Skip to Content

Agregador de novas

A Consellería de Educación inicia o expediente para contratar o subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros de ensino de Galicia por case 15,6M€

Novas portal educativo - Lun, 15/07/2024 - 09:31

Summary: 

Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato

O contrato poderá prorrogarse dous anos e contempla a posibilidade de modificar ata un 20% do importe de cada un dos 75 lotes para axustalo ás necesidades

Idioma Gallego

O Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación do subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia Universidade e Formación Profesional en todo o territorio galego. Para tal fin destinaranse case 15,6M€ no período que vai do 26 de novembro deste ano (cando remata a prórroga do contrato anterior) e o mesmo día do ano 2026. Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato.

 

O obxectivo do contrato é garantir o subministro de gasóleo para o servizo de calefacción nos centros públicos, ao tempo que planificar a súa adquisición de xeito que se acade un maior grao de optimización e control na subministración deste produto.

 

O contrato inclúe a subministración do combustible para a calefacción de 820 centros, en concreto dos centros dependentes da Consellería que imparten ensinanzas de Educación Especial, Educación Primaria, Educación Infantil e Primaria, centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria, centros integrados de FP, centros de ensinanzas artísticas, escolas oficiais de idiomas, escolas e conservatorios de Música, escolas superiores de Arte Dramática, conservatorios de Danza e centros residenciais docentes. Exclúense do expediente todos aqueles centros que non utilizan este tipo de combustible para a calefacción pola extensión progresiva da biomasa, entre outros motivos, e aqueles outros nos que a existencia de instalacións compartidas e incluso en moitos casos, depósitos de combustible compartidos, facían imposible a oportuna separación do combustible utilizado e pagado polo centro, do utilizado e pagado pola outra entidade coa que comparten as instalacións.

 

En calquera caso, e dado que as necesidades educativas das zonas son variables, o prego de cláusulas administrativas prevé a posibilidade de modificación contractual sempre que a modificación non exceda do 20% dos litros de gasóleo de cada un dos 75 lotes nos que se divide o expediente, agrupados por criterios xeográficos. Tendo en conta estas posibles modificacións, así como a posibilidade de prorrogar o contrato por dous anos máis, o valor estimado de expediente ascende a máis de 30,9M€.

 

A petición dos centros

O gasóleo será subministrado de forma sucesiva, acorde cos encargos realizados polos centros receptores por correo electrónico. O contratista realizará a subministración dentro dos dous días hábiles seguintes ao do envío do encargo, ante o responsable do contrato derivado (director do centro) ou persoa en quen esta delegue a tarefa, quen asinará o albarán de entrega da subministración que a empresa contratista lle entregue.

 

O contratista asume no prezo ofertado todos os gastos derivados do transporte e entrega do combustible, e deberá proceder as entregas no prazo indicado con independencia das peculiaridades dos accesos aos depósitos dos centros peticionarios.

 

Para poder coñecer as ditas peculiaridades de acceso aos depósitos, os licitadores poderán, antes de presentar a súa oferta, solicitar a visita ás instalacións dos centros dos lotes aos que pretenda concorrer, poñéndose en contacto coas persoas que ostenten a dirección dos centros.

 

Coa finalidade de promover unha maior concorrencia e abrir o mercado a distribuidores minoristas, o acordo establece que cada empresa poderá concorrer á licitación dun máximo de 15 lotes e poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 lotes. Seleccionaranse as ofertas economicamente máis vantaxosas en atención ao desconto sobre o prezo semanal publicado no Boletín Oficial do Petróleo da Comunidade Europea (BOPCE).

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O CIFP Politécnico de Santiago e o CIFP As Mercedes de Lugo participan nos dous mellores proxectos de innovación e investigación aplicada á FP de España

Novas portal educativo - Dom, 14/07/2024 - 09:03

Summary: 

Son as dúas iniciativas con maior puntuación entre as 257 que obteñen axudas para o seu desenvolvemento

Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos seleccionados na convocatoria estatal, a través dos que captan 1,3M€

Estes resultados demostran o gran potencial innovador da FP galega, impulsada por iniciativas da Xunta como a Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia

Idioma Gallego

O proxecto Posta en marcha virtual con xemelgo dixital, no que participa o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago en colaboración co CIFP de Avilés (Asturias), vén de ser seleccionado na convocatoria estatal de proxectos de innovación e investigación aplicada como o mellor de España entre os 257 que obteñen axudas para o seu desenvolvemento. A segunda maior puntuación nesta mesma convocatoria é para a iniciativa Windlab: dixitalización 4.0 na xeración eólica, coordinado polo CIFP As Mercedes (Lugo) en colaboración co CIFP Somorrostro (Biscaia). Os proxectos desenvólvense coa cooperación das empresas Mondragón Educación Internacional e Aldabe Sistemas, respectivamente.

Un total de 19 centros de FP galegos participan en 31 proxectos beneficiarios da convocatoria estatal, 17 deles coordinados por centros da nosa Comunidade. En total os centros galegos recibirán 1.258.197€ para a execución das actividades previstas, que se desenvolven en colaboración con centros educativos e empresas doutras comunidades autónomas.

Estes resultados demostran o gran potencial innovador da FP galega, impulsada por iniciativas da Xunta como a Estratexia FP Galicia 2030 e o Plan Innova FP Galicia que, xunto co Plan FPGal360 de orientación profesional integral, son as follas de ruta do modelo de éxito de Galicia nestas ensinanzas.

Transferencia de coñecemento

A través desta convocatoria fináncianse proxectos de innovación e investigación aplicada e transferencia de coñecemento en FP que contan con capacidade para xerar, compartir e mobilizar saberes, produtos e recursos de utilidade social e económica entre os centros de FP e as empresas e entidades participantes. A súa duración é variable en función dos seus obxectivos e características e poden desenvolverse ao longo de dous anos.

Trátase de iniciativa que ensaian novas fórmulas en resposta á evolución experimentada polas familias, sectores e perfís profesionais, formas de xestión e organización empresarial, aos requirimentos de procesos técnicos emerxentes e á mellora da competitividade nacional e internacional das empresas, ás necesidades de cambio metodolóxico para un mellor desenvolvemento competencial e transición ao mercado laboral do alumnado do sistema de Formación Profesional, así como para atender as necesidades de perfís profesionais con formación STEAM.

Os proxectos con participación galega, ordenados pola súa puntuación, son os recollidos na seguinte táboa:

Proxecto

Centro educativo

Importe da axuda

Tipo de participación

Posta en marcha virtual con xemelgo dixital

CIFP Politécnico de Santiago

50.000,00 €

Colaborador

Windlab: dixitalización 4.0 na xeración eólica

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.990,00 €

Coordinador

Aeroprint4.0- eficiencia eólica: impresión 3D, túnel de vento e deseño de palas

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.995,00 €

Coordinador

Seguridade industrial 5.0 aplicada a procesos de produción humano máquina

CIFP Politécnico de Lugo(Lugo)

49.999,98 €

Colaborador

Dixitalización da xestión enerxética mediante smart panel

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

29.650,52 €

Colaborador

Robótica móbil aplicada á loxística i4.0

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

29.969,80 €

Coordinador

Equipo móbil snoezelen high- tech inmersivo para unha estimulación integral de persoas con dependencia

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña)

38.700,00 €

Colaborador

Optimización do proceso de atornillado con cobot y visión artificial

IES de Fene (Fene)

50.000,00 €

Coordinador

Virtualclasshvac4.0

IES Universidade Laboral (Ourense)

34.000,00 €

Coordinador

Modelos de sostibilidade e dixitalización da produción a través do xemelgo dixital

IES Politécnico de Vigo (Vigo)

29.984,50 €

Coordinador

Edificios-laboratorio demostrativos de eficiencia enerxética

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.950,00 €

Coordinador

Estratexia conxunta para mellora de competencias e acceso da muller a sectores TIC e construción

