Aristófanes foi un famoso escritor de comedias ateniense. Contra o 411 a.C., no tempo en que Grecia libraba as Guerras do Peloponeso, escribiu Lisístrata. Lisístrata quere a paz entre gregos. Para forzar aos homes a asinaren a paz, propón ás gregas unha folga de sexo. Velaquí dous fragmentos da obra, a escena inicial e outra do final:
“(Entran Lisístrata e Cleónice. De fondo a Acrópole.)
Lisístrata: A salvación da patria depende do apoio das mulleres á miña idea.
Cleónice: Das mulleres? Feble apoio...
Lisístrata: Ten por seguro que se unimos as mulleres de toda Grecia, a patria estará a salvo.
Cleónice: E como esperas que as mulleres fagamos algo extraordinario, se vivimos a voltas coa nosa maquillaxe, os nosos vestidos, as nosas sandalias.
Lisístrata: É xustamente iso que nos salvará: os nosos vestidos provocativos, os nosos perfumes, os nosos conxuntos transparentes.
Cleónice: Ah! Nese caso vou xa encargar un vestido ben escotado e unhas sandalias fermosas!
Lisístrata: Vexo algunhas mulleres achegarse! (Entra Mirrina). Chegades tardísimo!Mirrina: E que demorei a encontrar a miña cinta. O caso é que xa estamos aquí.
Lisístrata: Ben. Falarei. Se quixermos obrigar nosos maridos a votar pola paz teremos de nos privar...
Cleónice: De que? Fala logo!
Lisístrata: Teremos de nos privar de facer o amor! Ei! Por que marchades? Por que estades amuadas?
Mirrina: Eu non podo facer tal. Deus me libre! Antes a guerra! Non hai outro medio de lograr a paz?
Lisístrata: Se ficamos en casa, ben pintadas, con vestidos transparentes, deixando ver certos lugares ben depiladiños... Cando os nosos maridos cheguen onda nos, toliños por nos agarrar... Garántovos que votarán pola paz!
Cleónice: E se os nosos maridos nos agarrasen e nos levasen para o cuarto?
Lisístrata: Agarrádevos á porta!
Cleónice: E se nos batesen?
Lisístrata: Nese caso deixádesvos. Mais de mal grado e sen cooperar. Non hai pracer nesas cousas cando son forzadas. Ficade tranquilas. Hanse entregar axiña, pois o home sen a muller non ten pracer en nada.
Cleónice: Se vós sodes desa opinión, eu tamén!
¨ ¨ ¨
(Entran un embaixador de Esparta e un ministro de Atenas)
Embaixador: Onde é o Senado de Atenas? Teño novidades.
Ministro: Quen é vostede? Un home ou un sacarrollas?
Embaixador: Son embaixador, querido. Veño de Esparta para tratar a paz.
Ministro: Vén vostede tratar a paz con esa lanza apuntada para nos? (...)
Embaixador: Está ben de parvadas. Vexa, ministro. (Levanta a túnica.)
Ministro: (Levanta tamén a túnica.) Entendido! Pode dicir a verdade. Como van as cousas por Esparta?
Embaixador: Esparta está parada. Precisamos con urxencia das nosas mulleres!”
- O humor sempre estivo baseado en estereotipos. Que estereotipos sobre o desexo masculino e feminino conteñen estes fragmentos?
- Valora este diálogo entre Cleónice e Lisístrata: “E se os nosos maridos nos agarrasen e nos levasen para o cuarto?” “Agarrádevos á porta!” “E se nos batesen?” “Nese caso deixádesvos. Mais de mal grado e sen cooperar. Non hai pracer nesas cousas cando son forzadas.”
- A comedia resólvese coa sinatura da paz. Vencen as mulleres, xa que logo. Con todo, pódese dicir que esta comedia contén unha mensaxe liberadora para as mulleres?