Skip to Content

Certame de Poesía Xela Arias

Xoves 4 de xuño: acto de entrega de premios do Certame de Poesía Xela Arias

Este xoves ás 12:20 no IES A Sangriña celebrarase o acto literario de homenaxe á poeta Xela Arias.

O acto iniciarase coa conferencia da profesora da universidade de Santiago, María Xesús Nogueira, que nos aproximará á obra de Xela Arias así como á importancia da literatura feminina creada nos últimos anos en lingua galega.

 A continuación alumnas do instituto ofrecerán un recital de poemas da autora homenaxeada.

 Finalmente  entregaranse os premios do Terceiro Certame de Poesía Xela Arias, que lle corresponderon ás seguintes persoas.

    * 1º premio da modalidade A: Rosabel Rodríguez Ku, alumna de 3º de ESO do IES A Sangriña.
    * 1º premio da modalidade B: Pablo Lomba Riego alumno de 1º de bacharelato do IES A Sangriña.
    * 2º premio da modalidade B: Lucía Barrera López, alumna de 1º de bacharelato do IES Perdouro de Burela.
    * 3º premio da modalidade B: Moisés Martínez González, alumno de 2º de bacharelato do IES Pedra da Auga de Ponteareas
    * Mención especial para María Lueiro García, alumna de 1º de bacharelato do colexio Maristas-Cristo Rei da Coruña.

 A asistencia a este acto literario é aberta para todas as persoas que o desexen.  Desde a Dirección do IES A Sangriña convidámosvos a vir gozar deste tempo para a poesía.

 As persoas que asistan recibirán como obsequio a publicación dos poemas gañadores da segunda edición na que tamén atopamos unha aproximación  á obra de Xela da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira. Este libro, igual que na edición anterior, está publicado pola Deputación de Pontevedra.

Bases do III Certame de poesía Xela Arias


1.- Poderán concorrer a este concurso literario, alumnos e alumnas de Ensino Secundario, Bacharelato e Ciclos formativos en dúas modalidades:
- Modalidade A: Alumnado de 12 a 15 anos.
- Modalidade B. Alumnado de 16 a 20 anos.
2.- Presentarán catro poemas inéditos, de tama e forma libres e escritos en galego.
3.-Concederanse dous premios a cada modalidade.
- Modalidade A:
- Primeiro premio: 150 €
- Segundo premio: 100 €
- Modalidade B:
- Primeiro premio: 200 €
- Segundo premio: 150 €
4.- Os traballos presentados ao concurso non levarán nome do autor ou autora, senón un pseudónimo ou lema. Nun sobre pechado introduciranse os datos persoais do autor ou autora (nomme, idade, enderezo, teléfono, curso e centro onde estuda). No exterior do sobre figurará soamente o pseudónimo ou lema.
5.- Toda a documentación citada na base anterior deberá remitirse ao instituto de Ensino Secundario A Sangriña, en sobre pechado e facendo constar no seu exterior:
III CERTAME DE POESÍA XELA ARIAS
IES A Sangriña
Avda. de Portugal, 21
36780 A Guarda - Pontevedra
6.- A presidencia do xurado será asumida pola Directora do Centro IES A Sangriña ou persoa en quen delegue. O xurado estará constituído por creadores e especialistas en Literatura Galega.
7.- A decisión do xurado, que será inapelable, adoptarase por maioría simple. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases. Diante de calquera dúbida prevalecerá única e exclusivamente a opinión do xurado. Os premios poderán declararse desertos.
8.- O IES A Sangriña resérvase durante un ano o dereito de publicar as obras premiadas. Neste sentido, os autores renuncian a favor do IES A Sangriña, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
9.- O prazo de admisión dos traballos finalizará o 22 de maio de 2009.
10.- O fallo do xurado darase a coñecer o día 29 de maio.

Distribuir contido


by Dr. Radut