IES Ribeira do Louro (O Porriño)

38.430,00 €

Coordinador

Metodoloxías STEM aplicadas á mecatrónica para industria 4.0

CIFP A Farixa (Ourense)

29.998,95 €

Coordinador

Mobilidade de hidróxeno verde en FP

CIFP As Mercedes (Lugo)

49.670,00 €

Colaborador

Transformación integral edu- industria mediante procesos robotizados de soldadura por cold arc

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Coordinador

Fabricación robotizada e intelixente de focos led

CPR Colegio Hogar Afundación (Pontevedra)

26.763,00 €

Colaborador

Aulas inmersivas para a formación en enerxías renovables

CIFP As Mercedes (Lugo)

25.000,00 €

Colaborador

Facesecure pharma tecnoloxía de recoñecemento facial para a administración personalizada e segura de medicamentos con asistencia

IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña)

50.000,00 €

Coordinador

Demostrador dun sistema de integración continua despregado baixo tecnoloxías cloud para proxectos de intelixencia artificial

IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña)

44.590,00 €

Coordinador

Aprendendo e emprendendo en cooperación

IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada)

30.000,00 €

Colaborador

Deseño dunha planta en modelo formativo que vai permitir a elaboración de actividades prácticas utilizando as tecnoloxías

IES Universidade Laboral (Ourense)

50.000,00 €

Coordinador

Desenvolvemento de procesos de fabricación flexible e intelixente mediante cobots para a industria 4.0

CIFP A Farixa (Ourense)

33.250,00 €

Coordinador

Tecnoloxía SLS como reemprazo de outros medios de fabricación

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Coordinador

Aplicación da fabricación aditiva na creación de útiles para mellora de actividades cotiás de persoas con necesidades especiais

IES Perdouro (Burela)

50.000,00 €

Colaborador

Wall-e: reciclaxe de plásticos baseado en robótica colaborativa, visión artificial e deep learning

CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

50.000,00 €

Colaborador

Integración da visión con intelixencia artificial na robótica móbil

CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa)

50.000,00 €

Coordinador

Creación de xemelgos dixitais para a súa integración en animacións, videoxogos e realidade virtual

CIFP Imaxe e Son (A Coruña)

40.000,00 €

Colaborador

Edspaces deseño de espazos educativos polivalentes adaptados ás novas metodoloxías de aprendizaxe

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

30.000,00 €

Colaborador

Aumentando o rendemento da robótica, valéndose da intelixencia artificial

CIFP A Farixa (Ourense)

39.955,49 €

Coordinador

Hodei clima

CIFP Universidade Laboral (Culleredo)

33.300,00 €

Colaborador

Modelización de procesos biotecnolóxicos en contornas virtuais baseados na internet das cousas

IES A Sardiñeira (A Coruña)

25.000,00 €

Colaborador

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez supervisa as obras de ampliación do CIFP Vilamarín, que este ano suma dous ciclos de FP na modalidade dual intensiva

Novas portal educativo - Sáb, 13/07/2024 - 08:46

Summary: 

O conselleiro de Educación visita a obra na que a Xunta inviste 800.000€ e que se prevé completar a finais do último trimestre do ano

Estase a construír un novo módulo para as aulas e talleres dos títulos de Pastelería e Panadería

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe o avance das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Vilamarín. Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o acerto da súa conversión en centro integrado o pasado curso, “que permitiu reforzar a súa especialización na familia profesional da Hostalaría na área de Ourense, apostando polo sector agro-hostaleiro, facendo énfase na hostalería  sostible de quilómetro 0”, dixo.

Román Rodríguez remarcou que as obras en marcha teñen como obxectivo, precisamente, mellorar os espazos para impartir os ciclos desta familia profesional. A intervención inclúe a ampliación do centro pola falta de espazo no módulo de talleres-cociña, máis concretamente na zona dedicada a Pastelería. Para iso, estase a edificar un novo volume encostado á edificación actual, pola súa banda norte, cun soto destinado a vestiarios e limpeza e unha planta baixa dividida en tres grandes aulas/talleres, unha de Panadería e outros dos espazos de Pastelería.

A remodelación deste centro conta cun investimento de case 800.000€ co obxectivo de renovar e adaptar as infraestruturas aos novos servizos. O conselleiro explicou que o obxectivo desta obra “é dar resposta ás necesidades logo de converterse en CIFP e ampliar a oferta FP no rural, como un reforzo á especialización da hostalaría na área de Ourense”.

A obra, iniciada no mes de maio, xa leva avanzado un 14% do proxecto e se prevé que este rematada para o último trimestre do ano 2024. Agora durante a época estival estanse desenvolvendo as actuacións na estrutura, realizándose o forxado da baixa cuberta.

Román Rodríguez enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta co impulso á FP en Galicia. “Non en balde, para o curso que vén, o centro contará co ciclo básico de Dual Intensiva de Aproveitamentos forestais, con 18 prazas, e co ciclo de medio de Dual Intensiva en Servizos de restauración, con 44 alumnos”, resaltou durante a visita.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta recoñece a excelencia de 448 universitarios cos premios Ángela Ruíz Robles

Novas portal educativo - Sáb, 13/07/2024 - 08:18

Summary: 

Van dirixidos ao alumnado de grao coas mellores cualificacións nas universidades galegas, agás no último curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira

Deles, 177 estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 143 na de Vigo, 122 na da Coruña (UDC) e seis na Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE)

Idioma Gallego

Un total de 448 estudantes de grao do Sistema Universitario de Galicia acaban de ser recoñecidos cos premios á excelencia académica Ángela Ruíz Robles. Este galardóns van dirixidos aos estudantes con mellores cualificacións no ano académico 2022/23 e concédese un por cada curso, agás no derradeiro, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.

No total das catro universidades, o 64,5% das galardoadas son mulleres e o 35,5% homes. A rama de coñecemento con máis premiados é Ciencias Sociais e Xurídicas (204), seguida de Enxeñaría e Arquitectura (81), Ciencias da Saúde (60), Artes e Humanidades (53) e Ciencias (50).

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP outorga 1.100 euros a cada unha dos galardoados. Ademais, as persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9 puntos, un total de 225, reciben unha contía complementaria de 500€.

Para poder ser premiado, o alumnado deberá ter no curso académico 2022/23 unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén estar matriculado da mesma titulación no  2023/24.

Campus e cualificacións

A distribución de alumnos galardoados, a proposta das propias universidades, é de 177 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 143 na Universidade de Vigo (UVigo), 122 na Universidade da Coruña (UDC) e seis na Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE).

No que atinxe aos campus, 135 premiados son de Santiago, 97 da Coruña, 63 de Vigo, 53 de Ourense, 42 de Lugo, 27 de Pontevedra e 25 de Ferrol. Ademais, na UIE tres son do campus de Vigo e tres do da Coruña.

No que referido ás cualificacións, na USC a máxima nota é un 10 nos graos en Enxeñaría Informática, en Filosofía e nos dobres graos en Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos e en Enxeñaría Informática e Matemáticas. Na UVigo obtiveron tamén a máxima nota de 10 alumnos do grao en Educación Primaria, de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e do grao en Educación Social. Na UDC a máxima nota é un 9,9 no grao en Socioloxía. No caso da UIE, a máxima nota é un 8,72 no grao en Administración e Dirección de Empresas.

Referente no ensino innovador

Este é o segundo ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe e a vocación de servizo á sociedade. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.

Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos. Foi pioneira, ademais, coa invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Un total de 102 investigadores predoutorais súmanse ás universidades públicas e outros organismos cun contrato financiado pola Xunta

Novas portal educativo - Ven, 12/07/2024 - 07:48

Summary: 

O Goberno galego inxecta case 12M€ máis neste programa, elevando a 347 os investigadores predoutorais con apoio da Administración autonómica

61 profesionais desenvolverán o seu labor na Universidade de Santiago, 20 na de Vigo, nove na da Coruña e outros 12 incorpóranse a diferentes entidades de investigación

Cada beneficiario recibe entre 24.000 e 30.000€ anuais durante os catro anos de contrato, ademais de complementos de ata 6.000€ por estadía no estranxeiro

Idioma Gallego

Un total de 102 investigadores incorporaranse este mes de xullo ás universidades públicas galegas e outros organismos de investigación na súa etapa predoutoral cun contrato financiado pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, por un importe total de máis de 11,7M€. As axudas están cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

No que atinxe aos centros nos que realizarán a súa actividade, 61 incorporaranse á Universidade de Santiago de Compostela, 20 á de Vigo e nove á da Coruña. Ademais, catro desenvolverán o seu labor na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), tres no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), tres no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e dous na Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS).

O obxectivo destas axudas é apoiar a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral) partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. En total, hai 347 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia, dos que 245 son de anteriores convocatorias, aos que se suman os 102 novos investigadores financiados a través da de 2024.

Estadías no estranxeiro

Os contratos predoutorais da Xunta teñen catro anos de duración e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes.

A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros, e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

Ao igual que na convocatoria do ano pasado, o período do contrato mantense nos catro anos, e dáse a oportunidade de que un investigador predoutoral poida acceder a un contrato posdoutoral nese cuarto ano. Isto é, se o investigador beneficiario dunha destas bolsas le a tese antes do inicio do seu cuarto ano de contrato, a Xunta financiaralle un contrato de capacitación para a etapa posdoutoral durante ese último ano, cunha dotación de 30.000€. En caso de non conseguir ler a tese antes desa data, o investigador beneficiario continuará o seu cuarto ano cun contrato predoutoral polo que recibirá 29.000€.

Esta liña de actuación súmase a outras accións da Xunta de apoio á carreira investigadora, na que se inclúen os contratos posdoutorais e as axudas a grupos de investigación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez subliña que a avaliación de estudos como PISA é imprescindible para mellorar o ensino

Novas portal educativo - Xov, 11/07/2024 - 06:45

Summary: 

Sinala a súa utilidade para medir o éxito das políticas públicas no ensino e planificar os reforzos que encamiñen o sistema cara á excelencia académica

Destaca o liderado de Galicia en ciencia, pensamento creativo e equidade, que amosa que calquera alumno logra un bo rendemento sexa cal sexa a súa situación persoal

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a avaliación que realizan estudos como o informe PISA como a mellor ferramenta para a mellora do sistema educativo. Fíxoo na inauguración do foro de alto nivel A avaliación educativa de hoxe: perspectivas a medio e longo prazo, desenvolvido en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) e que reúne en Santiago de Compostela a preto de 200 directores de centros de ensino, inspectores e docentes. O obxectivo do encontro, ao que asiste tamén a directora xeral de Ordenación e innovación Educativa, Judith Fernández, é facer unha análise exhaustiva deste informe, da súa metodoloxía e procedementos, e de como esta ferramenta de avaliación pode empregarse para mellorar o sistema.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, a avaliación é parte dun proceso permanente e personalizado que permite “medir o éxito da estratexia no ensino e fixar os reforzos que encamiñen a acadar o obxectivo de excelencia”. “Os datos das avaliacións son o combustible que facilita a transformación do sistema”, afirmou.

Román Rodríguez sinalou o informe PISA como unha das principais ferramentas para introducir melloras no sistema e salientou o éxito de Galicia neste estudo grazas ao traballo dos docentes e á estabilidade nas políticas públicas na nosa Comunidade. “No último informe, referido ao ano 2022, situámonos como líderes en equidade, ciencia e pensamento creativo e por riba da media da OCDE en todas as variables”, detallou. Segundo PISA, “en Galicia calquera estudante logra un bo rendemento sexa cal sexa a súa situación social, económica ou cultural”, declarou sobre a igualdade de oportunidades.

Relatores de prestixio

O foro de alto nivel educativo que se celebra hoxe na capital de Galicia enmárcase no acordo asinado coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) para planificar accións conxuntas na promoción de programas de innovación educativa, que incluíu tamén un seminario iberoamericano sobre transformación dixital e intelixencia artificial na educación, celebrado recentemente, entre outras actividades.

O encontro conta coa presenza de relatores de prestixio que coñecen en profundidade o informe PISA. Así, a primeira intervención, O estado das avaliacións no sistema educativo español, corre a cargo de Vicente Alcañiz, responsable do Instituto Nacional de Avaliación Educativa; mentres que a segunda, Que é PISA e cal é o seu propósito? é impartida por Joaquín Vera, xefe de servizo no devandito instituto e data manager de PISA en España. Pola súa banda, o doutor en Economía Aplicada da Universidade Complutense de Madrid Ismael Sanz é o responsable da presentación Reflexión sobre o último informe PISA, os seus resultados en Galicia e as perspectivas futuras.

O foro inclúe a participación de relatores do país veciño. O doutor en Educación e especialista en desenvolvemento curricular pola Universidade do Minho José Augusto Pacheco imparte a conferencia A formación docente para a mellora das aprendizaxes dos alumnos; mentres que o doutor en Educación e especialista en formación do  profesorado pola Universidade de Coimbra Carlos Manuel Folgado Barreira é o responsable do relatorio O éxito do ‘caso portugués’ en PISA.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Un total de 40 empresas de toda España presentan propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA sobre intelixencia artificial no ensino

Novas portal educativo - Xov, 11/07/2024 - 06:42

Summary: 

A Consellería de Educación expón os resultados da consulta preliminar do mercado co fin de buscar tecnoloxías para a posta en marcha do programa, para o que non hai ferramentas preexistentes que fagan fronte aos seus desafíos

Esta iniciativa pioneira agarda acadar investimento a través do proceso de Compra Pública Innovadora do Ministerio de Ciencia

Idioma Gallego

Un total de 40 empresas de sete comunidades autónomas presentaron propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa. Así o explicaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, esta mañá na xornada EdugalIA: o reto de transitar cara unha xestión do sistema educativo informada pola evidencia, na que se expuxeron os resultados da consulta preliminar ao mercado deste proxecto, un proceso aberto o pasado mes de setembro para recoller solucións de empresas tecnolóxicas para facer realidade esta iniciativa.

Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, recibíronse 40 solucións innovadoras diferentes, das que o 12,5 % se presentaron de forma conxunta entre unha ou varias entidades e o 87,5 % restante de forma individual. A meirande parte das propostas (o 41,2 %) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4 %), Andalucía (8,8 %), Cataluña (8,8 %), Asturias (5,9 %), A Rioxa (2,9 %) e Valencia (2,9 %).

Malia detectarse unha gran capacidade innovadora, non se identificaron solucións preexistentes no mercado que sexan quen de abordar os retos de EdugalIA. Isto pon de relevancia a idoneidade de despregar un proceso de Compra Pública de Innovación (CPI) para a creación de solucións disruptivas que dean resposta aos desafíos do proxecto. Esta iniciativa pioneira da Consellería opta ao financiamento deste liña do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o que posibilitaría a súa posta en marcha.

Tres eixes de actuación

O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta. No primeiro deles, impulsarase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados.

O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias un expediente dixital para consulta que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades de apoio, entre outros.

Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un punto único de contacto e acceso para alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo. O obxectivo é que este sistema permita a participación e a comunicación útil entre todas as partes para a asistencia e axuda á toma de decisións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez afirma que a oferta de FP no Salnés é unha garantía de futuro e traballo para a mocidade

Novas portal educativo - Xov, 11/07/2024 - 06:39

Summary: 

O conselleiro de Educación presenta a oferta da comarca, que medra un 9 % ata as 1.525 prazas, aos alumnos dos obradoiros de emprego do Concello de Vilanova

Na xornada expóñense as opcións para compaxinar os estudos coa vida laboral e as posibilidades de acreditar competencias adquiridas pola experiencia profesional

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor a oferta de Formación Profesional na comarca do Salnés que, para o vindeiro curso 2024/25, medra en case un 9 % ata acadar as 1.525 prazas novas. Fíxoo nunha xornada divulgativa destas ensinanzas organizada polo Concello de Vilanova de Arousa no Pazo de Vista Real para os 34 alumnos dos obradoiros de emprego municipais coa presenza do alcalde, Gonzalo Durán. 

