Nova sesión, a sexta, do Club da Igualdade

A temática da charla deste mes de marzo tratará sobre a Intelixencia Artificial  e o seu papel na desigualdade de xénero. En concreto o título da sesión, que foi suxestión da propia relatora, é Investigación con nesgo de xénero. Impacto dunha Intelixencia Artificial "desenfocada".

A persoa que nos acompañará o luns é Rebeca P. Díaz Redondo. Rebeca é Enxeñeira de Telecomunicacións e profesora titular da Universidade de Vigo e, desde hai un ano, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Investiga na aplicación de técnicas de intelixencia artificial en varios contextos, destacando o deseño de ecosistemas de aprendizaxe máquina distribuídos e colaborativos para aplicación de Internet das Cousas. Ten publicado os seus traballos en máis de 60 revistas internacionais e dirixido e participado en máis de 30 proxectos de investigación e transferencia. Tamén leva a cabo investigacións para a cátedra de feminismos da Universidade de Vigo, investigacións enfocadas ao tratamento da información e o funcionamento dos algoritmos matemáticos nas redes sociais.

O horario da sesión será, como sempre, de 15:30 a 16:45, e o lugar, o salón de actos do centro.