Skip to Content

Agregador de novas

Román Rodríguez celebra que o CESGA logre captar 47M€ de fondos europeos porque demostra “a gran calidade do seu proxecto e o liderado de Galicia”

Novas portal educativo - Mér, 24/07/2024 - 09:33

Summary: 

A nosa Comunidade consigue o 75% do total de fondos repartidos entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES) a partir do PERTE Chip

Esta tecnoloxía permitirá avanzar no descubrimento de novos medicamentos, no deseño de novos materiais ou na optimización dos procesos de produción na industria

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, celebra que o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) veña da captar un investimento de 47,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip. “Este feito amosa a gran calidade e a competitividade do proxecto do CESGA e o liderado de Galicia neste ámbito”, salienta o representante da Xunta.

Galicia é a comunidade que consigue unha maior achega entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES), formada por 14 supercomputadores distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. É dicir, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España. Agora, estes fondos europeos serán complementados con fondos propios do Goberno galego.

O proxecto do CESGA, presentadas dentro do Plan estratéxico da RES, demostra tamén, en opinión do conselleiro de Ciencia, “o compromiso de Galicia con estas infraestruturas que permitirán avanzar no descubrimento de novos medicamentos, no deseño de novos materiais, na optimización dos procesos de produción na industria ou na mellora da eficiencia enerxética, entre outros usos”, destaca Román Rodríguez.

Con isto, ademais, refórzase o “potencial de Galicia en ámbitos como a dixitalización ou as tecnoloxías cuánticas, que redundará na mellora da calidade dos servizos prestados á comunidade científica e na transformación dixital do tecido produtivo”, engade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez pon a Gradiant de exemplo de impacto económico e social coa creación de tres spin-offs

Novas portal educativo - Mar, 23/07/2024 - 13:11

Summary: 

O conselleiro de Ciencia visita o centro tecnolóxico de telecomunicacións para coñecer os proxectos que está a desenvolver co apoio da Xunta

Destaca a súa participación no programa Ignicia de transferencia de coñecemento da Xunta con catro proxectos e dúas empresas creadas

O centro, que destaca nos eidos da ciberseguridade e das comunicacións avanzadas (5G-6G), incorpora áreas de especialización en tecnoloxías cuánticas e fotónicas

Idioma Gallego

O titular de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro tecnolóxico de telecomunicacións de Galicia Gradiant, do que destacou o seu importante papel na transformación dos resultados da investigación en impacto real na economía e no emprego. De feito, o centro tecnolóxico xa ten creado tres spin-offs, dúas delas ao abeiro do programa Ignicia da Xunta de Galicia, que están xerando ingresos e creando emprego de alta cualificación.

Trátase das spin-offs Alice Biometrics, que ofrece unha solución de verificación de identidade remota baseada en intelixencia artificial, e Sense Aeronautics, que comercializa unha tecnoloxía propia de análise de vídeo que permite operacións con drons máis eficientes e seguras. Asemade, recibiu apoio a catro proxectos a través deste programa que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación. Ignicia ten apoiado desde 2016 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e tres acordos coa industria), a creación de máis de 120 empregos e a captación de máis de 20M€ en investimentos e financiamento público-privado.

Ademais, o conselleiro, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, subliñou a relevancia do centro en ámbitos como a ciberseguridade ou as comunicacións avanzadas (5G-6G) e o seu potencial nas areas de tecnoloxías cuánticas e fotónicas. No ámbito da ciberseguridade, Gradiant participou en dúas unidades mixtas de investigación coas empresas Telefónica e GIC-TEL., esta última aínda en activo. Por outro lado, no terreo da cuántica, o titular de Ciencia salientou a súa especialización en hardware cuántico e a súa participación na Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, impulsada pola Xunta de Galicia.

Por último, lembrou o rol do centro tecnolóxico no impulso á competitividade industrial, a través da colaboración en proxectos como Facendo Plus, liderado por Stellantis, e apoiado pola Xunta de Galicia, con financiamento europeo, a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentable. Así mesmo, apuntou a próxima adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e con potencial de aplicación en diversos ámbitos, como as tecnoloxías cuánticas, a fotónica ou a intelixencia artificial, entre outras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta destina 2,2 M€ a impulsar a competitividade das pemes galegas a través da innovación

Novas portal educativo - Mar, 23/07/2024 - 13:08

Summary: 

A Xunta de Galicia acaba de resolver a convocatoria do programa InnovaPeme, a través do que se apoian 34 plans de innovación que mobilizan 4,4M€, supoñen 25 novas contratacións e implican preto de 1M€ en subcontratacións con empresas tecnolóxicas e organismos de investigación

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita en Mos INTEGASA que está a desenvolver un plan de innovación co apoio deste programa para impulsar o seu crecemento, competitividade e sustentabilidade

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe en Mos a empresa INTEGASA, beneficiaria da convocatoria de axudas do programa InnovaPeme, cuxa edición de 2024 vén de resolverse. A través desta liña de axudas, 34 pemes galegas poderán executar plans de innovación para mellorar a súa capacidade innovadora. Para isto, a Xunta de Galicia destina preto de 2,2M€, cunha axuda media de máis de 64.500€, que mobilizarán case 4,4M€ en investimento.

Precisamente INTEGASA foi beneficiaria deste programa na edición de 2023, na que recibiu unha axuda de preto de 51.000 euros para executar un plan de innovación orzamentado en 101.000 euros. En concreto, a empresa, dedicada á fabricación e deseño de intercambiadores de calor e de recipientes a presión, está a executar un plan para impulsar a innovación a través da súa xestión, xeración de máis proxectos de I+D+i e implantación de novas tecnoloxías facilitadoras como a realidade aumentada.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incidiu na importancia destes apoios para impulsar o crecemento, a competitividade e a sustentabilidade das pemes galegas e puxo de exemplo a INTEGASA, que aposta pola innovación para mellorar a súa produtividade, aumentar a súa competitividade e sustentabilidade, desenvolver novos produtos e servizos, expandirse a novos mercados e incrementar a súa intensidade innovadora co apoio da tecnoloxía.