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou o prestixio e a altísima empregabilidade da FP galega, que supera en xeral o 85 % e chega case ao 100 % na modalidade Dual Intensiva. Isto demostra a utilidade destas ensinanzas “para os alumnos, pero tamén para as empresas, que atopan profesionais cualificados capaces de desenvolver con gran rendemento as actividades de calquera sector, especialmente no momento actual, que esixe profesionais cualificados con todo tipo de competencias”, afirmou.

O conselleiro salientou, ademais, a confianza tanto das empresas como dos estudantes nestas ensinanzas na nosa Comunidade, que marcaron un récord de case 65.000 alumnos matriculados no curso que vén de rematar. “Estas cifras non serían posibles sen a confianza por parte das empresas e por parte dos propios alumnos, que comprenden a FP como unha vía profesional que mellore o seu futuro”, incidiu.

Novidades na oferta

Román Rodríguez subliñou que a oferta na comarca para o curso 2024/25 inclúe un total de 56 ciclos formativos, impartidos nos 11 centros da comarca. Como novidade, no Salnés ofértanse prazas en tres ciclos de FP Dual Intensiva (con 22 prazas cada un), dos que dous son novos nos seus respectivos centros: o de grao medio en Instalacións eléctricas e automáticas no CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía (centro que oferta tamén un grupo no ciclo grao superior de FP Dual intensiva en Mecatrónica Industrial) e o de grao superior en Automoción, que se impartirá por primeira vez no Instituto IES de Vilalonga.

No que atinxe aos másteres, entran novos o de Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas no Fontecarmoa e o de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información no Instituto IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa). Así mesmo, en FP Dual Xeral entran en funcionamento novos grupos do grao superior de Comercio Internacional e Documentación e administración sanitaria, con 50 prazas cada un deles, ambos no CIFP Fontecarmoa.

Ao longo da xornada presentáronse, entre outras, as opcións para compaxinar os estudos de FP coa vida laboral, a través da oferta modular para adultos. Así mesmo, detallouse o funcionamento da acreditación de competencias, que permite validar os coñecementos adquiridos pola experiencia profesional por unidades de competencia de módulos de FP, o que facilita seguir cursando ciclos formativos ás persoas traballadoras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez celebra a ABAU común como un éxito de Galicia logo de seis anos de reivindicacións

Novas portal educativo - Mér, 10/07/2024 - 15:12

Summary: 

O conselleiro de Universidades defende realizar esta proba seguindo uns mesmos criterios para “garantir a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”

Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as súas singularidades e respectando a normativa”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a importancia dunha ABAU común para todo o territorio español co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades entre todos os mozos e mozas. A medida porase en marcha a partir do vindeiro curso grazas ao traballo iniciado hai anos polo Goberno galego. Como lembrou, o acordo acadado agora entre 12 comunidades autónomas comezou en Galicia en 2018, “con moito traballo e numerosas iniciativas desde entón”. 

O titular de Universidades da Xunta lembrou que é unha cuestión de “coherencia e responsabilidade, ao funcionar España como distrito universitario único”. “A nosa Comunidade foi unha das grandes promotoras deste acordo que levamos anos reclamando ao Goberno central”, engadiu Román Rodríguez, quen criticou a “absoluta parálise do Estado” e a súa “aposta por un modelo que só afonda nas desigualdades”.

Grazas a esta iniciativa, o 70% do alumnado español poderá realizar a ABAU a partir do vindeiro curso cuns criterios comúns. Galicia liderou o “debate a nivel nacional e logrou sacar adiante dita iniciativa”, remarcou o representante da Xunta.

Principais necesidades desta iniciativa

No que respecta á forma, as persoas que se vaian a examinar terán o mesmo calendario, criterios de corrección e de puntuación, así como o mesmo número de opcións para escoller e número de preguntas nas materias comúns. No que ten que ver co contido das probas, desenvolveranse matrices de especificacións, é dicir, vincularanse os currículos e as competencias específicas cos criterios de avaliación e os saberes básicos. 

Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que Galicia manterá a súa autonomía e competencias, “pero cunha mellor coordinación, quedando blindadas as singularidades de Galicia e respectando a normativa vixente”, concluíu o conselleiro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta mantén o seu compromiso coa Escola Superior de Arte Dramática, en Vigo, e prepara novas actuacións de mantemento do centro

Novas portal educativo - Mér, 10/07/2024 - 14:08

Summary: 

O conselleiro de Educación explica que o investimento en melloras se eleva a máis de 225.000€, incluíndo a nova obra que se vai realizar para solucionar filtracións

O centro realiza un número importante de actividades e eventos e conta cunha destacada proxección internacional

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reafirmou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), en Vigo. Neste sentido, anunciou unha nova obra para solucionar, definitivamente, os problemas de filtracións que se producen na cuberta do teatro do centro, por importe de 45.000€ e que se acometerá antes do remate do ano. “Esta nova actuación eleva a máis de 225.000€ o investimento en mantemento e melloras do centro desde a súa inauguración en 2010”, destacou. 

O titular do departamento educativo da Xunta incidiu en que se trata de pequenos axustes de conservación do inmoble, que non afectan en ningún caso á seguridade da comunidade educativa. Tal e como explicou, o tipo de cuberta do edificio, de carácter plano, ocasionou varios episodios de filtracións, que a Consellería está a solucionar coa máxima celeridade.

Román Rodríguez puxo en valor as instalacións deste centro, no que estudaron o pasado curso 157 alumnos, que conta cunha superficie total de 6.145 m² dotada, entre outros espazos, de vestiarios, salas de reunións, aulas de expresión dramática e un teatro cun aforo de 120 persoas, sobre o que se vai realizar a nova actuación de mantemento. 

Cómpre destacar que a ESAD realiza un número importante de actividades e eventos, entre eles a interpretación da Ópera Le Villi o presente curso en colaboración co Conservatorio Superior de Música da Coruña e outros centros da Comunidade Autónoma. Conta, ademais, cunha proxección internacional, participando activamente no programa de mobilidade Erasmus+.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez destaca Galicia como un referente na Compra Pública de Innovación en España

Novas portal educativo - Mar, 09/07/2024 - 10:01

Summary: 

A nosa Comunidade presenta un total de nove proxectos á convocatoria da Liña FID do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

“Cremos no valor da I+D+i e na calidade e talento que atesoura o noso sector tecnolóxico”, salienta o conselleiro

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, clausurou esta mañá o acto de presentación dos proxectos impulsados por diferentes departamentos da Xunta que participan na convocatoria da Liña de Fomento da innovación desde a demanda (FID) de Compra Pública de Innovación (CPI) promovida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na xornada interveu tamén a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, entidade que impulsa na Xunta de Galicia o proceso de identificación de desafíos, desenvolvemento das ideas e valoración das propostas recibidas.

O titular do departamento de Ciencia da Xunta destacou a posición de referencia da nosa Comunidade a nivel estatal en Compra Pública de Innovación, con nove iniciativas moi diversas presentadas ás liñas de Fomento da innovación desde a demanda. “Somos referentes nacionais neste eido porque cremos no valor da I+D+i e na calidade e talento que atesoura o noso sector tecnolóxico”, salientou.

As iniciativas que concorren á Compra Pública de Innovación abranguen desde solucións con hidróxeno verde, emprego de vehículos aéreos non tripulados, fomento da aprendizaxe da intelixencia artificial nas aulas ou melloras na atención médica personalizada, entre outras. Neste sentido, o conselleiro felicitou a todos os departamentos implicados polo traballo realizado “que volve poñer de manifesto o poder de tracción que posúe Galicia e a súa aposta polo fomento da innovación desde a Administración”.

