica e Visual. 

Tic tac tic tac xa queda pouco para ver o resultado final..... que ganas xa de velo rematado!! 

Vaivos encantar!! 

 

Entrega de Certificados e Carne Xove aos Correspondentes Xuvenís

O venres 12 de xuño entregamos o “Certificado de experiencias educativas non formal en materia de Xuventude” que  acredita o traballo que desenvolveron ao longo deste curso e o novo carné xove para que desfruten de todas as súas vantaxes. 

Queremos agradecer aos nosos correspondentes xuvenís o seu compromiso e implicación  en seleccionar e difundir a información que, semana tras semana, lles chegaba de Xuventude a través do Instagram do centro e do programa de radio “Correspondentes Xuvenís 3.0” en Radio Palas FM, tódolos xoves de 11:00 a 11:30, salientando que este espazo radiofónico se desenvolvía no seu tempo de lecer.

Polo tanto GRAZAS a Alba, Paula, Roi, Ismael, Nerea García, Silvia, Tito e Nerea Gómez por facelo posible.  Agardamos que esta experiencia fose vosa para vós e que o ano que ven teñades gañas de repetir! 


 

Podedes ver as fotos da entrega dos certificados na galería de imaxes:

Chocolatada do club de lectura

Hoxe, venres 11 de maio, puxemos o broche final ao Club de lectura deste curso académico cunha chocolatada que xa é tradición no noso club. 

Foi un ano duro, que empezamos con incertidume pero tamén con certa esperanza, onde coñecemos a botica de Philipot, a súa muller Melisa e a súa neta Violeta e o gran segredo que custodiaban, na que Jules e Pierre xunto con Sanjurjo descubriran o seu segredo e lle axudarán a Melisa a atopar o seu remedio. 

Pero non só atopamos a nosa “Ne” senón que coñecemos ao gran feiticeiro de Terramar, Gabián, que nos ensinou a súa illa Gont e nos desvelou a maxia que existe na súa terra e nos descubriu algúns dos segredos máis escuros.

Pero tamén aprendemos como o azar pode cambiar as nosas vidas de man de Mauro, que terá que enfrontarse á verdade para descubrir un asasinato. Neste camiño coñecerá o lado máis perturbador da súa cidade e como, ás veces, coñecer a verdade non cambia a realidade nin fai xustiza. 

E non podiamos deixar esta aventura sen camiñar por diversas historias protagonizadas por rapazas, cada unha delas vive unha historia distinta que nos permite coñecer un pouco máis o seu mundo: as súas inquedanzas, as súas aventuras, a súa forza interior.... e que pon en valor ás mulleres e o valor que teñen na nosa sociedade. Mulleres todas elas como as que forman parte deste club de lectura, así que mellor forma de pechar o círculo que comezou alá por outubro. 

Grazas  por permitirnos voar, viaxar e soñar nun ano tan especial para todas nós. 

Vémonos o curso que vén con máis historias por vivir e sentir!

 


 

Podedes ver as imaxes deste día tan especial na galería de imaxes:

Acollida ao alumnado 6º EP do CEIP Palas de Rei

Hoxe, xoves 10 de xuño, contamos coa visita das alumnas e alumnos de 6º de educación primaria do CEIP de Palas de Rei acompañados/as da súa titora e do seu titor. 

Nesta xornada de acollida realizouse unha pequena presentación sobre o que supón o paso de primaria a secundaria, na que o alumnado puido preguntar todas aquelas inquedanzas, dúbidas…. que tiñan. 

Posteriormente, dous representantes de 1º da ESO respondéronlles as preguntas que eles e elas previamente lles formularon, tales como: Que cambios notaran de 6º a 1º da ESO? Que materias lles gustaban máis? Se podían facer os deberes na biblioteca. Cantos libros podían coller? Que materias lles resultaban máis difíciles?. Entre outras.

Unha vez rematada esta quenda de preguntas, realizamos un pequeno percorrido polo centro para que o alumnado se familiarizara coas instalacións. Así puidemos ver a aula de tecnoloxía, de música, de informática, a biblioteca..... axudados pola alumna e o alumno de 1º da ESO que lles serviron de guías polo instituto.

Queremos dar as grazas aos seus titores/as e ao alumnado por facer que esta visita fose todo un éxito e por volver a ter un pouco de normalidade. 

Vémonos o curso próximo!!!  E a semana vindeira agardamos a visita das vosas familias.

 

Arte a raudales

Arte a raudales ten o noso alumnado!

Esta semana inauguramos o CGAC (Centro Galego de Arte do Camiño) no noso instituto. Unha nova sala de exposicións onde comezamos cunha mostra do bo traballo feito pol@s alumn@s de 1° ESO sobre a capacidade expresiva do punto.

CALENDARIO FIN DE CURSO (20/21) E MATRICULA VINDEIRO CURSO

CALENDARIO FIN DE CURSO (20/21)

 

Día 22 de xuño (martes):

  • Rematan as clases.

Día 23 de xuño (mércores):

  • Avaliacións.