Apoio por sectores

Con esta nova resolución, 34 empresas poderán mellorar ou adaptar os seus procesos e a súa organización para ser máis eficientes, integrar tecnoloxías ou introducir novos produtos e servizos no mercado. Entre as beneficiarias figuran empresas do sector forestal e madeira, maquinaria para a industria da pesca, alimentación, sector servizos ou TIC, entre outras. En canto a tamaño, o 44,1% son microempresas, un 35,3% pequenas e un 20,6% medianas. Por provincias, a maioría das beneficiarias desenvolven os seus plans de innovación na Coruña (44,1%) e Pontevedra (29,4%), seguida de Ourense (14,7%) e Lugo (11,8%). Destaca que 19 destes plans se desenvolverán en concellos emprendedores.

Ademais, a execución destes plans suporá 25 novas contratacións de persoal (un 76% mulleres) e implica a 121 persoas. Cómpre subliñar a colaboración con empresas tecnolóxicas ou organismos de investigación por importe de preto dun 1M€ a través da subcontratación dos seus servizos, como no caso de INTEGASA que colabora coa Universidade de Vigo no desenvolvemento do seu plan de innovación.

Máis de 262 plans impulsados

Desde a súa posta en marcha, esta liña de axudas permitiu impulsar 262 plans cun investimento de preto de 20M€ mobilizando máis de 39M€. Nestas iniciativas empresariais teñen participado 1.220 persoas, das que 220 foron novas contratacións, e das que máis da metade foron mulleres ou persoas con diversidade funcional. Ademais, estes programas teñen favorecido a colaboración entre axentes de coñecemento de Galicia a través de máis de 350 subcontratacións con empresas tecnolóxicas e organismos de investigación galegos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta destina máis de 1,7M€ a cofinanciar a contratación de 50 científicos nas universidades cos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva

Novas portal educativo - Lun, 22/07/2024 - 11:54

Summary: 

O Consello autoriza os convenios a través dos cales a Consellería de Educación asume os gastos de incorporación a tempo completo destes investigadores

Así mesmo, reforza o apoio aos aspirantes ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para incrementar as súas posibilidades de éxito

Esta acción enmárcase dentro das liñas estratéxicas do Goberno galego de captación, formación e retención do talento no Sistema Universitario de Galicia

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia achegará máis de 1,7 millóns de euros ás tres universidades públicas galegas para a incorporación dun total de 50 científicos dos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva que traballarán como investigadores nos campus universitarios de Galicia nos próximos anos, sen que iso supoña ningún custo adicional para as arcas dos organismos universitarios. Así mesmo, o Consello autoriza a subscrición dun convenio coas tres universidades galegas e co CSIC para reforzar a actividade do persoal investigador que chegou á fase final das convocatorias de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para incrementar as posibilidades de éxito en vindeiras edicións.

En concreto, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a dous convenios de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo, segundo o cal o Goberno autonómico cofinancia a contratación de 36 científicos cunha traxectoria destacada e alto potencial investigador, beneficiarios do subprograma estatal Ramón y Cajal, e outros 14 investigadores do Programa Juan de la Cierva. Grazas ao apoio da Consellería, as universidades públicas poderán contratar os candidatos seleccionados a tempo completo durante os anos que duren estes programas e coas condicións establecidas nos mesmos.

Ademais, o Goberno galego tamén apoia o fomento da actividade de seis investigadores finalistas das axudas do Consello Europeo de Investigación no marco do programa Horizon Europe. Esta iniciativa busca impulsar a actividade dos investigadores que chegaron á fase final deste programa do ERC, pero non obtiveron apoio, para axudalos co fin de perfeccionar os seus proxectos e obter mellores resultados en vindeiras convocatorias.

Programa Ramón y Cajal

O obxectivo das axudas Ramón y Cajal é promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada e brillante en centros de I+D. Ao abeiro do convenio autorizado hoxe, o Goberno galego destina un total de 1.296.000€ a financiar a contratación de 36 investigadores deste programa Ramón y Cajal por parte das tres universidades galegas a razón de 14 na USC, 12 na UVigo e 10 na UDC.

A Consellería de Educación paga os custos de persoal que non ten financiamento na convocatoria estatal para que a súa contratación non lle supoña gasto ningún ás universidades públicas galegas. O acordo abrangue todo o período de vixencia do contrato (cinco anos), cunha contía por contrato de 36.000€, a razón de 6.000€/ano por persoa contratada durante os tres primeiros anos e 9.000€/ano durante os dous seguintes anos.

Programa Juan de la Cierva

O Consello tamén aprobou o convenio de colaboración entre a Consellería Educación, Ciencia, Universidades e FP e as tres universidades públicas galegas ao abeiro do cal financia con 140.000 euros á captación do talento de 14 investigadores (oito na USC, catro na UVigo e dous na UDC) a través do programa Juan de la Cierva na modalidade de formación.

A Consellería paga os custos de persoal que non ten financiamento público por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para que tampouco lle supoña gasto ningún ás universidades. Os contratos Juan de la Cierva teñen unha duración de dous anos. A Xunta aboará 5.000 euros por contrato ao ano.

A finalidade é incentivar ás universidades galegas para que se presenten á convocatoria deste programa Juan de la Cierva, sabendo que non teñen que pagar a parte que non financia o Ministerio. Asemade, foméntase a contratación de mozas e mozos doutores por un período de dous anos, para que completen a súa formación investigadora posdoutoral.

Programa ERC

Finalmente, na reunión semanal do Consello tamén se acordou destinar 300.000 euros a un convenio coas universidades públicas galegas, así como co CSIC, para seguir fomentando a actividade investigadora de candidatos que resultaron finalistas nas últimas axudas adxudicadas polo Consello Europeo de Investigación (ERC) e que non obtiveron financiamento. Así, búscase que desenvolvan actividades que melloren o seu proxecto de investigación para incrementar as súas posibilidades de obter a axuda do ERC en vindeiras convocatorias. Os candidatos finalistas pretenden tres á USC, un á UDC, un á UVigo e outro á Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, contando cada beneficiario cun total de 50.000 euros repartidos en dúas anualidades.