Máis de 252 M€ ata 2020

A Compra Pública de Innovación é un instrumento de fomento da innovación orientado a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras desde o lado da demanda a través do instrumento da contratación pública. O obxectivo é mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores, o fomento da innovación empresarial e o impulso á internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

Entre 2007 e 2020 Galicia executou preto de 252 M€ a través deste instrumento. Nestes momentos, no marco que vai ata 2027, xa se están a executar máis de 75 M€, con perspectiva de incremento a través de novas propostas.

Sustentabilidade, educación e saúde

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou ao proceso o proxecto SICLE CO2, cun orzamento de 6,8 M€. A proposta ten como obxecto o desenvolvemento de solucións innovadoras que promovan unha compensación de emisións de proximidade que axuden ademais de forma máis directa á redución da pegada de carbono en Galicia. A tal efecto, prevese un banco de parcelas público, unha plataforma de colaboración para o intercambio de compensacións, o seguimento de proxectos de compensación e unha ferramenta preditiva para determinar a absorción de CO₂ dos terreos agrícolas e as áreas costeiras en Galicia.

Esta consellería presenta tamén Augatech. Cun orzamento de 6 M€, a proposta prevé o desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a información á cidadanía e para crear un xemelgo dixital dos ríos da cunca hidrográfica de Galicia-Costa, coa finalidade de aumentar a transparencia e mellorar a xestión dos recursos hídricos fronte o cambio climático.

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concorre con EdugalIA. A finalidade da proposta, cun orzamento de 16 M€, é mellorar a equidade e calidade do sistema educativo galego, especialmente nas súas etapas de ensino obrigatorio mediante unha gobernanza ben fundamentada e informada e baseada en evidencias, o expediente dixital único do alumnado e o establecemento dun novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese en materia educativa, cun punto único de contacto e ferramentas informáticas específicas.

A Consellería de Economía e Industria impulsa cinco proxectos. Un deles é o Centro Galego de Experimentación en almacenamento enerxético e solucións innovadoras vinculadas ao hidróxeno verde, cun orzamento de 7 M€. A proposta procura o desenvolvemento e implantación dun centro demostrador (en rede) para a posta en marcha de solucións innovadoras para aumentar as capacidades industriais en materia de produción, almacenaxe, transporte, distribución e consumo de hidróxeno renovable (Prototipo de xeración de hidróxeno verde a partir de auga de mar).

Cun investimento previsto de 15 M€, Solucións Civil UAVs Initiative 2030 ten como obxectivo o desenvolvemento de solucións empregando tecnoloxías de vehículos aéreos non tripulados en cinco ámbitos (terras produtivas e protección da paisaxe, Parque Natural das Illas Atlánticas, repoboación e patrimonio natural, estradas seguras e sociedade segura).

Pola súa parte, Smartmin Tech, con 8,5 M€ de orzamento, está orientado á obtención e dixitalización de datos xeolóxico-mineiros de Galicia, cun sistema de información avanzada e unha plataforma de xestión. Así mesmo, compleméntase co desenvolvemento de solucións innovadoras relacionadas coa integración ambiental e a economía circular.

Innomar conta cun orzamento de 5,2 M€ para desenvolver novas solucións tecnolóxicas para a zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira (Arteixo, A Coruña). Contempla o deseño, desenvolvemento e implementación dunha estrutura que albergue un multiconector flotante e sensorizado que permita a interconexión de prototipos de xeración eléctrica renovable no medio mariño.

Finalmente, Solucións innovadoras con base en recursos forestais de proximidade prevé un investimento de 3 M€ para dar solucións baseadas na natureza, novas técnicas de rehabilitación e materiais sostibles para as construcións tradicionais dos núcleos rurais galegos.

Precisaúde é o proxecto da Consellería de Sanidade nesta convocatoria. Cun orzamento de 20 M€, a proposta baséase na medicina 5P (personalización, prevención, predición, participación e poboación) procurando solucións innovadoras de biomarcadores en oncoloxía, sistemas de simulación innovadores, solucións de análise xenómico avanzado integrado e solucións innovadoras de terapias.

En caso de ser aprobados, o Ministerio financiará parte do orzamento con fondos FEDER plurirrexional e a Xunta de Galicia o restante con fondos propios.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta impulsa a internacionalización do modelo da FP galega, un referente en toda España

Novas portal educativo - Mar, 09/07/2024 - 09:53

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na inauguración de ‘Erasmus+. O camiño da FP cara unha Europa máis sostible’ organizada por SEPIE

Esta cita, que se prolongará ata o 11 de xullo, busca que cada centro teña as ferramentas necesarias para desenvolver metodoloxías sobre sustentabilidade

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez participou hoxe na inauguración da xornada Erasmus+. O camiño da FP cara unha Europa máis sostible organizada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) en colaboración coa Xunta de Galicia. Unha cita que se realiza a través do equipo National VET Team España, integrado por cerca de 30 profesionais da materia, e na que se explora como os proxectos Erasmus+ ofrecen oportunidades únicas para potenciar a mobilidade e a cooperación internacional no sector da Formación Profesional.

“Estamos nun momento no que os proxectos deste tipo deben abordar o medio ambiente e a loita contra o cambio climático como valores centrais”, salientou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, considerando fundamental enriquecer “os perfís profesionais dos estudantes e fortalecer os lazos entre institucións educativas europeas”. Eugenia Pérez tamén aproveitou a súa intervención para enxalzar a FP galega, un “modelo de referencia en toda España, que busca estar actualizado segundo as demandas e necesidades da sociedade, e impulsar a internacionalización ”.

Nesta xornada, pensada para as redes e organizacións dedicadas á Formación Profesional e ao aprendizaxe de adultos, búscase conformar unha FP máis sostible, onde cada centro teña a oportunidade de cambiar mentalidades. O obxectivo principal é dotar aos centros das ferramentas necesarias para desenvolver estratexias e metodoloxías nesta materia, plans de estudo orientados ao futuro e iniciativas que apoien os enfoques previstos das organizacións expertas en sustentabilidade medioambiental.

Tres días de aprendizaxe

A xornada prolongarase ata o 11 de xullo contando con mesas redondas, conferencias e visitas a centros de Formación Profesional. Tras a inauguración, profesionais do sector e expertos internacionais porán o foco na internacionalización, na sustentabilidade medioambiental e na Formación Profesional, así como na presentación de accións sostibles Erasmus+, como os espazos verdes galegos e as sendas de Santiago de Compostela.

Xa o mércores, os asistentes a estas xornadas anuais de difusión do National VET Team España poderán profundizar nos retos do futuro e na combinación da formación, o Pacto Europeo polo Clima e as mobilidades. Finalmente, o xoves realizaranse visitas aos centros integrados de FP CIFP Someso da Coruña, CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e CIFP Politécnico de Santiago, para conformar unhas conclusións sobre a importancia da oferta formativa de cara á internacionalización.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O secretario xeral de Universidades supervisa o proceso de matrícula gratuíta na Universidade da Coruña para asegurar o seu correcto funcionamento

Novas portal educativo - Mar, 09/07/2024 - 09:48
Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, participaron hoxe nunha proba de matrícula a modo de simulacro para comprobar de primeira man o correcto funcionamento do sistema que posibilita a medida da Xunta de Galicia da matrícula gratuíta. Con isto reflíctese o firme compromiso que o Goberno galego ten no apoio ás familias e na igualdade de oportunidades no acceso á educación, neste caso á educación superior.

