Skip to Content

Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento impartido por Agareso

 

O IES A Sangriña da Guarda participou este curso por segunda vez no proxecto EpD_LAB,un proxecto multimedia de comunicación que se desenvolveu este ano en 5 centros educativos galegos (IES A Cachada de Boito, IES A Sagriña de A Guarda, IES Milladoiro de Ames, IES Carlos Casares de Viana do Bolo e IES Pintor Colmeiro de Silleda) e nunha radio comunicaria de América Central, Itzcanal en O Salvador.

O obxectivo principal de EpD_LAB, que leva a cabo a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) a través do financiamento de proxectos de Cooperación da Xunta de Galicia, é a formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores. O proxecto traballa na produción de contidos transmedia e novas narrativas ao redor de temáticas sociais, facilitando que tanto alumnado como profesorado fagan un uso activo das TIC, dando a coñecer a súa realidade e establecendo redes de aprendizaxe mutua entre eles.

O traballo desenvólvese a través dunha serie de obradoiros de formación (un mensual durante todo o curso) nos que se traballa a capacitación técnica no uso das ferramentas de creación e publicación de contidos na web, a educación en valores para unha comunicación responsable, inclusiva e que acompañe os procesos de transformación social, a análise das mensaxes que se difunden na web e nos medios de comunicación, desde unha perspectiva crítica e construtiva cara á cooperación e á xustiza social.

A creación de contidos transmedia acompañou todo este proceso formativo, os mesmos contidos que agora se presentan en cada centro. Memes, curtas, dobraxe de películas e contidos de deseño gráfico serven para retratar a visión de rapazas e rapaces sobre as desigualdades sociais, o desenvolvemento sustentable, o comercio xusto e a equidade de xénero.

Todas estas pezas están dispoñibles na web do proxecto: www.epdlab.gal, para quen queira consultalas. Nesta plataforma están tamén os resultados das anteriores edicións do proxecto.

Tamén se poden consultar na web e na canle de youtube do proxecto o intercambio de videocartas entre os voluntarios da Radio Comunitaria Itzcanal, en O Salvador, e o alumnado galego. Esta relación establécese co obxectivo de integrar a visión de rapazas e rapaces que viven a realidade social e cultural dun país en vías de desenvolvemento.

 

 



story | by Dr. Radut