O obxecto desta iniciativa, enmarcada no Programa Oportunius, é reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos en termos de coñecemento e competitividade científica e económica.

Concretamente, os programas xestionados polo ERC apoian ao mellor persoal investigador de calquera nacionalidade que desexe realizar investigacións en calquera dos 27 estados membros da UE e os seus países asociados. A tal fin, o ERC conta con diferentes tipos de axudas e, deste xeito, o investigador contratado da UDC está subscrito ao programa europeo ERC Starting Grants, mentres que o de Vigo e do CSIC son do ERC Consolidator Grants. Dous científicos da USC participan no programa ERC Synergy Grant e outro no ERC Starting Grants.

Desde a posta en marcha do programa Oportunius no 2014 achegouse un total de 7,6M€ en apoios a investigadores finalistas e gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación e concedéronse 37 apoios a 27 investigadores finalistas das axudas do mesmo. Cabe destacar que cinco investigadores do elenco de finalistas acadaron posteriormente a axuda do ERC.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O Novo plan de investigación e innovación 2025-2027 aprobarase este ano para potenciar Galicia como territorio referente en I+D+I

Novas portal educativo - Lun, 22/07/2024 - 11:42

Summary: 

A Consellería de Ciencia informa ao Consello da Xunta do inicio dos traballos de elaboración coa participación de centros tecnolóxicos, investigadores e empresas

Galicia ten experimentado un gran avance nos últimos anos neste eido, con 751 millóns de euros de investimento e 12.350 persoas traballando

O Consello aproba modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, á que se incorporan oito novos departamentos ata un total de 32

Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informou hoxe ao Consello da Xunta do inicio do proceso de elaboración do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. Este instrumento concretará as iniciativas e apoios á I+D+i que a Xunta desenvolverá nos vindeiros anos para avanzar neste eido e potenciar Galicia como territorio referente. Así mesmo, aprobou modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, encargada de planificar e coordinar as actuacións e fondos da Comunidade nesta materia para ampliar o seu alcance e adaptala aos cambios nas estruturas orgánicas das consellerías e ampliar o seu alcance.

O novo plan incidirá, en grandes liñas, nunha maior eficiencia e impacto das políticas públicas de I+D+i no desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade, no impulso da colaboración público-privada, nunha Administración máis eficiente e eficaz na prestación dos servizos públicos e con maior capacidade de resposta ante os retos actuais da sociedade e na planificación como sinal de identidade da política de I+D+i.

O proceso de elaboración do anteproxecto do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 arranca neste mes de xullo coa avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027, contando coa participación dos membros deste sector. Posteriormente, definirase o enfoque estratéxico do plan, a través dunha reflexión interna e externa e da súa validación cun grupo de expertos e coa Comisión Interdepartamental. Finalmente, procederase á redacción do anteproxecto do plan e á súa aprobación polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación e polo Consello da Xunta de Galicia.

Crecemento por riba da media estatal

En Galicia realizouse un grande avance nos últimos anos en materia de I+D+i que se reflicte, a nivel cuantitativo, nun investimento récord na nosa Comunidade, con 751 millóns de euros, e o maior número de persoas traballando neste ámbito da nosa historia. Un investimento que se reflexa nos logros acadados, consecuencia do esforzo conxunto do sector público e o sector privado.

Ademais, a día de hoxe Galicia conta co maior número de persoas traballando: con 12.350 persoas, segundo datos da estatística do INE de gasto e persoal en I+D relativos a 2022. De feito, o persoal de I+D aumentou en Galicia entre o 2009 e o 2022 nun 43%, dez puntos máis que no conxunto do Estado.

O Plan galego de investigación e innovación responde a un mandato legal establecido na Lei, de fomento da investigación e da innovación de Galicia e coordínase con outro instrumento, a actual Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que establece os retos e prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia para o periodo 2021-2027. O obxecto do plan é o establecemento de obxectivos xerais e particulares no eido da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia, a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.

Máis membros na Comisión de I+D+i

Pola súa banda, a nova composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i inclúe a participación de oito departamentos máis, chegando aos 32, e tendo representación de todas as consellerías de Xunta de Galicia. Creada no ano 2020 por acordo do Consello da Xunta, ten encomendado o obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia con actuacións no ámbito da I+D+i.

Entre as tarefas realizadas por este órgano, cómpre destacar a elaboración do Decreto que regula a carreira investigadora, convertendo a Galicia na primeira Comunidade en España en regular a carreira profesional de todo o persoal de investigación dependente da Xunta e dos seus organismos; o deseño da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, a elaboración do mapa anual conxunto de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, a creación do portal colaborativo do ecosistema Innovarede ou a definición e concreción das nove propostas de Compra Pública de Innovación que optan a financiamento europeo a través da liña FID do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Como próximas actuacións, entre outras, compételle participar na definición do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ou na elaboración da próxima lei de ciencia e innovación de Galicia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Sandiás colaborarán no peche e na ampliación do pavillón polideportivo a carón do colexio

Novas portal educativo - Lun, 22/07/2024 - 11:36

Summary: 

A obra terá un orzamento de case 400.000 €, dos que o Goberno galego achegará 180.000 €

O obxectivo é mellorar os equipamentos públicos no rural, de tal xeito que sexan máis útiles a escolares e veciños

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Sandiás colaborarán no peche e na ampliación do pavillón polideportivo a carón do colexio desta localidade ourensá. A obra terá un orzamento de case 400.000 €, dos que o Goberno galego achegará 180.000 € a través das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

O Consello da Xunta deu luz verde ao acordo de colaboración entre as devanditas institucións para acometer esta actuación, que ten como obxectivo mellorar os equipamentos públicos deste concello rural, de tal xeito que sexan máis útiles a escolares e veciños.