A Consellería e as universidades levan varios meses traballando na configuración técnica desta aplicación, que estará dispoñible a partir de mañá, cando as tres universidades públicas galegas abran a primeira quenda de chamamentos para inscrición. O proceso, que é o habitual de todos os anos, ten como única novidade que agora, ao cargar os datos persoais, no apartado de bonificacións ou exencións aparece unha nova opción que é o abono do 99% da Xunta de Galicia. Unha vez concluída a matrícula e comprobado que se cumpran os requisitos, o beneficio é automático. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez supervisa o proceso de matrícula gratuíta nas universidades públicas galegas para asegurar o seu correcto funcionamento a partir do mércores

Novas portal educativo - Lun, 08/07/2024 - 12:54

Summary: 

O procedemento é o habitual de todos os anos, a través da aplicación informática específica que incorpora por primeira vez a medida de gratuidade da Xunta

O conselleiro subliña que a bonificación “é automática”, polo que as familias non teñen que adiantar ningunha contía pola matrícula universitaria dos seus fillos

Subliña que se materializa así o compromiso do Goberno galego de apoio ás familias blindando a igualdade de oportunidades no acceso á educación superior

Teñen matrícula de balde todos os que inicien estudos en primeiro curso así como os de segundo e posteriores cursos que superen unha porcentaxe de créditos entre o 65% e o 90% segundo a área de coñecemento

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, participaron esta mañá nunha proba de matrícula gratuíta a modo de simulacro para comprobar de primeira man o correcto funcionamento do sistema a partir do mércores, cando as tres universidades públicas galegas abren a primeira quenda de chamamentos para matrícula.

O obxectivo disto é, segundo detallou Román Rodríguez, asegurar que a nova medida “se aplica correctamente” para todos os estudantes que inician por primeira vez estudos universitarios de grao, así como para aqueles de continuidade nas tres universidades públicas galegas. Non en balde, a Consellería e as universidades levan varios meses traballando na configuración técnica desta aplicación.

O conselleiro explicou que o proceso “é o habitual de todos os anos” a través da aplicación informática da universidade onde o alumno resultara admitido: “A única novidade é que agora, ao cargar os datos persoais, no apartado de bonificacións ou exencións aparece unha nova opción que é  a bonificación do 99% da Xunta de Galicia”. Tamén subliñou que, unha vez concluída a matrícula e comprobado que se cumpren os requisitos, a bonificación “é automática”, polo que as familias “non terán que adiantar ningunha contía”.

Román Rodríguez aproveitou para poñer en valor a importancia desta medida, que “reflicte o firme compromiso que temos no apoio ás familias e na igualdade de oportunidades no acceso á educación, neste caso á educación superior”.

Así pois, esta semana comeza a aplicarse a gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos.

Bonificación do 99%

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obtén unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custe da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en adiante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no 2023-24 e matricularse no curso 2024-25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de crédito matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, poderanse beneficiar de novo da conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumprir os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89€/crédito.

Ensinanzas artísticas Superiores

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de aceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% das totalidade deses créditos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O 75% dos centros educativos desenvolverán o vindeiro curso algún programa de plurilingüismo

Novas portal educativo - Lun, 08/07/2024 - 12:52

Summary: 

Un total de 511 centros que imparten Infantil, Primaría, ESO ou Bacharelato participarán nestes programas, un 60% máis ca no curso 2017/18

Tamén se benefician desta iniciativa as etapas de Formación Profesional e as escolas de ensinanzas artísticas, cuxas convocatorias aínda se atopan en marcha

Máis auxiliares de conversa, seccións bilingües ou bolsas para acreditar o nivel de idiomas forman parte do paquete de medidas da Xunta nestas aprendizaxes

O informe de EF, considerado como a referencial na avaliación destas competencias, sitúa ao alumnado galego como o segundo con mellor nivel de inglés en España

Idioma Gallego

O 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos na nosa Comunidade desenvolverán o vindeiro curso académico algún programa de plurilingüismo nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato. Así o recolle o informe analizado hoxe no Consello da Xunta, segundo o que 511 centros beneficiaranse desta iniciativa desde setembro, un 60% máis ca no curso 2017/18. Son 11 máis que no curso que vén de rematar, pero esta cifra aínda medrará, pois nestes momentos están en marcha as convocatorias para os centros de Formación Profesional (pendente de resolución) e de ensinanzas artísticas, en prazo de presentación de solicitudes ata o 17 de xullo.

Por etapas, 250 centros imparten plurilingüismo en Infantil. Isto multiplica por tres os que se sumaron á iniciativa desde a súa creación. En Primaria ou ESO, ou en ambas etapas son 460. Outros 15 centros formarán parte do programa en Bacharelato. A falta de datos do vindeiro curso para FP, cómpre lembrar que este ano formaron parte del 26 centros, así como dúas escolas de arte e superiores de deseño na Coruña e Lugo.

Esta fórmula -que implica impartir ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira, entre outras medidas e beneficios- comezou no curso 2010/11 en Primaria e Secundaria. A partir do curso 2017/18, a Consellería de Educación ampliouno a Infantil, Bacharelato e FP. Ademais, no curso 2022/23 completouse a oferta coas ensinanzas artísticas.

Avance na aprendizaxe de idiomas

Para facilitar este avance na aprendizaxe de idiomas (maioritariamente inglés), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten despregados numerosos recursos a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe2030. Un dos máis destacados son os auxiliares de conversa de apoio, que no próximo curso acadarán a cifra récord de 665, o que multiplica por 100 os 67 que había en 2009. Grazas a estas iniciativas, o alumnado galego sitúase hoxe como o segundo con mellor nivel de toda España, segundo o informe de avaliación de EF, referencia nesta materia.

As persoas auxiliares achegan a realidade cultural e lingüística dos seus países de orixe, aportan a compoñente de multiculturalidade aos centros e levan a cabo un importante servizo complementario para o apoio ao ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira.

Ademais dos centros plurilingües, outros moitos optan por contar con seccións bilingües, na que un grupo de alumnos cursa unha área, materia ou módulo de materias non lingüísticas de maneira bilingüe. Trátase dunha iniciativa en marcha desde hai máis de 15 anos, que no seu momento foi pioneira en España, e que no curso que vén de rematar acadou as 5314 seccións. Para o próximo curso, a convocatoria debe aínda resolverse.

Acreditación do alumnado

A Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras contempla que o alumnado que participa na mesma debe finalizar a súa escolarización cunha acreditación dos niveis B1, B2 ou C1 co obxectivo de mellorar o seu acceso a outra formación superior ou ao mercado laboral.

Para facilitar a todo o alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e FP a certificación do seu nivel en linguas estranxeiras, a Consellería de Educación ofrece unha bolsa de 100€ por estudante para sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas

No curso 2023/24 participaron nestas probas financiadas pola Xunta un total de 5.500 alumnos. O número de prazas ofertadas multiplicouse por 6 desde 2017/18.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta reforza a rede de Centros Integrados de FP coa incorporación da Escola de Cantería de Galicia, especializada en edificación, construción e cantería

Novas portal educativo - Lun, 08/07/2024 - 12:45

Summary: 

O Consello deu luz verde ao decreto que suporá un impulso deste oficio fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Refórzase a oferta formativa con catro ciclos, incluído a nova titulación de alta especialización de Pedra natural en cantería

Con este, son xa 28 os centros integrados de FP, o triplo que en 2009, que son referentes en formación de calidade, emprendemento e empregabilidade

Idioma Gallego

O Goberno galego vén de reforzar a Rede de Centros Integrados de FP coa incorporación á mesma do novo CIFP Escola de Cantería de Galicia, en Poio, como centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, tal e como se reflicte no decreto de transformación desta escola en CIFP aprobado hoxe no Consello da Xunta.

Con este paso, o Goberno galego reforza a estrutura estratéxica da FP galega, aumentando ata 28 o número de CIFP dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/2025, fronte aos nove que había en 2009, o que significa multiplicar por tres o número total.

Na práctica, a transformación desta escola en centro integrado tradúcese nun reforzo da oferta académica con catro novas titulacións para o vindeiro curso, entre as que se atopa a titulación de alta especialización en Pedra Natural en cantería, unha das 13 novas deste tipo que se incorporan a partir de setembro en Galicia, con 22 prazas.