Día 24  (xoves): 

  • Ás 10:00 entrega de notas no centro (cada grupo na súa aula de referencia) e de sobres de matrícula.
  • As notas poderán consultarse en Abalar Móbil a partir das 13:00 h.

 

A ENTREGA DOS LIBROS DE TEXTO NO CENTRO FARASE AO RECOLLER O BOLETÍN DE NOTAS

Día 25 (venres) e 28 (luns): 

  • Presentación de reclamacións no centro dende as 09:00 ata as 14:00 horas.
  • Revisión de actividades, tarefas ou traballos co profesorado. 

Día 29 (martes): 

  • Ás 12 h. entrega das resolucións dos departamentos ao alumnado rectificando ou ratificando a cualificación outorgada.

 

MATRÍCULA

Día 29 de xuño:

  • Matrícula de 1º de ESO.

Día 30 de xullo:

  • Matrícula de 2º , 3º e 4º de ESO.

Día 1 de xullo:

  • Matrícula de 1º e 2º de BAC. e FPB II.

  


  

PRAZOS DE ADMISIÓN A FP - CONVOCATORIA 2021/22

  • ADMISIÓN A RÉXIME ORDINARIO E RÉXIME PARA AS PERSOAS ADULTAS 

 
  • ADMISIÓN A FP DUAL 

 
  • ADMISIÓN CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN 

 
MÁIS INFORMACIÓN NA WEB DE FP: ADMISIÓN FP E NO DPTO DE ORIENTACIÓN. 

FONDO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDA MATERIAL ESCOLAR

Está aberto o prazo para solicitar axudas para material escolar e Fondo libros. Dado que somos centro E-Dixgal os cursos de 1º, 2º e 3º da ESO contarán con libro dixital e, polo tanto, non teñen dereito ao Fondo libros pero si contarán cun ordenador portátil en préstamo.  O curso de 4º da ESO si ten dereito ao Fondo libros. 

Todos os cursos da ESO teñen dereito, segundo os parámetros establecidos, á axuda por material escolar. 

A modo resumo: 

  • Axudas ESO: 1º, 2º, 3º (Material Escolar) 4º (Libros de texto e material escolar)
  • REQUISITOS: Ter devoltos os libros do curso 2020/21.
  • EXCLUSIÓN: A falta de devolución dos libros de texto será causa de EXCLUSIÓN da participación no fondo solidario.
  • SOLICITUDES:
    1. Unha solicitude única por familia para todos os fillos e fillas do centro.
    2. Desde o 21 de maio ao 22 de xuño de 2021. (todos e todas os/as que teñan dereito, aprobados e con pendentes para setembro).
  • DOCUMENTACIÓN:
    1. SOLICITUDE que se obtén na conserxería ou en http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros
    2. Fotocopia dos DNI de todos os membros da unidade familiar.
    3. Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.
  •  LUGAR DE PRESENTACIÓN: Na SECRETARIA do instituto. 
  • SUBSTITUCIÓN LIBRO FAMILIA

a) Sentencia xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

b) Certificado ou volante de convivencia.

c) Informe dos servicios sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

d) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza a Xunta de Galicia.

 

NOTA: O alumnado ten a obriga de conservar en bo estado os libros de texto adquiridos na súa integridade con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos, ao rematar o curso escolar 2020/2021 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros).

 

IMPORTANTE : Solicitude única por familia para todos os fillos e fillas.

 

 

Podes consultar toda a información na Orde do 6 de maio de 2021.

 

 Máis información na web de fondo libros: https://www.edu.xunta.es/fondolibros/

 

 

 

Charla informativa sobre a oferta educativa do centro EFA Piñeiral

Hoxe, 25 de maio, contamos no centro con Laura, profesora no centro educativo EFA Piñeiral de Arzúa , centro de formación profesional que imparte ciclos profesionais de grao medio e grao superior. 

 

Durante esta charla o alumnado de 4º da ESO e 1º de FP Básica coñeceu a súa oferta formativa, como pode ser o ciclo medio de comercio e marketing, ciclo medio de coidados auxiliares de enfermería,  ciclo medio de panadería, repostería e confitería, etc. 

 

Moitas grazas pola vosa visita. 

 

Alentía Teatro: "Contos, lendas e outras historias"

            O venres 21 de maio, Alentía Teatro, acercounos durante 60 minutos ao teatro mediante un conxunto de historias que aborda con tenrura e humor problemáticas relevantes como a igualdade de oportunidades entre os dous xéneros, o acoso escolar, a cultura da paz, o recoñecemento á sabedoría e á experiencia das persoas maiores, o valor instrumental da educación como ferramenta imprescindible no crecemento do ser humano…

            Trátase dun espectáculo coral interpretado por corenta actores e actrice, entre os que estaban os nosos alumnos e alumnas, que reflexiona en clave humorística sobre a importancia de cultivar a autoestima, porque se perfila como unha ferramenta óptima para sortear os diferentes obstáculos que a vida sitúa no camiñar diario. Que o universo da fantasía rodee os nosos corazóns… Arriba o pano!

Distribuir contido