Na actualidade, a pista polideportiva dispón dunha sinxela cuberta a dúas augas montada sobre unha estrutura de pórticos metálicos. A obra planificada prevé o seu peche perimetral e a súa ampliación pola parte sueste coa finalidade de dotar a instalación de vestiarios, ximnasio e aseos.

A Deputación Provincial de Ourense será a encargada de contratar e executar as obras, para as cales achegará a contía de 110.000 €. Pola súa parte, o Concello de Sandiás, entidade titular do polideportivo, achegará a contía de 109.999,86 €.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Escola de Cantería cede dúas esculturas ao concello de Lalín

Novas portal educativo - Sáb, 20/07/2024 - 09:25
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, visitaron hoxe as dúas pezas de cantería realizadas polos alumnos da Escola de Cantería de Poio e cedidas ao Concello de Lalín.

 

As esculturas son un Santiago Peregrino, colocado nunha zona de paso dun dos Camiños de Santiago que cruza Lalín, concretamente na praza do Camiño de Inverno, e un pequeno porquiño, icona da cultura popular do Deza, situado nas inmediacións da praza de Abastos. Ambas as dúas pezas son mostra do potencial do oficio de cantería en Galicia, un dos máis antigos e representativos, no que é preciso garantir o relevo xeracional.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez coñece os proxectos de CETIM aos que a Xunta apoia con máis de 8M€

Novas portal educativo - Ven, 19/07/2024 - 09:47

Summary: 

O conselleiro de Ciencia visita as instalacións deste centro tecnolóxico multisectorial para coñecer as iniciativas nas que traballan

O Goberno galego ven colaborando coas súas iniciativas de investigación e ampliación de capacidades

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) para coñecer as súas instalacións e os numerosos proxectos nos que traballan co obxectivo de crear valor económico e social a través do coñecemento, a ciencia e as tecnoloxías.

 

En concreto, o representante da Xunta de Galicia coñeceu, da man do director xeral de CETIM, Toni Pons, o futuro Centro de Excelencia para a Competitividade en Economía Circular ou o proxecto Circular Excellence CETIM, iniciativa esta última apoiada pola Consellería a través da dotación de equipamento avanzado cun investimento de 1M€.

 

Tamén se presentaron outros proxectos nos que está somerxido CETIM como H2 verde, co que se busca producir e almacenar hidróxeno verde a partir do desenvolvemento de materiais sustentables que melloran os procesos actuais a niveis económico e medioambiental, ou Dickens, que se focaliza na creación de biocompostos a través de fontes naturais como aceites vexetais, a través do que se poden conseguir produtos sostibles para o sector do plástico (fabricación aditiva, pezas compostas) ou para a construción. Púxose en valor tamén o proxecto 0Accidntes, co que se investigan tecnoloxías dixitais para reducir a tasa de accidentes laborais en construción.

 

O titular de Ciencia afirmou que o “traballo que desenvolve este centro tecnolóxico é unha mostra clara do gran crecemento de Galicia no campo da innovación”, comprometido co impulso dos centros tecnolóxicos de Galicia debido a que son “elementos fundamentais para converter a nosa Comunidade nun referente no eido da innovación, sustentabilidade e colaboración público-privada”.

 

Apoio do Goberno galego

A través do apoio económico do Goberno galego, que desde a creación do centro leva investido directamente máis de 8M€, CETIM dispón de varias unidades mixtas de investigación, entre as que destaca o desenvolvemento de Volta. Cun orzamento de máis de 2M€, este proxecto ten por obxectivo obter baterías cunha alta densidade enerxética, sustentables e con longa vida útil baseadas no elemento químico silicio para o seu uso en mobilidade eléctrica. “Este e todos os proxectos das unidades mixtas de investigación facilitan a vida das persoas, e conscientes diso, levamos apoiado desde 2014 un total de 55 unidades coa participación de 39 empresas e 14 centros de coñecemento, o que supuxo a mobilización de 155M€”, remarcou Román Rodríguez.

 

Ademais, a Xunta de Galicia colabora con outros proxectos de CETIM a través da iniciativa Fábrica Intelixente e Sustentable 2024, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que favorece a innovación galega e a xeración de emprego. Para que esta entidade continúe crecendo e consolidándose como un centro punteiro, o departamento de Ciencia aporta o 50% ao fortalecemento e ampliación das capacidades deste centro, que conta cun orzamento de 888.753 euros ata 2026, cofinanciado pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Así mesmo, tamén se traballa en conxunto para a consolidación e estruturación dos centros tecnolóxicos achegando un financiamento basal.

 

Outros proxectos

Actualmente, CETIM conta con 90 traballadores e ten unha facturación de 6,33M€. Dentro do seu carácter multisectorial e as súas áreas de traballo, nas que se inclúen os novos materiais, as biotecnoloxías ou a industria dixital, o centro tecnolóxico está a desenvolver uns 60 proxectos e conta con 280 clientes.

 

Entre eles, atópase a investigación de nanopartículas de celulosa para crear con elas produtos industriais, a conformación de sistemas intelixentes capaces de xestionar obras ou o traballo centrado na procura de solucións innovadoras para loitar contra a deforestación a través dos fungos e os tecnosolos (chans artificiais).

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta confía en captar novos investimentos europeos para que o CESGA reforce o liderado de Galicia na investigación cuántica

Novas portal educativo - Xov, 18/07/2024 - 12:37

Summary: 

O conselleiro de Ciencia preside o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, que acorda a elaboración dun mapa de capacidades das tecnoloxías cuánticas en Galicia

Idioma Gallego

A Xunta confía en captar novos investimentos europeos para o CESGA e reforzar así o liderado de Galicia na investigación cuántica. Así o expuxo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, esta mañá durante o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas.

 

Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou que estas tecnoloxías son “unha prioridade para Galicia, dado que a súa aplicación permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, optimizar os procesos de produción ou mellorar a eficiencia enerxética, entre outros usos”. O titular de Ciencia convidou a todos os membros da rede a seguir colaborando para aproveitar as grandes capacidades de Galicia neste ámbito e xerar sinerxias.