A maiores, neste novo CIFP tamén se poderá cursar o ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), e os ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas). Suman un total de 92 prazas de nova oferta para o vindeiro curso e o compromiso de seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.

Plásmase así o reforzo da oferta vinculada á construción e restauración de edificacións en pedra e ao deseño a produción e á restauración de pezas artísticas en pedra. Ademais, tamén se impulsa a formación no ámbito artístico mediante a produción de elementos escultóricos en pedra, incluíndo a súa restauración.

Títulos homologados

Este impulso enmárcase no compromiso acadado logo de que o Goberno autonómico asumira o ano pasado a titularidade da Escola de Cantería de Poio, -ata aquel momento dependente da Deputación de Pontevedra-, para convertese nun centro público docente dependente da Consellería de Educación.

Un cambio que se traduce en melloras importantes para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinanzas que eran consideradas como formación non formal pasan a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

Por outra parte, a ampliación da rede de centros de FP enmárcase nun dos obxectivos recollidos na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institucións.

Na pasada lexislatura creáronse sete novos centros integrados, aos que se engade agora a Escola de Cantería de Galicia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta apoia a mobilidade dos universitarios galegos dentro e fóra da Unión Europea e a súa participacion en cursos de idiomas no estranxeiro

Novas portal educativo - Dom, 07/07/2024 - 05:34

Summary: 

Ata o 22 de xullo pódense solicitar axudas de entre 1.700€ e 2.500€ para participar o vindeiro curso en programas de mobilidade con países extracomunitarios

Un total de 186 estudantes mellorarán as súas competencias en idiomas este verán a través das bolsas da Xunta para estadías formativas no estranxeiro

A maiores, dentro do programa Erasmus+, este curso concedéronse bolsas de entre 366€ e 2.255 € a un total de 1050 estudantes das universidades galegas

Idioma Gallego

A Xunta apoia un curso máis a mobilidade dos estudantes galegos e a súa participación en cursos de idiomas no estranxeiro. Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten aberta a convocatoria das bolsas para o alumnado das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participe en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2024-2025 fóra do ámbito do programa Erasmus+.

Cun orzamento total de 284.000€, o importe consignado para cada estudante nas súas estadías varía en función do país de destino, así será de 1.700€ para intercambios realizados en Europa e de 2.500€ para o resto do mundo. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 22 de xullo e formalizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para solicitar a bolsa, o estudante deberá estar matriculado no curso 2024/25 en calquera grao das universidades públicas galegas e participar no devandito programa de mobilidade. Non poderán recibir a axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española e con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe. No curso 2023/24 recibiron estas axudas un total de 65 estudantes das universidades públicas galegas.

Estadías para a mellora de idiomas

Ademais, un total de 186 estudantes das universidades públicas galegas mellorarán as súas competencias en idiomas este verán a través das bolsas da Xunta para estadías formativas no estranxeiro. O Diario Oficial de Galicia publicou xa a resolución destas axudas, que teñen como obxectivo que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras, capacidade de estudo e de traballo no contexto internacional. Cada alumno recibe unha axuda de entre 1.200€ e 1.500€ para realizar estadías de formación lingüística nalgún país estranxeiro entre o 15 de xuño e o 31 de agosto.

Do total dos 186 bolseiros, 137 (o 73%) son mulleres e 49 (o 26%) son homes. Por universidades, 79 estudan na de Santiago de Compostela, 59 na de Vigo e 48 na da Coruña. O país ao que máis se desprazan os alumnos é Malta (62 estudantes), seguido de Irlanda (54) e Reino Unido (24). Séguenlle Italia (11), Canadá e Francia (ambos 10 alumnos).

A rama de coñecemento na que están matriculados máis bolseiros é Ciencias Sociais e Xurídicas (95 estudantes), seguida de Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades, ambas as dúas con 27 alumnos. A maiores, 23 beneficiados cursan estudos de Enxeñaría e Arquitectura e outros 14 da rama de Ciencias. O ano pasado participaron neste programa 160 universitarios.

Complementarias Erasmus

A maiores, a Xunta concedeu neste curso 2023/24 axudas complementarias ás do programa de mobilidade europea Erasmus+ a un total de 1.050 alumnos –650 mulleres e 400 homes– das tres universidades públicas. Segundo a resolución publicada polo Diario Oficial de Galicia, 468 dos beneficiarios cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela, 323 na Universidade de Vigo e 259 na Universidade da Coruña.

Por área de coñecemento, 533 dos beneficiarios son alumnos de Ciencias Sociais e Xurídicas, 147 de Enxeñería e Arquitectura, 146 de Ciencias da Saúde, 118 de Artes e Humanidades e 106 de Ciencias. Os países nos que máis realizan o Erasmus os beneficiados son, ao igual ca no curso pasado, Italia (278) e Polonia (219).

A Consellería destina un orzamento de 1,5M€ a esta convocatoria. A contía das bolsas oscila, en función da duración da mobilidade (entre tres e nove meses) e do país de destino, entre os 366€ e os 2.255€, sendo a axuda media de 1.555€. Cómpre sinalar que, ademais do importe por duración e destino, 688 alumnos perciben unha asignación adicional de 500€ por ter unha estadía igual ou superior aos cinco meses.

Igualdade de oportunidades

Estas axudas enmárcase dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar e completar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

As axudas teñen como obxectivo mellorar e perfeccionar o progreso do alumnado das universidades galegas. De esta maneira, tamén se consegue o progreso da sociedade no seu conxunto e constitúe a base para proporcionar o capital humano altamente cualificado e formado que precisa Galicia para afrontar os retos futuros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta convoca cursos gratuítos para preparar o Celga e de linguaxe administrativa nas Escolas Oficiais de Idiomas

Novas portal educativo - Sáb, 06/07/2024 - 06:01

Summary: 

As solicitudes presentaranse a través da plataforma da Escola Oficial de Idiomas dixital

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de convocar novos cursos preparatorios para as probas de acreditación de certificación de lingua galega (Celga), así como de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña que se impartirán entre outubro deste ano e maio de 2025 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia (EOI) de oito cidades.

As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán realizar unha inscrición telemática a través do enderezo web habilitado. O prazo vai do 6 ata o 12 de xullo de 2024 para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro), e do 11 ata o 22 de novembro de 2024 para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Tanto os cursos preparatorios Celga (de 60 horas de duración), como os de linguaxe administrativa galega, non teñen custo para o alumnado e pódenos solicitar aquelas persoas maiores de dezaseis anos, ou quen os faga en 2024, que desexen preparar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificaren a súa competencia en lingua galega, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados públicos das administracións autonómica, local ou da Administración periférica do Estado na comunidade, agás o persoal docente e sanitario. Todos os solicitantes deberán estar en posesión dalgún certificado como o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, ou cursos básicos de linguaxe administrativa.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta apoia o desenvolvemento de 45 proxectos de innovación aplicada deseñados por centros de FP que destacan polo seu potencial

Novas portal educativo - Ven, 05/07/2024 - 10:37

Summary: 

Román Rodríguez subliña a calidade destas iniciativas de carácter científico que os alumnos implementan ao longo do curso e que contan coa colaboración empresarial

A rede de Centros Integrados de FP aglutina o 60% destas accións que son un exemplo de traballo colaborativo e transferencia de coñecemento

O Goberno galego leva mobilizados uns 10M€ en iniciativas de innovación aplicada na FP, co apoio de 66 centros, 2.400 docentes e 450 empresas

Idioma Gallego

Os centros galegos de Formación Profesional desenvolven este ano un total de 45 proxectos de innovación aplicada que contan co apoio da Xunta ao abeiro da convocatoria anual para este fin impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e dotada con 1M€ de orzamento.

Tal e como avanzou hoxe o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, todos eles veñen de ser recoñecidos cos Premios de Innovación da FP “polo seu destacado potencial innovador, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades”.