 

De feito, Galicia é “un territorio pioneiro en materia cuántica” -apuntou Román Rodríguez- que conta con infraestruturas de gran relevancia como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou o Vigo Quantum Communication Center, dependente da Universidade de Vigo, e un tecido empresarial “que entendeu o potencial innovador e transversal desta tecnoloxía para o seu crecemento”.

 

O conselleiro agradeceu o compromiso de todos os membros da rede -universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, sector empresarial e Administración- “para avanzar na xeración de oportunidades para a investigación e o traballo en tecnoloxías cuánticas”, que sitúe a Galicia como referente nestas tecnoloxías para atraer talento, investimento e oportunidades para a nosa industria.

 

Novos membros da rede

Na xuntanza desta mañá deuse a benvida a dous novos membros da rede, os centros tecnolóxicos Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), sumando actualmente 15 membros. Asemade, constituíronse dous comités executivos coa misión de acadar obxectivos concretos e desenvolver accións estratéxicas a medio e longo prazo, centrados en hardware e software cuántico (liderado polo centro tecnolóxico Gradiant) e nas aplicacións das tecnoloxías cuánticas (liderado polo hub de innovación dixital DIHGIGAL) e informouse das próximas actuacións. Entre elas, destaca a elaboración dun mapa de capacidades e da cadea de valor das tecnoloxías cuánticas en Galicia.

 

A creación desta rede inscríbese no impulso da nosa Comunidade ás tecnoloxías cuánticas a través do lanzamento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia no ano 2022 coa misión de converter a Galicia nun referente europeo destas tecnoloxías no horizonte do ano 2030.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta inicia os traballos para modificar o Decreto de ensinanzas universitarias co fin de afianzar unha oferta innovadora e adaptada á demanda social

Novas portal educativo - Xov, 18/07/2024 - 09:51

Summary: 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse cos vicerreitores de Titulacións das tres universidades públicas galegas na primeira sesión de traballo ao respecto

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, mantivo hoxe unha reunión cos vicerreitores de Titulacións das tres universidades públicas galegas para iniciar os traballos de modificación do Decreto que regula as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, que data de 2011, co fin de adaptalo ao actual contexto nesta materia.

 

Con esta primeira xuntanza de traballo, o Goberno galego dá cumprimento ao acordo parlamentario onde se instaba á Xunta a revisar o mencionado decreto 222/2011. Así pois, a través deste grupo de traballo entre a Consellería de Educación e as tres universidades públicas galegas vaise implementar a actualización desta normativa co obxectivo de seguir impulsando unha oferta formativa universitaria innovadora, adaptada á demanda social e ao contexto nacional e internacional, así como ao marco xurídico actual.

 

Por parte das universidades participaron na xuntanza os vicerreitores de Titulacións María José López pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Moisés Canle pola Universidade da Coruña (UDC) e Alfonso Lago pola Universidade de Vigo (UVigo).

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta investirá máis de 400.000€ en obras de mellora en tres centros educativos en Noia durante este verán

Novas portal educativo - Xov, 18/07/2024 - 09:01

Summary: 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pecha co alcalde da localidade a planificación dos traballos, a meirande parte dos cales se van a iniciar de inmediato

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, vén de pechar co alcalde de Noia, Santiago Freire, un conxunto de actuacións de mellora en tres centros educativos da localidade, por un importe que superará os 400.000 euros, tal e como abordaron nunha reunión de traballo esta mañá na que tamén participou o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila.

 

Segundo a planificación acordada, a meirande parte das obras vanse realizar xa de xeito inmediato e atinxen ao Colexio CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso e aos institutos IES Virxe do Mar e Campo de San Alberto.

 

No caso do Colexio Rodríguez Cadarso, a Xunta vai iniciar en breve a reforma da cuberta do patio de Infantil por un importe de 30.000 euros, a renovación da instalación eléctrica (24.000 euros) e da rede de pluviais (5.000 euros). A maiores, neste centro tamén se planificou a substitución das ventás, unha obra que se levará a cabo máis adiante.

 

No Instituto IES Virxe do Mar este verán vaise proceder ao revestimento da fachada, que absorbe un orzamento de 42.600 euros, e á adecuación de novos espazos aproveitando a casa do conserxe, con 6.000 euros de investimento.

 

Finalmente, no Instituto IES Campo de San Alberto, nestes momentos a Consellería está redactando o proxecto para a renovación da cuberta, cun orzamento estimado de 300.000 euros. A isto súmase a obra recen feita de dotación de sistemas fotovoltaicos por un importe de 25.000 euros.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez entrega os diplomas aos participantes dos obradoiros formativos da Orquestra Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Novas portal educativo - Xov, 18/07/2024 - 08:39
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, entregou os diplomas formativos aos participantes dos obradoiros da Orquestra Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Estes obradoiros, que supoñen a creación da primeira banda entre ambos os países, teñen como obxectivo crear música e fortalecer os lazos entre a cultura galega e a portuguesa, ademais de fomentar a inclusión e a cohesión territorial.

 

A xornada forma parte do IKFEM Festival, que promove a cooperación entre 26 concellos galegos e portugueses, e inclúe na súa programación as actuacións de Salvador Sobral e Marco Mezquida. Durante a visita, o titular de Educación e Ciencia da Xunta destacou a importancia de promover a identidade común dos pobos galego e portugués, nunha perspectiva xeral de integración do mundo lusófono.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta concede 53 bonos de innovación para mellorar a capacidade innovadora de 48 pemes galegas e entidades do terceiro sector social

Novas portal educativo - Mér, 17/07/2024 - 08:16

Summary: 

Os beneficiarios poderán contratar servizos de apoio á innovación como o desenvolvemento de novos produtos ou de xestión de financiamento á I+D+i

Acougo destinará esta axuda a validar unha metodoloxía innovadora de intervención psico-social, baseada en Lego Serious Play, para aplicala ás necesidades das familias e dos menores

Nas tres convocatorias de Bonos de Innovación, concedéronse 197 bonos a 177 pemes mobilizando preto de 3,7M€ grazas a un apoio público de 2,5M€

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a sede da Asociación de Familias de Acollida Acougo, para dar a coñecer a resolución da liña de axudas Bonos de Innovación.