Así o sinalou esta mañá durante unha visita ao Centro Integrado de FP CIFP Politécnico de Santiago, que é un dos galardoados na convocatoria deste ano por un proxecto sobre recuperación e temperamento da gaita porteña e outras gaitas de chaves galegas, que recibiu 42.000 euros da Xunta de Galicia.

O titular de Educación do Goberno galego puido coñecer de primeira man esta iniciativa ao tempo que se informou da colaboración deste centro noutros proxectos como o Sunwind (estación de traballo móbil con enerxía fotovoltaica) co CIFP Ferrolterra e un de Modificación xenética de lévedos para a produción de beta-caroteno para uso na industria alimentaria co CIFP Coroso de Ribeira.  “A través de iniciativas coma esta avánzase na posta en valor o talento do alumnado da FP e na potenciación de iniciativas emprendedoras, contribuíndo ao desenvolvemento tecnolóxico e á mellora de competitividade do tecido produtivo galego”, abondou o conselleiro.

Impulso ao emprendemento

Así mesmo subliñou que o compromiso da Xunta “na procura da calidade e a excelencia na FP e o fomento do emprendemento” se plasma na mobilización de en torno a 10 millóns de euros en proxectos de innovación aplicada na Formación Profesional que contan co apoio de 66 centros educativos, 2.400 docentes e a participación de arredor de 450 empresas colaboradoras.

O apoio a proxectos de innovación compleméntase coa mellora de espazos e dotacións tecnolóxicas nos institutos e centros de Formación Profesional. Neste senso, o CIFP Politécnico de Santiago é un dos 80 centros galegos que o vindeiro curso van contar cunha aula de tecnoloxía aplicada que está a implantar a Xunta co obxectivo de mellorar a cualificación dos estudantes, permitíndolles a simulación de centros de traballo e contornas laborais reais.

Neste contexto, a Rede de Centros Integrados de FP -composta por 27 centros- constitúe un referente neste ámbito e actúa como polo tractor das dinámicas de innovación e emprendemento en relación co resto dos centros que imparten Formación Profesional. Non en balde, os centros da Rede concentran o 60% dos proxectos de innovación da FP que se desenvolven en Galicia. Ademais, cinco deles -que concentran un investimento de preto de 4,4M€ da Xunta- forma parten da Rede Estatal de Excelencia de FP como centros punteiros a nivel nacional en distintos ámbitos.

Orixinalidade e viabilidade

Na implementación dos 45 proxectos premiados participaron 32 centros coordinadores, 34 centros colaboradores e 94 entidades. Do total, 26 deles correspóndense á modalidade de innovación tecnolóxica e científica e 19 á modalidade de innovación didáctica.

Por provincias, 16 dos proxectos galardoados correspóndense con centros da provincia da Coruña, 13 de Pontevedra, 11 de Lugo e 5 de Ourense. En canto á distribución por familias profesionais, destacan os proxectos do eido de Hostalaría e turismo, Transporte e mantemento de vehículos, Electricidade e electrónica e Instalación e mantemento.

Para a súa selección tivéronse en conta aspectos como a súa orixinalidade, viabilidade, colaboración con institucións educativas ou empresariais, participación activa do alumnado, as oportunidades potenciais de emprego xeradas e a planificación do proxecto. Outros aspectos de relevancia foron a importancia e impacto nos sectores correspondentes, a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe e a capacidade de transferir os resultados obtidos para outros centros de FP.

Tamén se valoraron especialmente aqueles proxectos susceptibles de ser continuados desde o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, para dar lugar a proxectos de emprendemento industrial.

File: 

PROXECTOS DE INNOVACIÓN APLICADA NA FP GALEGA Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Catro centros tecnolóxicos recibirán case 8 M€ da Xunta para mellorar as infraestruturas de investigación e ensaio

Novas portal educativo - Ven, 05/07/2024 - 10:30

Summary: 

O CTAG recibirá unha axuda de 4M€, mentres que AIMENT recibirá 3,2M€, Gradiant uns 263.000€ e CETIM 442.000€

Román Rodríguez destaca o compromiso do Goberno galego co fortalecemento e ampliación das capacidades científico-tecnolóxicas destes centros

O obxectivo é facilitar o seu crecemento potenciando a súa internacionalización e reforzar as súas actividades de transferencia cara o tecido produtivo

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantivo hoxe un encontro con representantes de catro centros tecnolóxicos para dar conta do apoio do Goberno galego aos seus proxectos de mellora de infraestruturas de investigación e ensaio, acadando os case 8M€. Concretamente, o titular de Ciencia reuniuse cos centros tecnolóxicos CTAG e AIMEN, con sede en Porriño, Gradiant, localizado en Vigo, e CETIM, de Culleredo.

Con esta liña de axudas, a Xunta apoia a creación e ampliación das infraestruturas de investigación e experimentación destes centros galegos, cubrindo desde a adquisición de terreos e equipamento ata a construción ou ampliación de edificacións e activos inmateriais. “Con estas axudas queremos contribuír ao fortalecemento e ampliación das capacidades científico-tecnolóxicas destas entidades”, sinalou Román Rodríguez.

Durante o encontro, o representante do Goberno autonómico explicou que o obxectivo conxunto é “acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional, así como facilitar o seu crecemento, excelencia e actividades cara ao tecido produtivo”. Ademais, os proxectos están orientados á xeración de capacidade nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.

Cada solicitude inclúe un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que permitirá comprobar a sustentabilidade financeira das mesmas e estimar o seu impacto potencial no ecosistema galego de innovación. A intensidade dos apoios é a máxima permitida para este tipo de axudas, o 50%, cofinanciadas con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Infraestruturas apoiadas

O CTAG, que obtén unha axuda de 4M€, realizará un investimento de 8M€ en infraestruturas de investigación asociadas ás liñas de investigación da mobilidade autónoma, conectada, segura e ecolóxica que caracterizan o futuro da industria do automóbil.

No caso de AIMEN, que recibirá algo máis de 3,2M€ e contará cun investimento total de 6,4M€, construirase un novo centro de fabricación intelixente, onde se lanzarán novas liñas de infraestruturas singulares de fabricación avanzada e sustentable e de dixitalización punteiras en ámbitos de grande impacto para Galicia como o transporte, a enerxía e a construción, así como reforzar e fortalecer as xa existentes.

Gradiant cun apoio duns 263.000 euros, ten como obxectivo a adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación a baixa escala para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e potencial de aplicación en diversos ámbitos, cun orzamento total de preto de 526.000 euros. En concreto, ditas actividades propoñen a investigación en tecnoloxías cuánticas, micro-nanoelectrónica e fotónica, computación confidencial, análise multimedia, tecnoloxías da linguaxe e, en xeral, intelixencia artificial aplicada.

O CETIM recibirá unha axuda de preto de 442.000€ dos 883.000€ que vai investir na mellora da súa excelencia científica e de investigación no eido da Economía Circular a través do proxecto ‘Circular Excellence CETIM’. Focalizará os seus esforzos nos seis ámbitos de investigación estratéxica do centro: baterías, augas, hidróxeno verde, polímeros sustentables, materiais de construción sustentable e industria sustentable.

Mantemento de 516 postos de traballo

Esta terceira convocatoria permitirá mobilizar ao redor de 16M€ contribuíndo ao mantemento de 516 postos de persoal altamente cualificado. En total, a través das tres convocatorias desta liña de axudas (2018, 2020 e 2024) téñense apoiado 19 proxectos con axudas por importe de 17M€, mobilizando 35M€. Pero non son as únicas axudas a centros tecnolóxicos, desde o 2009 a Xunta de Galicia leva destinados un total de 207M€ de apoio.

Estas infraestruturas ocupan unha posición destacada no ecosistema galego de I+D+i, pois “o seu papel é esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial”, concluíu o conselleiro de Ciencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos
Distribuir contido


by Dr. Radut