 

O titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que 48 pemes, autónomos, microempresas e entidades do terceiro sector de acción social recibirán 53 bonos para contratar servizos de apoio á innovación (protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos) e xestionar financiamento adicional para I+D+i.

 

A sede da Asociación de Familias de Acollida (Acougo) recibirá unha axuda de preto de 21.000 euros a través de Bonos de Innovación para validar unha metodoloxía innovadora de intervención psico-social, baseada en metodoloxías de xogo, e adaptala ás necesidades das familias e das crianzas do sistema de protección, tanto en acollemento familiar como residencial. Esta metodoloxía, baseada en Lego Serious Play, permitirá mellorar os servizos que ofrecen, así como ofrecer formación e servizos a outras administracións ou entidades que o demanden.

 

Datos por empresas e provincias

En conxunto, a Xunta concede preto de 739.000 euros de axuda a través desta liña de axudas, que permitirá mobilizar máis de 1M de euros de investimento en innovación por parte das pemes galegas. En canto á tipoloxía de beneficiario, máis da metade dos beneficiarios son pequenas empresas (50,9%), seguidas de microempresas (37,7%) e medianas empresas (11,3%). Entre elas, destaca a concesión de axudas a tres entidades do terceiro sector de acción social, o que permitirá apoiar a innovación social en colectivos relacionados coa asistencia a familiares con Alzheimer e outras demencias e coa autonomía persoal e o apoderamento das persoas con diversidade funcional, ademais das familias de acollida de menores. Por provincias, practicamente a metade dos Bonos están afincados na provincia de Pontevedra (26), un 34% na da Coruña (18), un 11,3% en Lugo (6) e o 5,7% restante en Ourense (3).

 

Por modalidade de axuda, o 82,1% dos bonos irán destinados a contratar actividades relacionadas coa protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos. Entre os beneficiarios figuran empresas do sector forestal e da madeira, de maquinaria para a industria da pesca, de alimentación, do sector servizos ou das TIC, entre outros. A axuda media desta liña é de máis de 24.000 euros. Por outra banda, preto dun 11% da axuda total irá para a tramitación de novas solicitudes de financiamento de actividades de I+D+i en convocatorias de axuda estatais e, por último, un 7% do orzamento será para a xestión de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador (ambas cunha axuda media de 4.700€).

 

Balance de todas as edicións

Desde a posta en marcha desta liña de axudas no 2022, concedéronse 197 bonos a 177 pemes, dos que máis do 86% foron para microempresas e pequenas empresas. Nas tres edicións, mobilizáronse preto de 3,7M€ en innovación nas pemes galegas a través dos máis de 2,5M€ de axudas públicas concedidas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Máis de 54.000 persoas presentan solicitudes para cursar FP o próximo curso, con especial demanda nos másteres e na modalidade dual intensiva

Novas portal educativo - Mér, 17/07/2024 - 08:00

Summary: 

Confírmase de novo un máximo histórico de peticións que avala o interese destas ensinanzas en Galicia

O 56% dos 821 ciclos ofertados xa están completos na primeira adxudicación de prazas que se vén de resolver

As persoas adxudicatarias teñen de prazo ata o día 22 para confirmar a matrícula

Idioma Gallego

Un total de 54.151 persoas veñen de presentar solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional en Galicia o vindeiro curso, o que representa un incremento do 5,24% (2.697 solicitudes máis) con respecto ao curso 2023-24. Estas cifras supoñen acadar de novo un máximo histórico que confirma o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia, con 2.697 solicitudes máis.

 

Os datos recabados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, logo da primeira adxudicación de prazas que dá dereito a matrícula, constatan unha suba xeneralizada en todas as modalidades, tanto ciclos ordinarios como FP Dual Intensiva, FP Básica, FP a distancia ou másteres e especializacións. Os incrementos máis acusados concéntranse nos másteres de FP, que medran preto dun 60% (1.050 solicitudes recibidas) e nos ciclos de FP Dual Intensiva (a nova denominación da antiga FP Dual), cun crecemento do 20,49% de solicitudes ata acadar as 3.376. Destaca tamén o crecemento de peticións na modalidade semipresencial e a distancia, cun 13,43% máis (14.486 en total recibidas).

 

Dos 821 ciclos totais ofertados en réxime ordinario xa están completos 457 (o 55,66%), mentres que en outros 364 quedan prazas vacantes. No caso dos ciclos de grao medio esgotaron prazas un total de 208 ciclos (51,49%) mentres que outros 196 aínda dispoñen de prazas. En grao superior, 249 (55,66%) cubriron prazas mentres que outros 364 aínda dispoñen de vacantes para as sucesivas adxudicacións.

 

Réxime ordinario

Grao Medio

Grao Superior

TOTAL

Ciclos completos

208 (51,49%)

249 (59,71%)

457 (55,66%)

Ciclos con vacantes

196 (48,51%)

168 (40,29%)

364 (44,34%)

TOTAL

404

417

821

 

Reparto por provincias

 

Grao Medio

Grao Superior

Total

PROVINCIA

Ciclos completos

Ciclos con vacantes

Ciclos

completos

Ciclos con vacantes

 

A Coruña

89

68

120

55

332

Lugo

14

43

17

36

110

Ourense

18

26

18

20

82

Pontevedra

87

59

94

57

297

TOTAL

208 (51,49%)

196 (48,51%)

249 (59,71%)

168 (40,29%)

821

 

Cómpre ter en conta que cada persoa pode presentar solicitude ata en catro prazas en ciclos ordinarios, FP Básica e másteres. No réxime de persoas adultas, tanto presencial como a distancia, pode haber ata catro peticións por centro e ciclo con ata 10 módulos cada unha.

 

Familias máis demandadas

Entre os ciclos máis demandados atópanse os da familia de Sanidade, onde o cen por cen das prazas xa foron cubertas nesta primeira adxudicación, de Actividades físicas e deportivas, Imaxe e son e Téxtil, confección e pel.

 

Matrícula

Desde hoxe ata o 22 xullo ás 13,00 horas o alumnado deberá confirmar ou renunciar a praza adxudicada, xa que de non facelo quedará excluído do procedemento. Froito desta posibles renuncias, é posible que ciclos que neste momento figuran como completos, a partir do día 22 pasen a dispoñer de prazas dispoñibles, aínda que a maioría dispoñe de persoas en listaxe de agarda.

 

Do 24 ao 31 de xullo terá lugar a segunda fase de adxudicación e matriculación, que seguirá un proceso similar. Unha vez concluída a terceira fase xa en setembro, haberá unha adxudicación continuada por chamamentos individualizados.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do CIQUS con máis de 3M€ ata 2027

Novas portal educativo - Mér, 17/07/2024 - 07:48

Summary: 

Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos e investigadores, entre os que se atopan catro Oportunius

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación aplauden a máxima puntuación acadada na renovación da acreditación de excelencia

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Molecurales (CIQUS), da Universidade de Santiago de Compostela, para coñecer os seus proxectos e investigadores de excelencia, entre os que se atopan catro Oportunius.

 

Esta visita realízase tras a renovación da acreditación de excelencia deste centro pertencente á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que acadou a máxima puntuación neste proceso onde se avaliou a súa traxectoria e rendemento. Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con máis de 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos.

 

O CIQUS, centrado na saúde, biomedicina e sustentabilidade, captou no período 2019-2022 máis de 31M€, o que supón un incremento do 78% con respecto ao período anterior, alcanzando un récord de captación no ano 2023 con máis de 11M€. Conta con máis de 200 investigadores traballando en 18 grupos de investigación, do que o 50% son estudantes de doutoramento.

 

Os representantes da Consellería de Ciencia e Universidades puideron coñecer de primeira man o traballo que se realiza nas súas instalacións, onde se desenvolven 12 proxectos ERC (Consejo Europeo de Investigación) liderados por oito investigadores de excelencia. Ademais, destacan 14 proxectos de valorización, innovación e proba de concepto, así como a concesión de 14 patentes e a publicación de máis de 100 artigos científicos ao ano. O CIQUS tamén é sobresaínte á hora de captar talento e programas internacionais: desde o 2019, realizáronse 15 contratos posdoutorais Marie Curie e tres redes Marie Curie de doutoramento.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta lamenta que os 500M€ que o goberno central prometeu para un plan de reforzo das matemáticas e a lectura se queden en 95

Novas portal educativo - Mar, 16/07/2024 - 11:28

Summary: 

Os representantes da Consellería que participaron na Comisión Xeral de Educación expuxeron que os 5,27M€ que lle corresponden a Galicia son insuficientes para levar a cabo as melloras necesarias

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia lamenta que o Goberno do Estado rebaixe de 500 a 95 millóns de euros para o conxunto de España a dotación inicial para un Plan de reforzo en Matemáticas e Lectura prometido polo presidente do Goberno do Estado nun acto de campaña electoral o pasado mes de xaneiro.

 

A contía de 95M€ -dos cales 5,27 lle corresponden a Galicia- foi comunicada hoxe polo Ministerio de Educación e Formación Profesional durante a reunión da Comisión Xeral de Educación, á que asistiron en representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP o secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. Os representantes do departamento educativo do Goberno galego trasladáronlle aos responsables estatais que se trata dunha partida insuficiente para levar a cabo os programas de mellora necesarios neste eido, máxime cando se partía dunha proposta inicial de 500M€.

 

Non obstante, e pese á falta de apoios por parte do Goberno central, Galicia continuará coa súa folla de ruta con accións específicas de apoio para consolidar un modelo educativo propio, baseado na calidade, na convivencia, na equidade e na igualdade de oportunidades. Non en balde, a comunidade galega é unha das que máis inviste por alumno.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta e o Círculo de Empresarios de Galicia avalían iniciativas para afianzar a relación entre educación e empresa

Novas portal educativo - Mar, 16/07/2024 - 09:38
Idioma Gallego

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión co director xeral do Círculo de Empresarios de Galicia, Víctor Jauregui, para abordar vías de colaboración que adapten os programas formativos ás demandas das empresas.

 

No encontro, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia de establecer un entorno dinámico entre os sectores económicos e educativos, que resulte atractivo e competitivo, promovendo continuamente novos programas de formación para unha maior e mellor inserción laboral.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O ecosistema galego de I+D+i avalía os instrumentos de apoio á I+D+i da Xunta de Galicia

Novas portal educativo - Mar, 16/07/2024 - 09:32

Summary: 

Celébranse varias mesas de traballo con distintos axentes no marco do processo de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)

As conclusións deste proceso participativo servirán para afinar e enriquecer os instrumentos do novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027

Idioma Gallego

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, celebra hoxe e mañá en Santiago de Compostela varias mesas de traballo cos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i (centros tecnolóxicos, universidades, organismos de investigación, sector empresarial, sociedade e Administración) como parte do proceso de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).

A directora da Axencia, Carmen Cotelo, agradeceu a participación dos 70 representantes do ecosistema galego de I+D+i neste proceso e destacou a oportunidade que representa este foro para realizar unha reflexión compartida co ecosistema e extraer conclusións que permitan á Administración autonómica afinar e enriquecer os instrumentos de cara o deseño do novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 que se realizará durante os vindeiros meses.

A RIS3 supuxo un novo enfoque da política de I+D+i da nosa Comunidade coa aplicación da especialización intelixente -a identificación de áreas estratéxicas potencialmente competitivas a través de procesos participativos nas que concentrar os recursos económicos para impulsar o desenvolvemento do territorio- e foi destacada como boa práctica a nivel europeo polo seu proceso de avaliación.

Estas mesas de traballo son unos dos instrumentos de recollida de información do proceso de avaliación final da Estratexia e perseguen chegar a conclusións compartidas co ecosistema sobre a implementación e o grao de consecución dos obxectivos definidos que permitan optimizar o enfoque, a eficiencia e a eficacia da política de I+D+i de Galicia. Esta avaliación final realízase unha vez concluído o prazo de execución dos fondos europeos correspondentes ao periodo 2014-2020 e despois dun proceso de avaliación intermedio realizado en 2019.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Aprobadas as primeiras medidas para reducir a burocracia nos centros educativos, que entrarán en funcionamento ao inicio do vindeiro curso

Novas portal educativo - Lun, 15/07/2024 - 10:42

Summary: 

Co obxecto de mellorar o servizo a alumnos e familias, implántase un sistema de expedición automatizada de certificados e a tramitación integrada das solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica

Os equipos directivos contarán desde setembro cun sistema integral dixitalizado da tramitación de permisos docentes

Ao inicio do curso estarán actualizados os protocolos de absentismo e de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia

A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Comisión para a Simplificación e Eficiencia na Xestión Educativa, órgano creado co obxectivo de reducir a burocracia nos centros educativos. Logo de varios meses de labor a través de diversos grupos de traballo, presentáronse e avaliáronse as primeiras medidas con esta finalidade, co obxectivo de que entren en vigor a partir de setembro co inicio do novo curso. A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo asinado o pasado outono.

 

O obxectivo é alixeirar aos equipos directivos e aos docentes de determinadas tarefas administrativas que poden ser optimizadas e facilitadas, de tal modo que poidan dedicar ese tempo a labores propiamente educativos.

 

Medidas para alumnos, familias e docentes

Así pois, na reunión de hoxe da Comisión -composta por representantes da Consellería, de docentes de colexios, institutos e centros integrados de FP e das tres organizacións sindicais asinantes do Acordo- analizáronse os informes técnicos dos catro grupos de traballo específicos creados para tal fin segundo o tipo de ensinanzas (de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP e de Réxime Especial) e pecháronse as primeiras medidas que inciden na mellora dos servizos ao alumnado e as súas familias e no labor dos docentes e dos equipos directivos.

 

Neste senso, no que atinxe directamente aos servizos ao alumnado e ás familias, xa desde principios de curso operará a expedición automatizada de certificados (por exemplo, certificados de matrícula), así como a tramitación integrada de solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica. Neste último caso será unha tramitación en liña, que axilizará considerablemente o proceso, centralizándoo nun expediente único desde que un orientador pide a intervención para un alumno en concreto, a dirección visa a solicitude e finalmente a valida a Inspección Educativa.

 

No que atinxe á mellora dos servizos docentes e á interacción cos equipos directivos, desde principios de curso operará un procedemento simplificado para o rexistro das actividades do profesorado na plataforma XADE de Xestión Administrativa de Educación. Así mesmo, operará un sistema integral para a xestión de permisos e licenzas dos docentes para asistir a actividades de formación, con tramitación dixital dos mesmos.

 

Doutra banda, en resposta ás demandas formuladas desde os centros educativos, tamén se deu o visto e prace á facilitar progresivamente as probas das avaliacións de diagnóstico en soporte dixital, fronte ao formato papel no que se subministraban ata o de agora.

 

Dixitalización e tratamento de datos

Finalmente, outros dos aspectos avaliados hoxe e que entrará en vigor no primeiro trimestre do curso 2024-25 é a actualización dos protocolos de absentismo, de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia, coa finalidade de proporcionar aos centros documentos e guías actualizadas. Na xuntanza tamén se acordou seguir traballando na implementación doutras medidas de mellora de funcionamento dos centros que derivará nun mellor servizo á comunidade educativa e que completarán o primeiro paquete de accións aprobadas esta mañá.

 

En xeral continuarase avanzando na integración e actualización de procedementos burocráticos de xestión interna a través da dixitalización de procesos, acceso e tratamento de datos; na xestión da documentación do alumnado cun espazo dixital único para arquivar, conservar e transmitir documentos a pais e alumnos, así como establecer un sistema para transferir rapidamente e con acceso controlado os documentos das probas obxecto de reclamación; en melloras relativas á xestión de transporte e comedor escolar, e na simplificación do proceso de matrícula, entre outros.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta eleva a 300.000€ o orzamento para os comedores de escolares con discapacidade ao sumar un acordo co centro Lenda Educativa, de Carballo

Novas portal educativo - Lun, 15/07/2024 - 09:39

Summary: 

Destinaranse case 7.700€ para facilitar o servizo a 15 usuarios deste colexio

Súmase aos acordos con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para 557 alumnos con necesidades

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á subscrición dun acordo de colaboración coa sociedade cooperativa Lenda Galega, responsable do Centro de Educación Especial do mesmo nome en Carballo, para prestar o servizo de comedor escolar adaptado a 15 usuarios deste colexio ao longo do vindeiro curso. Destinarase un orzamento de 7.689,6€ para este fin. Este convenio ven a substituír ao tramitado anteriormente con ASPABE, que pechou o centro asumido agora pola devandita cooperativa.

 

Este acordo súmase aos xa autorizados con outras 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para facilitar o servizo de comedor escolar a usuarios do CEE Pontevedra. Deste xeito, o Goberno galego destinará o vindeiro curso 295.679,6€ a facilitar o servizo de comedor adaptado a 572 alumnos con necesidades educativas específicas escolarizados en centros especializados en atender a súa discapacidade.

 

Esta colaboración enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

 

Deste xeito, as diferentes asociacións e entidades comprométense a facilitar ao alumnado discapacitado a utilización do comedor escolar, asumindo a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o remate das clases matinais e o propio remate do servizo de comedor. Cómpre sinalar o carácter educativo que para este alumnado con distintos tipos de discapacidades ten o comedor escolar, en canto ao aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos
Distribuir contido


by Dr. Radut